A velocidade á que se suceden as recomendacións e os propios feitos que está a provocar nas últimas semanas a pandemia do SARS-CoV-2 xeran unha notable preocupación na poboación, sobre todo nos sectores máis expostos ao posible contaxio e ao contacto con grupos de risco. Coa volta ao traballo de parte da poboación este luns, as distintas Administracións realizaron un reparto masivo de máscaras faciais para reducir a probabilidade de infección. Porén, tal e como insiste o epidemiólogo e profesor da USC Francisco Caamaño Isorna, o uso destas medidas de protección non anula a necesidade de lavar as mans de modo “correcto e sistemático”, así como de manter unha separación de dous metros entre as persoas.
As recomendacións de Caamaño Isorna, difundidas polo web da universidade compostelá, inciden en combinar as distintas medidas de prevención para reducir ao mínimo a circulación do virus. “O que está acreditado ata o momento é que a Covid-19 se transmite por secrecións de persoas infectadas, principalmente por contacto directo con gotas respiratorias de máis de cinco micras, capaces de transmitirse a distancias de ata dous metros“, explica Caamaño. “Demostrouse tamén a permanencia do coronavirus en superficies como o cobre, catro horas; cartón, madeira, roupa e vidro, un día; e aceiro inoxidable, plástico, billetes e máscaras faciais cirúrxicas, catro días. Por estas razóns as principais e fundamentais medidas de prevención seguen sendo a distancia social e o correcto e sistemático lavado de mans con xabón ou solucións hidroalcohólicas“, apunta o profesor da USC.
Máscaras faciais
O uso de máscaras faciais explícase en virtude de que “en condicións experimentais e en lugares altamente expostos, como vestiarios de sanitarios que trataban a pacientes con coronavirus, detectáronse concentracións do virus en mostras de aire. Por esta razón, a utilización da másca ra facial sanitaria podería constituír un elemento complementario na prevención da COVID-19 en ambientes altamente expostos”, continúa Caamaño.
Luvas
Manter un minucioso lavado de mans segue a ser un recurso fundamental na loita contra o coronavirus. “Os guantes tamén se contaminan, como as nosas mans, polo tanto a principal recomendación é o lavado sistemático e concienzudo de mans e evitar tocarnos a cara, levemos ou non guantes. O risco de utilizar luvas é que nos dean unha sensación de falsa seguridade e que descoidemos estas recomendacións. No caso de usalos, hai que respectar escrupulosamente as pautas de colocación e retirada”, asegura o epidemiólogo.
Sobre a saída gradual do confinamento, Caamaño Isorna expón que o retorno á rutina farase moi paseniñamente. “Quizais o Goberno permitirá ir abrindo as medidas, deixando que os menores saian un pouco á rúa acompañados por unha persoa, permitindo que a xente saia unha hora a facer deporte de forma individual… Pero que abran os bares, restaurantes e outros establecementos de reunión, vai tardar, porque habería risco de que os contaxios se disparasen de novo”, opina o profesor da USC.
“A apertura será lenta, e dependerá dos datos que se teñan e de que a xente siga respectando as medidas de distancia social. Neste sentido, o estudo de seroprevalencia poboacional con representación territorial, isto é, determinar que proporción da poboación desenvolveu anticorpos contra o coronavirus, permitirá coñecer o grao de inmunidade da poboación. Isto podería permitir o desescalonamento gradual por territorios, sempre que se asegurase a limitación de mobilidade entre eles, cuestión sempre problemática e que descansa de novo na responsabilidade individual”, explica Caamaño.
Vivir nun mundo globalizado e en permanente conexión é outra das condicións que inflúen na propagación da Covid-19. “Non debemos esquecer que non estaremos seguros se non o está tamén África, Asia ou Centro e Sudamérica“, di Caamaño. Ademais, esta pandemia debe facernos reflexionar sobre o comportamento á hora de enfrontar outras enfermidades como unha simple gripe. “Quero pensar que seremos quen de aprender. Non só os responsables da xestión sanitaria, senón tamén os cidadáns que deberiamos estender as condutas de prevención a outras infeccións estacionais como a gripe, na que moitas persoas vulnerables ou con risco de contaxio a terceiros non se vacinan; ou non se resignan a quedar na casa ata estar completamente restablecidas”, conclúe Caamaño.














