Este luns levantouse a paralización das actividades non esenciais debido á crise do coronavirus. É unha das primeiras medidas da redución gradual do confinamento da poboación. A volta ao traballo dunha parte da cidadanía e o consecuente aumento da mobilidade está a abrir o debate científico sobre esta decisión do Goberno español. A científica África González, catedrática da Universidade de Vigo e presidenta da Sociedad Española de Inmunología (SEI), valora que se debería ter agardado a coñecer mellor o impacto real do SARS-CoV-2 para tomar estas decisións. Nesta conversa con GCiencia analiza como puido producirse esta pandemia e aborda as liñas de investigación que se están a desenvolver desde o eido da Inmunoloxía.
– Que pasou para que un virus paralizase medio planeta en 2020?
– O risco das pandemias sempre estivo presente. Hóuboas, hainas e seguirá habéndoas. Estamos nun mundo globalizado, cun volume tan grande de tráfico de persoas e mercadorías que fai máis probable que isto aconteza. Temos que lembrar hai 30 anos os problemas que houbo co VIH, ou máis recentemente coa gripe A, que ao final non foi tan grave. Deberiamos estar mellor preparados, pero é difícil saber o que pode chegar cando se trata de algo novo como isto.
Neste caso é un virus novo, cunha alta taxa de contaxio e unha mortalidade moi elevada, sobre todo en persoas maiores e con patoloxías crónicas. Ademais, ao contrario que outros casos recentes, chegou ao mundo occidental. Moitas veces pensamos que determinados virus só afectan a outras zonas, e que aquí non ían chegar, como pasou co SARS ou o MERS. Pero esta vez vímolo máis de preto.
– Agora que se abre unha nova fase, coa volta ao traballo dalgúns sectores da poboación, en que punto nos atopamos?
– Eu creo que as medidas de apertura chegan bastante pronto. Desde a SEI cremos que habería que ter esperado polos resultados dos estudos de anticorpos na poboación. Nós estamos promovendo que nos centros de saúde, residencias de maiores e nunha porcentaxe significativa da poboación se fagan tests para coñecer a presenza de anticorpos específicos contra o virus.
“O virus segue estando, aínda que nos confinaramos, segue infectándose xente e habendo novos casos”
Para facer unha apertura, aínda que sexa gradual e para as empresas, hai que ter en conta que hai enfermos crónicos, persoas que están tomando determinados tratamentos, que poden ser máis vulnerables á enfermidade. O virus segue estando, aínda que nos confinaramos, segue infectándose xente e habendo novos casos. As mortes están baixando, é certo que o pico baixa, entra menos xente en urxencias, e parece que hai un freo en xeral, pero hai que ser prudentes.
Hai países que estenderon as medidas estritas durante máis tempo, e eu creo que na situación na que está España, deberiamos ter esperado, sobre todo, a ter algúns elementos máis para coñecer realmente a extensión da pandemia. Poderiamos saber as persoas que xa estiveron expostas, aínda que sen síntomas, ou con síntomas leves.
– Como hai que afrontar estes estudos?
– As probas para detectar anticorpos poden facerse, por unha parte, cun método rápido e semellante ao dos tests de embarazo, cunhas pingas de sangue do paciente. Pero nós cremos que estas probas deben confirmarse con probas máis sensibles e precisas, que se poden facer nos hospitais, con soro dos pacientes e a través doutras técnicas, como a ELISA ou a inmunoquimioluminescencia. Deberían de utilizarse estas probas para tomar decisións máis sustentadas por datos.
– Que nos van a dicir os estudos de inmunidade, e que decisións axudarán a tomar?
– O que nós queremos é que se estuden os anticorpos que aparecen de forma temperá (IgM), e os anticorpos que aparecen cando xa se pasou o proceso infeccioso, entre os días 14 e 21 despois da infección (IgG). A diferenza da PCR, que só da positivo durante a infección, os anticorpos cóntannos o que pasou, se a infección é recente ou non.
Se nós temos unha persoa cuxa PCR dou negativa, pero ten IgG positiva, quere dicir que esta persoa xa pasou a enfermidade, non ten o virus nese momento, pero xa desenvolveu anticorpos fronte a el. Se esta persoa xa pasou a enfermidade, por exemplo, podería ir traballar con menor risco. Estes estudos, por tanto, vannos dar unha foto da epidemia no país, e tamén en colectivos de interese, como o persoal sanitario.
Hai máis detalles que é importante coñecer: os anticorpos poden axudarnos a confirmar diagnósticos. A proba PCR é unha técnica válida, pero nalgúns estudos indícase que a fiabilidade é do 67%, o que pode levar aos chamados falsos negativos.
Nós na SEI fixemos un diagrama para axudar a interpretar os niveis de anticorpos de cada persoa, algo que é importante saber, e debería estudarse como evolucionan, canto tempo se manteñen, etc. En conxunto, é algo que aínda non sabemos ben porque hai aínda poucos estudos sólidos ao respecto, debido ao curto período de tempo da pandemia (4-5 meses).
“Se coa volta ao traballo vemos unha reaparición de casos, habería que volver atrás; e ao mellor con isto estamos perdendo tempo”
– E a nivel de cada comunidade autónoma?
– É importante ter tamén información dunha parte representativa da poboación de cada zona, porque nos vai guiar nas medidas a tomar. Se en Galicia, por exemplo, os estudos dixeran que o 90% xa ten anticorpos, poderían relaxarse as restricións para gran parte da poboación, pero se o nivel é do 10%, non se poderían adoptar as mesmas medidas. E ter en conta especialmente a enfermos crónicos, persoas que seguen determinados tratamentos… hai que valorar diversos condicionantes.
As rexións que agora mesmo teñen máis casos son as que seguen tendo máis risco de contaxios. Pero se a xente comeza a desprazarse nos medios de transporte, o virus pode estenderse. Por tanto, se as medidas cambian dun ou doutro xeito nun lugar, todos nos acabamos vendo afectados. Por iso é importante facer estes estudos.
Se coa volta ao traballo vemos unha reaparición de casos, habería que volver atrás. E ao mellor con isto estamos perdendo tempo, iso haberá que velo. É moi probable que poida haber novos brotes, ao mellor non tan graves como os que xa houbo, porque xa estamos máis preparados e atentos e detectaremos antes o foco para frealo canto antes.
– E por idades ou grupos de risco?
– Eu estou de acordo en que as persoas con maior risco teñen que extremar a precaución. Non me atrevo a dicir como, porque as decisións se toman a nivel político, pero está claro que o perigo é maior neses grupos.
– Un dos desafíos para enfrontarse ao virus é o feito de que, ao tratarse dun patóxeno ‘novo’, hai moitas cousas que aínda non se saben.
– Estanse publicando moitas investigacións, pero hai que ter en conta que algunhas delas analizan un número bastante reducido de casos. Conforme se vai aumentando o tamaño da mostraxe, podemos ter unha imaxe máis precisa da situación. Estamos falando de poucos meses, porque o virus xurdiu en decembro polo que sabemos. Aínda non podemos dicir se a inmunidade é duradeira, ou se o virus muta ou cambia e esa memoria inmune se vai perdendo. O que sabemos doutros coronavirus é que os anticorpos non persisten moito tempo. Pero insisto, é un virus novo co que non podemos aventurarnos.
“Estamos vendo unha resposta inflamatoria brutal na fase grave da enfermidade”
– Que se está vendo ata agora nos pacientes?
Nós estamos analizando datos que nos achegan diversos hospitais de España, cunha mostraxe de máis de 600 pacientes, e detectamos tres fases na enfermidade: unha primeira máis leve, unha intermedia e unha máis grave.
Na primeira fase, vemos que o sistema inmune responde ben e intenta atacar o virus. Se isto vai ben, o paciente cura. Cando xa se pasa á fase moderada estamos atopando que comezan a incrementarse marcadores de inflamación, e a situación pode empeorar.
Pero o que estamos vendo na fase grave é que hai unha resposta inflamatoria brutal, que é o que leva ás veces á morte. É unha resposta sobre todo a nivel vascular, que afecta non só aos pulmóns, senón tamén ao corazón ou aos riles (fallo multiorgánico), e incluso se están vendo lesións dérmicas.
Outro efecto que se observa en pacientes con enfermidade moi grave é a formación de trombos, debido ao inicio da actividade pro-coagulante, e nalgúns países estanse a administrar anticoagulantes a estes pacientes. De feito, en autopsias en Italia evidenciouse a presenza de trombos nos pulmóns de pacientes falecidos.
Estamos intentando ver que pacientes desenvolven esta resposta, buscando marcadores que nos poidan dar algunha pista, para intentar tamén bloquear esta resposta inflamatoria e facelo canto antes, para evitar que a situación do paciente empeore. Unha das que estamos medindo é a interleuquina-6 (IL-6), que nos parece moi importante. Xa hai ensaios clínicos con anticorpos monoclonais que bloquean no receptor deste IL-6, ou como o propio IL-6, e tamén substancias que bloquean a IL-1.
Cremos que esta investigación achegará datos máis fiables, polo tamaño da mostraxe, para que sexa cientificamente válido e estatisticamente significativo, para coñecer a inmunoloxía desta enfermidade.
– Como están traballando desde a Universidade de Vigo?
– Agora mesmo non podemos traballar na universidade polas restricións que hai, pero xa solicitamos varios proxectos, tanto ao Instituto de Salud Carlos III como a unha convocatoria europea. Están recollendo mostraxes no Hospital Álvaro Cunqueiro, en colaboración cos doutores Manuel Crespo e Eva Poveda, da área de Medicina Interna, para realizar estudos inmunolóxicos de pacientes en caso de que nos concedan estes proxectos. Ademais de determinar os factores de inflamación, o que queremos é facer un screening moito máis extenso, con moitos máis marcadores, para coñecer o perfil dos casos con máis detalle.
– Cando volveremos á nosa vida ‘normal’?
– Unha das cousas que se sabe é que os coronavirus, en temperaturas elevadas e maior radiación ultravioleta do Sol, non resisten tanto. Isto pode apuntar a que cara ao verán haxa moito menos virus circulando. Iso é o que esperamos, e están dicindo expertos como Luís Enjuanes. Pero insisto, non sabemos se este coronavirus en concreto se comporta tamén así.
Temos que ter en conta outras cousas. Estanse facendo estudos xenéticos das distintas ‘variantes’ do virus que se detectaron ata agora. Diferéncianse tres tipos (A,B e C), e o que máis estendido está en Europa é o C. E como todos os virus, como pasa co da gripe, este tamén pode cambiar, ser moito menos patoxénico. De todas formas, estaremos máis preparados e atentos para intentar que o dano sexa moito menor có desta primeira onda.