A peste no Porto en 1899: o ‘paciente cero’ galego e temor na Raia

A última gran epidemia causada pola "Yersinia pestis" en Portugal provocou o peche da cidade e medidas de control na fronteira con Galicia

A pandemia da Covid-19 e a da gripe de 1918 pasarán á historia como dúas das últimas grandes doenzas causadas por un virus que amosaron á humanidade a súa vulnerabilidade. As crónicas expoñen como se repiten determinados elementos: a psicose da poboación, rumores nunca confirmados, insensatos que intentan sacar tallada ou negan a evidencia… E tamén é semellante a forma de enfrontarse a un inimigo diminuto. Aínda que hoxe o coñecemento científico é moito maior, cun gran esforzo global na procura dunha vacina e moitos máis recursos para impedir as elevadísimas taxas de mortalidade que deixou a influenza de hai un século, as principais medidas seguen sendo o confinamento e a distancia social. Mais non son as únicas experiencias da historia recente nas que unha epidemia pasa meses nas portadas dos xornais. No final do verán e o outono de 1899 había un tema de conversa principal entre os lectores dos diarios en Galicia: a peste bubónica que afectou á cidade do Porto, e que, pola súa proximidade, xerou unha importante inquedanza no país. E ademais, moitas das investigacións coinciden en sinalar en que o paciente cero foi un estibador galego: Gregorio Blanco.

Todo comezou o día 5 de xuño, aínda que a alerta sanitaria non saltaría ata varias semanas despois: “Espanhol, de 47 anos de idade, era carrejão de bordo e de armazéns de porto. Andava há pouco tempo adoentado duma pontada no lado direito, sem inchaço algum, quando a 5 de junho passado depois de um dia de serviço, entrou no domicílio taciturno e cambaleante; a gente da casa chegou a supô-lo embriagado. Foi à latrina, e como se demorasse, os companheiros foram dar com ele já morto”.

Publicidade

Praça da Ribeira do Porto. A rúa Fonte Taurina, onde vivían os estibadores galegos, está entre os dous edificios amarelos. Foto: Pedro Paulo Palazzo / CC BY-SA.
Praça da Ribeira do Porto. A rúa Fonte Taurina, onde vivían os estibadores galegos, está entre os dous edificios amarelos. Foto: Pedro Paulo Palazzo / CC BY-SA.

O texto é un extracto dos relatorios enviados ás autoridades por Ricardo Jorge, entón responsable dos servizos municipais de saúde pública. O doutor Jorge é hoxe recoñecido como unha figura clave da Medicina en Portugal, e o Instituto Nacional de Saúde leva o seu nome. Este médico levaba anos advertindo que o deficiente saneamento do Porto era un caldo de cultivo moi acaído para que unha epidemia xerase serios problemas, tal e como acontecera en varias ocasións ao longo do século XIX. E noutro paralelismo coa actualidade, denunciaba que as clases máis desfavorecidas eran as máis expostas a estes males polas condicións nas que se vían obrigadas a vivir.

Para Ricardo Jorge, Gregorio Blanco é o paciente cero, aínda que outras fontes apuntan a que antes de xuño xa corría entre os estibadores o rumor dunha “doenza misteriosa” con síntomas como “tumefaccións nas inguas, as axilas e o pescozo”, segundo expón o xornalista e historiador David Pontes, director adxunto do diario Público, nunha tese sobre a epidemia publicada no 2015.

Publicidade

A peste bubónica, con moita seguridade, entrara por mar desde Oriente, aínda que nunca se puido establecer a través de que barco chegou á cidade a bacteria Yersinia pestis, probablemente a bordo dunha pulga ou unha rata. Era a terceira gran vaga causada polo patóxeno, causante da Peste Negra do século XIV, e que se propagou por última vez polo planeta desde mediados do século XIX ata ben entrado o XX. En 1894, a bacteria fora descuberta case ao mesmo tempo polo xaponés Kitasato Shibasaburo e o suízo Alexandre Yersin, que lle acabaría dando nome.

O doutor Ricardo Jorge (á esquerda, con barba e lentes), analizando mostras durante a epidemia. Foto: Arquivo do Centro Português de Fotografia.
O doutor Ricardo Jorge (á esquerda, con barba e lentes), analizando mostras durante a epidemia. Foto: Arquivo do Centro Português de Fotografia.

Sexa como for, Jorge non conseguiu rastrexar casos anteriores ao de Blanco. O doutor púxose a investigar a comezos de xullo, despois de ser avisado por un tendeiro da rúa de São João, que baixa á Praça da Ribeira, de varias mortes na zona. Comeza a tecer vínculos e chega a Gregorio Blanco e os seus compañeiros de cuarto, tamén galegos, que vivían na rúa da Fonte Taurina, unha vía estreita paralela ao Cais da Estiva. Segundo conta Myron Echenberg no seu libro Plague Ports: The Global Urban Impact of Bubonic Plague, 1894-1901, José Lourenço, que estivera velando o corpo de Blanco, falecería dous días despois. A mediados de xuño, caeran enfermos José Soarez, José Souto e Alberto Rodríguez, tamén galegos, estibadores e compañeiros de Blanco. Non aparece outra referencia máis detallada sobre a súa orixe. Unha semana despois, morreu unha parella de amigos do “paciente cero”. Ao final do brote, sete dos nove estibadores infectados e cinco mulleres que vivían na mesma rúa falecerían, facendo medrar a inquedanza na cidade.

O 20 de xullo, Jorge consegue confirmar no laboratorio que o mal está provocado pola Yersinia pestis a través da mostra recollida a unha muller chamada Amélia Seixas, que era, segundo os seus cálculos, o paciente número 23. Desde as primeiras sospeitas, Jorge recomendara o illamento dos enfermos e extremar as medidas de hixiene, apelando ás autoridades a actuar para reforzar a vixilancia con máis medios. O Goberno de Lisboa, temeroso de que a epidemia se estendese polo país, levando a España a pechar as fronteiras e que outros países con relación comercial decreten a corentena aos buques que saian dos peiraos portugueses, decide pechar a cidade. O 17 de agosto asínase o decreto coas primeiras medidas de control e finalmente, o día 23 establécese un cordón sanitario.

A peste na Raia

As noticias do peche do Porto provocan a reacción na Raia e en numerosas localidades galegas. Os xornais piden reforzos ao Goberno español para vixiar os pasos principais. Os gobernos de varias vilas e cidades anuncian medidas de prevención. Infórmase da inquedanza en lugares do sur de Ourense como Chaguazoso, Feces de Abaixo, A Xironda, Calvos de Randín, Padrenda, Salvaterra, As Neves, Tui... En Pontevedra, un bando da alcaldía ordena, entre outras medidas, a limpeza e desinfección das casas baixo advertencia de multa de 20 pesetas, e a retirada de porcos e galiñas das rúas.

E xorden os primeiros rumores: a finais de agosto circula a sospeita de que existen casos de peste en Chaves, o que preocupa aos alcaldes de Verín ou Vilardevós, que esixen noticias sobre a situación. Finalmente acaban descartándose. Na época eran moi habituais os brotes de varíola ou tifo, que xeraban un alto número de falecementos, e ás veces confundíanse coa peste. É o caso do que aconteceu en Vilariño Frío, en Montederramo, que a Gaceta de Galicia acabaría descartando. “Se ben era certo que chegaran algúns portugueses que burlaron a vixilancia da fronteira, non viñan do punto infectado; a enfermidade que alí padecen algunhas persoas é orixinaria da falta de limpeza e alimentos, febre infecciosa ao fin, pero que se diferenza moito da terrible peste que nos ameaza”.

Rumores desmentidos sobre o caso de peste en Chaves.
Rumores desmentidos sobre o caso de peste en Chaves.

No Porto os ánimos comezan a caldearse: a paralización dunha cidade que vivía cara ao Douro, que se movía ao ritmo que marcaban as mercadorías que chegaban e saían, deixaba moitas persoas sen traballo nin sustento, e as forzas vivas da cidade tamén ven ameazada a súa prosperidade económica, polo que axitan o rexeitamento ao peche. Miles de persoas foxen antes de que se faga efectivo o cerco. Xorden voces desde os xornais que acusan ao goberno de Lisboa de actuar contra os intereses do Porto. Ademais, a decisión de queimar as vivendas onde se rexistraron casos, para desinfectalas, non axuda a calmar o enfado. Na Invicta comezan a correr dúbidas sobre se a doenza existe realmente, e hai constancia de ocultación de casos e enterros clandestinos de infectados. O Goberno portugués envía ao Exército para vixiar que se cumpra o cerco. E a furia diríxese cara a Ricardo Jorge, con varios intentos de linchamento polos que acaba precisando de escolta policial, a pesar de que el non se declarou a favor do cordón da cidade, senón na contención precisa dos focos detectados.

O doutor ten que acabar fuxindo a Lisboa, onde asume o cargo da Direção-Geral da Saúde e Beneficência Pública e desenvolve unha brillante carreira como servidor público, e non volvería a Porto ata 1921. Farto dos ataques, deixou escrito: “Como se já não fosse triste o lutar com armas insuficientes contra uma epidemia devastadora vemo-nos sem força moral e legal para prosseguir no combate. Há trezentos anos havia mais e melhor; parece que até nisto se mostra mais uma vez a degeneração da sociedade portuguesa”.

O surto acabaría remitindo e antes do Nadal levantouse o cordón sanitario. Rexistráronse uns 320 casos e 132 mortes. Entre eles, os estibadores galegos, que foron caendo desde que Gregorio Blanco fose o primeiro en contraer a enfermidade. Crese que a localización do Porto, nun terreo escarpado, freou a propagación da bacteria a través dos vectores principais, as pulgas e as ratas. Aquela pandemia aínda chegaría con forza a India,  Estados Unidos, Australia ou Sudamérica, solapándose practicamente co tempo coa chegada da gripe de 1918. Ao tempo, as doenzas endémicas causaban enormes cifras de mortalidade infantil. A falta de vacinas, antibióticos e antisépticos, a escaseza de alimentos e recursos paraban a esperanza de vida nos 40 anos. Un mundo, sen dúbida, moi distinto ao que está a vivir a primeira pandemia do século XXI.


Referencias:

O cerco da peste no Porto. Cidade, imprensa e saúde pública na crise sanitária de 1899 (Investigación de David Pontes).

Ricardo Jorge e a Saúde Pública em Portugal. Um “Apostolado Sanitário (Publicado por Jorge Fernandes Alves en Arquivos de Medicina).

– Plague Ports: The Global Urban Impact of Bubonic Plague, 1894-1901 (Publicado por Myron Echenberg).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar