O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na evolución da pandemia da Covid-19 anunciou no serán deste martes varios cambios no mapa de restricións, debido aos novos surtos detectados nos últimos días. Os concellos con maior incidencia, Carnota e Sarria, quedarán o nivel alto, o que supón o peche de interior dos locais de hostalaría e a limitación da capacidade no exterior destes locais ao 50%. Ademais, recoméndase que as reunións se reduzan a seis persoas como máximo en espazos pechados e 15 persoas como máximo en espazos ao aire libre, agás que se trate de conviventes. O municipio carnotán, con 20 positivos detectados na última semana e unha incidencia por riba de 500 casos/100.000 habitantes a 7 e 14 días, súmase así ao concello de Sarria, que rexistra máis de 30 casos na última semana e xa estaba en nivel alto.
Alén disto, outros nove concellos quedarán no nivel medio de restricións. A Cambre, Castroverde e Poio (que xa estaban neste rango) súmanse Oia, Barro, Cambados, Pontevedra, Vilaboa e Vilanova de Arousa. Neles establécese a recomendación de grupos de seis persoas como máximo en espazos pechados e quince persoas como máximo en espazos ao aire libre, agás que se trate de conviventes. Os establecementos de hostalaría e restauración estarán ao 30% no interior e 50% nas terrazas.
Estes concellos manteñen un maior nivel de transmisión nas últimas semanas. Os brotes vinculados a viaxes estudantís elevaron a incidencia en Pontevedra (80 casos na última semana). Os outros municipios, aínda con un número menor de infeccións, rexistran un aumento na incidencia que levou a decretar estas novas medidas.
O resto de municipios galegos, (incluídos Camariñas e Malpica de Bergantiños, que estarán ata o venres en nivel medio) pasarán ao rango de limitacións medio-baixo a partir da medianoite do sábado. Neste caso a capacidade dos locais de hostalaría será do 50% no interior e 100% no exterior.














