Sábado 20 Abril 2024

Fóra máscaras no exterior a partir do sábado? Si, pero sempre con distancia

O decreto que regula o uso desta protección mantén o uso obrigatorio ao aire libre cando "pola aglomeración de persoas" non sexa posible manter 1,5 metros

Desde que o pasado venres o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciase que o 26 de xuño se levantaría a obriga de levar a máscara no exterior, millóns de persoas comezaron a conta atrás que se materializará na medianoite do venres 25 ao sábado 26, cando entre en vigor o cambio normativo que regula o uso desta medida de protección contra a Covid-19. Deste xeito, quen saia a partir desta medianoite á rúa poderá facelo coa cara ao aire mais, como xa se avanzaba nos documentos de traballo que manexaban o Goberno e as comunidades autónomas, hai certas limitacións que cómpre ter en conta, e que recolle o Real Decreto publicado este venres.

Segue o uso obrigatorio, agás se hai distancia

A relaxación na normativa tomou forza nos últimos meses entre boa parte da poboación a medida que baixaba a o nivel de transmisión do SARS-CoV-2 e a vacinación incrementaba a protección dos grupos máis vulnerables á Covid-19. A obrigatoriedade de uso, por exemplo, en espazos abertos onde apenas hai tránsito de persoas xerou incomprensión na sociedade, tendo ademais en conta que a normativa de España neste sentido se mantivo como unha das máis estritas en Europa e diante da falta de evidencias de transmisión en espazos abertos sen aglomeracións de persoas.

Publicidade

No decreto publicado este venres arguméntase que a protección dos grupos máis vulnerables, xunto á “evidencia científica sobre o menor grao de transmisión do SARS-CoV-2 en espazos ao aire libre, fan necesario, a xuízo do goberno, establecer cambios” no uso da máscara. Estes cambios detállanse na modificación do artigo seis do decreto, que queda redactado do seguinte xeito:

1. As persoas de seis anos en diante quedan obrigadas ao uso de máscaras nos seguintes supostos:

a) En calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público.

b) En calquera espazo ao aire libre no que pola aglomeración de persoas, non resulte posible manter unha distancia mínima de 1,5 metros entre as mesmas, salvo grupos de conviventes.

c) Nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús, ou por ferrocarril, incluíndo as plataformas e estacións de viaxeiros, ou en teleférico, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor, se os ocupantes dos vehículos de turismo non conviven no mesmo domicilio. No caso dos pasaxeiros de buques e embarcacións, non será necesario o uso de máscaras cando se atopen dentro do seu camarote, nin en espazos exteriores da nave cando se poida manter a distancia de seguridade de 1,5 metros.

d) Nos eventos multitudinarios ao aire libre, cando os asistentes estean de pé ou se están sentados cando non se poida manter 1,5 metros de distancia entre persoas, salvo grupos de conviventes.

Deste xeito, a norma suxire que, por exemplo, a máscara debe poñerse cando nos atopamos con alguén pola rúa e nos achegamos a menos de 1,5 metros. E tamén nas terrazas, sempre que non se estea consumindo, se non se pode gardar a devandita distancia. Ata este venres, o uso era obrigatorio, segundo o apartado a) do mesmo artigo, “na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se encontre aberto ao público”.

Medidas específicas para Galicia?

A normativa rexerá para todo o territorio español, pero as comunidades terán unha certa marxe para impoñer medidas específicas en función da súa situación ou as recomendacións das autoridades sanitarias competentes. En Andalucía, por exemplo, a comunidade con maior incidencia acumulada nas últimas semanas, a Junta avanzou que seguiría “recomendando” o uso no exterior en todos os casos ata que se acade unha maior protección a través das vacinas na poboación, arredor do 80%.

Á espera do que indique a nova orde que se publicará este venres no Diario Oficial de Galicia, o presidente da Xunta de Galicia avanzou na comparecencia do pasado mércores unhas premisas semellantes ás marcadas no decreto do Goberno español. “No interior máscara e distancia; e no exterior máscara ou distancia”, resumiu Alberto Núñez Feijoo. Porén, engadiu que a norma xeral contará “con matices”, que se poderían detallar na información que se publicará este venres.

Ademais, engadiu que no caso dos concellos que se poidan situar en nivel máximo de alerta, por riba de 500 casos/100.000 habitantes a 14 días (agora mesmo non hai ningún en Galicia), o uso da máscara deberá manterse tamén no exterior.

No referente a eventos e actividades con regulación propia, como concertos ou eventos deportivos, seguirán a rexerse pola súa propia normativa, engadiu o titular da Xunta. Apelando á proposta do comité clínico, desde o Goberno galego apelan á precaución e a portar a máscara ao saír á rúa, aínda que non haxa que poñela nas condicións que permite a norma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos