Xoves 25 Abril 2024

Case o 25% dos galegos ten, polo menos, a primeira dose da vacina contra a Covid-19

Preto de 650.000 persoas recibiron unha inxección, a inmunización acada ao 9,2% da poboación e xa supera o 55% nos maiores de 80 anos

A pasada fin de semana supuxo un novo salto para a campaña de vacinación contra a Covid-19 en Galicia, acelerada pola chegada dun maior número de doses das fórmulas de Pfizer e Moderna. A pesar dos imprevistos coa suspensión temporal de AstraZeneca e a paralización da distribución de Janssen, e de que non se acadaran os obxectivos que a Xunta de Galicia manexaba a comezos da semana, máis do 24% dos habitantes de Galicia ten polo menos a primeira dose contra a Covid-19.

Segundo os datos achegados na tarde do luns polo Ministerio de Sanidad, ata este domingo, 649.603 galegas e galegos recibiron polo menos a primeira inxección. A cifra queda lonxe das 685.130 primeiras doses que, segundo o conselleiro de Sanidade, se esperaban administrar ata este domingo.

Publicidade

Esta cifra representa, por tanto, case 1 de cada 4 persoas das 2,7 millóns que vive en Galicia. E sobre ata o 27,5% (menos do 29% estimado por Sanidade a pasada semana) tendo en conta á poboación diana: 2,36 millóns de habitantes maiores de 16 anos nos que, segundo a estratexia de vacinación en vigor, forman parte da poboación que recibirá a inxección nesta fase do proceso.

En total, desde o comezo da campaña de vacinación inxectáronse en Galicia 865.840 doses. E inmunizouse xa, coa pauta completa, a 216.237 persoas, o que supón o 9,2% da poboación.

Por idades, a fin de semana supuxo un novo avance nos grupos de maiores de 60 anos. Nos maiores de 80 chegouse ao 95,6% coa primeira dose e un 55,7% coas dúas. Os maiores de 70 cunha dose pasaron do 45,4% ao 53,2% (case 21000 vacinas máis neste grupo). Na franxa 60-69 inxectáronse case 13000 primeiras doses.

Segundo datos facilitados pola Consellería de Sanidade, máis de 32.000 persoas vacináronse durante o sábado e o domingo nas inmunizacións masivas organizadas nas sete áreas sanitarias. O 75% das persoas convocadas acudiron á cita.

Máis vacinas de Pfizer-BioNTech

Os procesos de farmacovixilancia en marcha, que levaron a suspender varios días a inmunización con AstraZeneca e agora retrasaron a chegada da vacina monodose de Janssen, alteraron a estratexia de vacinación en España en Europa. Porén, a adquisición por parte da Unión Europea de máis de 50 millóns de doses a maiores da fórmula de Pfizer-BioNTech permitirá manter o ritmo crecente de inmunización a curto e medio prazo, á espera dos novos envíos e a aprobación doutras vacinas candidatas.

Neste sentido, a ministra de Sanidad do Goberno español, Carolina Darias, informou este luns da chegada, a partir do 26 de abril e durante o mes de maio, de 1,7 millóns de doses semanais de Pfizer-BioNTech. Estes envíos achegarán, por tanto, o obxectivo de acadar a inmunización do 70% da poboación a finais do verán está “ao alcance da man”, en palabras de Darias.

Este anuncio está precedido dun novo envío de doses por parte das tres vacinas aprobadas e distribuídas ata o momento en España. Ademais de 1,2 millóns de doses de Pfizer-BioNTech, o Goberno español recibirá e repartirá nos vindeiros días entre as comunidades autónomas 300.000 doses de Moderna e 278.000 de AstraZeneca.

Retraso na segunda dose?

Á espera dun pronunciamento por parte da Axencia Europea do Medicamento sobre a vacina de Janssen, que se producirá este martes, Goberno e comunidades autónomas seguen abordando as adaptacións na estratexia de vacinación cara ás vindeiras semanas e meses. Segundo recollen diversas fontes, manéxase a opción de que se retrase a administración da segunda dose nas persoas nas persoas vacinadas coas fórmulas de ARNm (Pfizer-BioNTech e Moderna) para acelerar deste xeito a cobertura con polo menos unha dose á maior cantidade de poboación posible.

A decisión está pendente dunha reunión, este martes, da Comisión de Saúde Pública, e de recabar máis evidencias científicas que orienten esta medida. Unha das posibilidades que se valora é manter a pauta que se segue ata agora (21-28 días entre unha e outra) para persoas maiores de 70 ou 80 anos, pero retrasar a segunda inxección nas menores desta idade ata un rango de entre 42 e 56 días.

No caso das persoas que reciban a Vaxzrevia (vacina de AstraZeneca e Oxford), manterase o período das 12 semanas. Queda por saber que se fará coas persoas menores de 60 que xa recibiron esta primeira inxección, despois do cambio na estratexia que a cinguiu ao grupo de 60-69 anos. En relación a isto, o Instituto de Saúde Carlos III anunciou este luns a posta en marcha dun ensaio clínico, co nome de CombivacS, que estudará a a protección e seguridade de completar a pauta de AstraZeneca coa vacina Comirnaty (Pfizer-BioNTech)

Neste sentido, un ritmo maior de vacinación cunha dose proporcionaría unha protección parcial contra a enfermidade grave a unha porcentaxe maior da poboación. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, avanzou a pasada semana o obxectivo de que para finais de xuño, todas as persoas maiores de 60 anos en Galicia reciban canto menos unha das inxeccións.

Situación actual en Galicia

Respecto ao escenario máis inmediato da pandemia, Galicia mantense nun escenario de lixeira repunta de casos, na contorna dos 200 novos positivos diarios na serie que comunica a consellería de Sanidade. A taxa de positividade segue por baixo do % (2,43% na semana pasada). Segundo a última actualización do Ministerio de Sanidad, a incidencia acumulada a 14 días é de 90,09 casos/100.000 habitantes e 45,97 a sete días.

No referente á hospitalización, 33 persoas están en coidados intensivos e outras 166 en unidades de hospitalización. Faleceron ata o momento 2.373 persoas. Segundo a información remitida a Sanidad, un 2,47% das camas dos hospitais e un 4,49% das UCIs están ocupadas por pacientes Covid-19.

Este martes reúnese o comité clínico que asesora ao Goberno galego, polo que é probable que se tomen novas medidas que afecten ao mapa de restricións en vigor. En catro municipios (Carballeda de Valdeorras, A Pobra do Caramiñal, O Grove e Cualedro) rexe o nivel máximo de limitacións, con peche perimetral, a prohibición de reunións con persoas non conviventes e o peche da hostalaría. Outros nove concellos están no nivel alto e 24 máis, no medio. O resto de concellos galegos (276), quedan no nivel medio-baixo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea