A vítima máis antiga que se coñece da peste negra ten 5.000 anos

Atopan en Letonia fragmentos do xenoma da "Yersinia pestis", pertencentes a unha cepa menos transmisible, que axuda a comprender a evolución do patóxeno

A pandemia da Covid-19 volveu lembrar a fraxilidade que ten a Humanidade diante de patóxenos case invisibles. Porén, nada é comparable na crise do coronavirus á devastación provocada por outras epidemias letais, como a peste negra que arrasou Europa na Idade Media e seguiu causando graves problemas ata ben entrado o século XX. A bacteria Yersinia pestisque se pode transmitir a humanos a través de pulgas, así como de persoa a persoa cando infecta os pulmóns, experimentou probablemente durante milenios a evolución que a converteu en letal. Pero aínda queda moito por saber dun dos patóxenos máis mortíferos da historia da Humanidade. Por exemplo, recentemente un equipo de científicos do norte de Europa descubriu o xenoma da bacteria nos restos dun home que viviu no que hoxe é Letonia 5.000 anos antes de agora.

A análise publícase esta semana na revista Cell Reports, e achega unha valiosa información sobre as primeiras etapas da evolución deste patóxeno. “Contrariamente ao que se supoñía nun principio, as bacterias xa infectaron ás persoas ao comezo do período neolítico, pero probablemente só tiñan un potencial limitado de infección, polo que non poderían propagarse en proporcións epidémicas”, explican desde a universidade alemá de Kiel, á que pertence parte do equipo.

Publicidade

Os científicos estudaron os restos de catro persoas soterradas nun xacemento en Riņņukalns. “Anteriormente, sabíase pouco sobre os cazadores-pescadores-recolectores que vivían no nordeste de Europa nese momento, e sobre a súa exposición a enfermidades infecciosas”, explica o coordinador do estudo, o profesor Ben Krause-Kyora, bioquímico e arqueólogo. Estudaron o ADN destes restos humanos nos dentes e ósos na procura de patóxenos bacterianos e virais e conseguiron identificar parte do xenoma da Y. pestis nun varón.

Pandemias doutra época: a peste negra en Galicia de 1348

Debido a que, por mor do paso do tempo, o ADN nos ósos está ‘fragmentado‘ en pequenas pezas, os investigadores tiveron que compoñer o xenoma da bacteria a partir de distintos fragmentos. E así analizaron estas pezas, xunto a información xenética de cepas máis recentes, para pescudar de onde vén esta cepa, como e cando evolucionou.

Publicidade

Unha cepa da peste negra menos contaxiosa

Con estes datos puideron datar a orixe da cepa da peste no Neolítico, uns 7.000 anos antes de agora, polo que é a estimación máis antiga feita ata o momento do patóxeno. “A nosa estimación é arredor de 1.000 anos antes do que se cría anteriormente”, explica Harald Lübke, investigador do Centro de Arqueoloxía Báltica e Escandinava.

O punto de partida do traballo postulou que xa se produciran epidemias de peste durante o Neolítico. “Estabamos a buscar factores que permitisen aos patóxenos desencadear epidemias. Queriamos investigar isto con máis detalle, baseándonos no patóxeno da peste,”, engade Ben Krause-Kyora. “Porén, contrariamente ás expectativas, os nosos datos non respaldan a hipótese anterior dunha pandemia de peste pneumónica durante este período. Pola contra, suxiren que esta forma moi temperá do patóxeno era probablemente menos transmisible e, posiblemente, tamén menos virulento cás cepas posteriores”, engade o experto. Non se atoparon, por exemplo, xenes implicados nunha transmisión máis efectiva a través de pulgas.

Os achados apuntan, por tanto, a unha zoonose individual, isto é, infeccións puntuais nas que o patóxeno pasaba de animais a humanos. Non foi ata máis tarde cando acadou a capacidade de xerar unha epidemia ou unha pandemia mundial, como finalmente aconteceu.

“Desde unha perspectiva arqueolóxica, este achado é importante porque suxire que as infeccións coa bacteria da peste non provocaron cambios sociais ou políticos transformadores a gran escala durante o Neolítico”, expón outro dos autores, Johannes Müller. Outro dos asinantes, Stefan Schreiber, engade: “Os resultados contribúen tamén a unha mellor comprensión de como xurdiron e continúan xurdindo as zoonoses e como, á súa vez, poden converterse en epidemias e pandemias”.


ReferenciaA 5,000-year-old hunter-gatherer already plagued by Yersinia pestis (Publicado en Cell Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Nova vítima mortal de Crimea-Congo: que é, como se contaxia e como pode afectar a Galicia

O virus que causa a enfermidade da febre hemorráxica xa está a circular no territorio galego, segundo o último informe do laboratorio que realiza o seu seguimento

Cinco motivos para estar alerta ante a transmisión de gripe aviaria en humanos

México e a OMS anunciaron o 5 de xuño a morte dun home, de 59 anos de idade, infectado polo virus da influenza subtipo AH5N2

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres