Confirman en Vigo máis de 30 casos da variante do SARS-CoV-2 atopada no Brasil

Sanidade realizará cribados específicos en poboación menor de 30 anos despois de varias agrupacións de casos das variantes P.1 e P.2

O presidente da Xunta de Galicia anunciou este xoves, na súa comparecencia despois do Consello do Goberno autonómico, que os servizos de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo confirmaron xa máis de 30 casos vinculados ás variantes P.1 e P.2, detectadas no Brasil. Son “tres agrupacións distintas” vinculadas a xente menor de 30 anos, ademais dalgúns casos “sen relación coñecida”. Estes achados, unidos ás características das mutacións destas variantes, que poderían ter un certo escape á resposta inmunitaria fronte á infección (aínda que non se constatou, por agora, unha perda na eficacia das vacinas fronte a ela para evitar casos graves), levou, segundo Alberto Núñez Feijoo, a desenvolver un “estudo minucioso” dos contactos, realizando “cribados específicos” para conter a transmisión desta variante. Nos últimos días, en declaracións a diversos medios, fontes do servizo de Microbioloxía de Vigo xa avanzaran o estudo de posibles novos casos vinculados a esta variante. Fontes da Consellería de Sanidade engaden que os cribados estanse definindo para comezar a desenvolvelos a partir da vindeira semana.

Os estudos xenómicos realizados apuntan a que existen dúas variantes distintas que presentan a mutación denominada como E484K, presente tamén na variante B.1351 (coñecida como a ‘sudafricana’) detectada en Vigo en xaneiro e que tamén se asocia a unha maior transmisibilidade e unha menor resposta inmune. Para detectar esta mutación, os laboratorios deben facer unha análise xenómica máis complexa, ou ben deseñar probas PCR específicas para confirmar as sinais que esta alteración deixa no virus, e que deben constatarse en análises posteriores.

Publicidade

Os brotes detectados en Vigo supoñen, cos datos dispoñibles (é posible que haxa transmisión aínda non detectada), a maior agrupación de infeccións en España vinculadas á P.1. O último informe do Ministerio de Sanidad sobre as variantes de “importancia para a saúde pública” anotaba 35 casos desta variante, estendida na rexión do Amazonas do Brasil. Segundo explicou Feijoo, nun primeiro momento puido establecerse o vínculo dalgún dos casos primarios de Vigo cunha viaxe ao Perú, pero os achados posteriores indica que podería haber xa cadeas de transmisión local. Esta variante está tamén estendida na rexión de Umbría, en Italia.

Que se sabe da variante detectada no Brasil

Tal e como recolle o informe do Ministerio de Sanidad, tanto as variantes de especial preocupación detectadas na Amazonia brasileira e en Sudáfrica (P.1 e B.1.351), como outra ‘variante de interese’, a P.2 (detectada no Río de Janeiro e en casos illados asociadas a viaxes noutros países). Esta última tamén se detectou en Vigo, segundo informou nestes días La Voz de Galicia. Pola súa parte, Faro de Vigo apuntaba que un dos brotes está vinculado a unha viaxe a México. Aínda que as limitacións da vixilancia xenómica impiden saber con maior detalle a prevalencia real destas variantes, estímase que está xa bastante estendida polo centro e sur de América.

Publicidade

Segundo explicaba recentemente o microbiólogo Ignacio López Goñi, a mutación observada nestes casos (E484K) “supón un cambio dun aminoácido” que pode afectar á unión do virus á célula hóspede.

Por agora é difícil establecer con claridade o vínculo exacto entre estas mutacións e unha maior letalidade ou transmisibildade do SARS-CoV-2. Con todo, situacións como as vividas na localidade de Manaos, cun alto impacto na primeira vaga da Covid-19 e que experimentou un novo colapso en xaneiro de 2021 cunha nova onda asociada á P.1, fan que as autoridades científicas e sanitarias estreiten a vixilancia sobre estas mutacións.

Porén, e en atención a casos como o de Manaos, está por determinar se, ademais da posible maior infectividade destas variantes, entran en xogo outros factores, como o relaxamento das medidas de prevención. Neste sentido, na capital da Amazonia, despois das protestas contra o confinamento por parte da poboación, as autoridades deron marcha atrás neste sentido, o que podería ter acelerado a transmisión do virus.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Novos antibióticos: tres boas noticias na guerra contras as superbacterias

A zosurabalpina, a lolamicina e Emblaveo convértense nos futuros fármacos que poderán facer frente a estas especies

O lado escuro dos ‘influencers’: a publicidade de produtos que quere evitar Sanidade

Os galegos Guillermo Carracedo e Sara Seco apoian o novo proxecto de lei, que restrinxirá a promoción de artigos sanitarios nas redes sociais
93040