Os brotes en xente nova, foco de atención da Covid-19 en Galicia

Sanidade confirma 50 casos vinculados a viaxes estudantís a Baleares e eleva a Sarria ao nivel alto de restricións por un surto con case 30 casos

O crecente ritmo da campaña de vacinación, que xa protexe en Galicia á meirande parte das persoas maiores de 40 anos, xa se traduce nun descenso notable dos casos graves de Covid-19, que afectan sobre todo aos grupos de maior idade. Porén, ten o seu contrapunto, no marco do relaxamento das restricións sobre os encontros sociais: aínda que Sanidade non achega nas súas actualizacións diarias os novos casos por franxas de idade, o presidente da Xunta si achegou o xoves o dato de que arredor da metade das novas infeccións en Galicia corréspondese con xente menor de 35 anos. E dos arredor de 1.400 casos activos, menos dun cento teñen máis de 65 anos.

Nas súas actualizacións semanais sobre os principais indicadores de risco, o Ministerio de Sanidad tamén amosa como a Covid-19 se está a converter, sobre todo, nunha infección que afecta á mocidade aínda non vacinada: se a incidencia acumulada no conxunto da poboación galega era, segundo o último informe, de 43 casos/100.000 habitantes a 14 días e 21,4 a 7, nos maiores de 65 os rexistros son máis de catro veces menores: 9,3 e 4,4 respectivamente.

Publicidade

Foi neste contexto no que o subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia no seguimento da pandemia se reuniu este venres de forma extraordinaria. A consellería informou de dous asuntos que preocupan nestes días e centran a atención: o brote entre estudantes que viaxaron ás Illas Baleares e un surto vinculado a unha celebración en Sarria, na que xa se contabilizan preto de 30 positivos. Estes dous eventos de transmisión racharon, canto menos de forma puntual, a tendencia descendente da Covid-19 en Galicia. Nas últimas 24 horas confirmáronse 156 casos e a taxa de positividade subiu do 5% por primeira vez en varias semanas. Os datos remitidos ao Ministerio de Sanidade este venres elevan lixeiramente a incidencia a 44,16 casos a 14 días e 23,17 a sete.

Baleares: casos en Pontevedra, Ourense, Lugo e Vigo

Mentres que a incidencia descende nos grupos de idade avanzada nun maior ritmo, os agrupamentos de infeccións vinculados a viaxes de estudantes ás Illas Baleares preocupan en varias comunidades autónomas. Xa son máis de 500 casos entre persoas que estiveron en Mallorca.

Publicidade

En Galicia, as consellerías de Sanidade e Educación están a elaborar unha relación de grupos que realizaran viaxes estudantís a Baleares, confirmando ata agora a presenza de alumnado de 11 centros. Ata este venres había confirmados, canto menos, 50 casos en institutos de Pontevedra (30 deles), Vigo, Ourense e Lugo. Nestas dúas áreas xa se confirmaron infeccións transmitidas no eido familiar, segundo o conselleiro Julio García Comesaña. As dúas consellerías están a coordinar a realización de cribados entre estas persoas. E apelan, ademais, a que os familiares que vaian recoller aos seus fillos ao aeroporto extremen a precaución. A recomendación da Consellería de Sanidade é que vaia só unha persoa e que se use sempre máscara e distancia. Para o departamento sanitario “todos os estudiantes que viaxaran a Baleares considéranse contactos estreitos e terán que gardar corentena ata que a Central de Seguimento contacte con eles.

O gran número de contaxios que se produciron arredor das viaxes estudantís está a xerar unha notable preocupación nos servizos sanitarios. Estímase que máis de 2.000 persoas están xa illadas en sete comunidades. Segundo informa o Diario de Mallorca, apúntase cara a un concerto na praza de touros de Palma e a festas en barcos e hoteis como posibles eventos ‘supercontaxiadores’, nos que non se gardaron as precaucións debidas.

Sarria, en nivel alto

O subcomité clínico tamén acordou elevar a nivel alto as restricións no concello de Sarria, onde se detectou nos últimos días un brote vinculado a persoas novas e de mediana idade e, segundo detalla El Progreso, todos están sen vacinar. Este agrupamento elevou a incidencia en Sarria a 142 casos/100.000 habitantes a sete días, e 202 casos a 14.

Ademais, estarán a partir do sábado en nivel medio, como xa se anunciara o martes, os municipios de Castroverde, Camariñas, Malpica de Bergantiños, Cambre e Poio. Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo. O mapa revisarase o vindeiro venres.

As medidas entrarán en vigor esta medianoite, despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. É probable que a edición especial do boletín recolla tamén as medidas específicas establecidas pola Xunta despois de que mañá se levante a obrigatoriedade do uso da máscara en todo momento en espazos exteriores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A eclipse a través do móbil: o novo simulador para saber como se verá dende calquera punto de Galicia

A aplicación en liña emprega a cámara, o GPS, o acelerómetro e a brúxula para recrear o fenómeno astronómico do ano

O efecto Purkinje, o curioso fenómeno que cambiará as cores durante a eclipse total de Sol

A diminución brusca da luz activa os bastóns da retina e fai que os tons vermellos, laranxas e amarelos se perciban máis escuros

Catro días de incógnita

Días antes da eclipse do 12 de agosto, a meteoroloxía e a nubosidade seguen a ser as preguntas máis frecuentes para asegurar a observación. Por Andrea Veiga

As claves da NASA para observar a eclipse total de Sol do 12 de agosto

Galicia será un dos territorios europeos privilexiados para contemplar o fenómeno astronómico do ano a causa do paso da banda de totalidade polo territorio