A primeira meta da vacinación en Galicia: os maiores de 60 anos, cunha dose en xuño

As previsións da Xunta apuntan a que en dous meses se inxecte unha vacina ás máis de 870.000 persoas que superan este rango de idade

En Galicia viven, segundo o padrón municipal de habitantes de xaneiro de 2020, máis de 870000 persoas maiores de 60 anos. Isto é, máis do 32% da poboación supera esta idade. Este factor condiciona, por tanto, a estratexia de vacinación que desenvolve a comunidade autónoma, o que permite tomar distintos camiños respecto a outras comunidades dentro do marco da estratexia estatal de inmunización contra a Covid-19. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, achegou este xoves unha previsión que, de cumprirse, supoñería chegar á primeira gran meta para conter os casos máis graves e letais que causa a infección polo coronavirus SARS-CoV-2, xa que en Galicia o 96,5% das persoas falecidas tiñan 60 ou máis anos.

“Agardamos que esta semana o 29% da poboación diana xa teña, polo menos, a primeira dose da vacina”, expuxo Feijoo, segundo o avanzado o día anterior no Parlamento polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Isto supoñería que, antes do luns 19 de abril, unhas 685.130 persoas xa terían, canto menos, unha dose. O presidente autonomíco apuntou, ademais, que ” a pesar de todas as incertezas, estamos traballando coa hipótese de que no mes de xuño poidamos ter inmunizados, como mínimo coa primeira dose, a todos os maiores de 60 anos”, expuxo Feijoo. Engadiu que se trata dunha “estimación prudente” para conseguilo antes de “finais de xuño”, o que tería unha “repercusión enorme desde o punto de vista sanitario e tamén desde o punto de vista económico”. A vacinación destas 870.000 persoas maiores de 60 anos suporía, como mínimo, a inoculación da primeira dose a máis de 1,03 millóns de habitantes, xa que ata este mércores houbo máis de 160.000 persoas menores desta idade, e pertencentes a colectivos esenciais, que xa recibiron algunha das vacinas.

Publicidade

Na súa comparecencia, o presidente da Xunta achegou tamén outro dato, non facilitado nos informes diarios da Xunta, e que constata a protección que as vacinas están a ofrecer nos grupos prioritarios: nos últimos sete días, só o 3,5% dos novos casos son de maiores de 80 anos, o que se engade, ademais, aos máis de 25 días sen casos nas residencias de persoas maiores. Este cambio no perfil dos casos detectados está a repercutir de forma positiva no número de casos graves e falecementos, pero tamén amosa outra cara: desde o comezo da inmunización nas residencias e nos maiores de 80 anos, a porcentaxe de falecementos entre as persoas de 70 e 79 anos (das que só se inmunizou ao 1,6% ata este martes) está a medrar, ata acadar o 32% de todos os falecementos con diagnóstico de Covid-19.

Avance por grupos de idade

Ata o momento, alén da protección nas residencias de maiores, practicamente completada a mediados de febreiro, a vacinación avanza a maior velocidade nas persoas maiores de 80 anos. Ata o 14 de abril recibiran a primeira dose un 93,2%, e un 47,6% completaron a súa pauta. Ao serlle aplicada a fórmula de Pfizer-BioNTech ou Moderna, está previsto que nas vindeiras semanas todas as persoas cunha dose completen a súa pauta, o que supoñería a protección dunha gran maioría deste grupo prioritario. O seguinte esforzo centrarase no grupo de 70-79 anos, que está a avanzar a maior velocidade nos últimos días.

Publicidade

Este martes, Julio García Comesaña aclarou tamén que se está a desenvolver a vacinación a domicilio de grandes dependentes e a de maiores de 80 anos que, por diversos motivos, non puideron achegarse aos centros de saúde. E no caso dos colectivos de moi alto risco contemplados na estratexia de vacinación (pacientes con cancro, VIH, inmunodeficiencia primaria ou transplantados, entre outros) Sanidade vai utilizar 35000 doses de Moderna.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño