O aumento no consumo de bebidas alcohólicas e alimentos con alto contido de azucre pode comprometer a saúde bucodental.
O aumento no consumo de bebidas alcohólicas e alimentos con alto contido de azucre pode comprometer a saúde bucodental.

Mala alimentación na corentena: os riscos para a túa saúde bucodental

Os incrementos no consumo de alcol, bebidas azucradas ou pratos precociñados comprometen o bo estado da boca e os dentes

Primeiro foi o papel hixiénico, logo a cervexa e máis tarde a comida preparada. A cesta da compra nas primeiras semanas do confinamento foi obxecto de numerosas chanzas nas redes sociais, pero tamén xerou preocupación entre os expertos en alimentación e nutrición polos posibles efectos derivados dunha dieta pouco saudable.

As análises de consumo no fogar que difunde semanalmente o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, son unha interesante radiografía da dieta dos fogares galegos e españois. Ademais da febre do pan, coa compra masiva de fariña e sémolas (+163,4%), a última información, difundida este martes, e correspondente á semana do 6 ao 12 de abril, expón aspectos positivos, como un aumento do 44,5% na compra de hortalizas e patacas frescas, pero tamén constata a presenza nas vivendas de cervexa, viño e outras bebidas alcohólicas de alta gradación ou azucre.

Un dos posibles impactos deste cambio de hábitos, alén doutros riscos, son os problemas de saúde bucodental que poden xurdir, segundo advirte Simón Pardiñas, director da Clínica Médico Dental Pardiñas. Por exemplo, no caso dos doces, “os alimentos que conteñen azucres de calquera tipo poden contribuír a causar carie dental”, a enfermidade infantil crónica máis común, aínda que se pode previr con bos hábitos alimenticios.

A carie aparece cando as bacterias entran na boca e dixiren os hidratos de carbono, producindo ácidos que desmineralizan os dentes. A presenza destes azucres, expón Pardiñas, pode controlarse “lendo as etiquetas dos produtos que compramos, e elixindo alimentos e bebidas baixos en azucres engadidos”. Do mesmo xeito, insiste o odontólogo, “se a dieta carece de certos nutrientes, é máis difícil que os tecidos da boca resistan unha infección”.

Neste sentido, apunta o doutor Pardiñas, “é importante tamén beber polo menos dous litros de auga ao día, para manter a nosa produción de saliva axeitada e nosas mucosas hidratadas”.

Os petiscos

O aumento no consumo de petiscos que se ve estes días, ás veces con altos contidos de sal ou azucre, tamén poden xerar problemas bucodentais. “Non é só o que se come, senón cando. Os alimentos que tomamos durante unha comida resultan menos nocivos que os que se consomen entre horas, porque se libera máis saliva, que axuda a eliminar os alimentos da boca e reducir os efectos dos ácidos”, expón Simón Pardiñas. Ante isto, recoméndase manter durante estes días “unha dieta equilibrada, e limitando os petiscos entre comidas”. No caso de levar un réxime especial, é aconsellable ter moi en conta os consellos do médico á hora de elixir os alimentos máis acaídos.

Consumo de alcohol

O maior consumo doméstico de diversos tipos de bebidas alcohólicas (vinculado, en parte, ao peche da hostalaría) é unha das preocupacións de expertos de diversas materias, polos problemas de saúde e conflitos persoais que poden xurdir no fogar. Ademais, o abuso destas bebidas ten efectos nocivos na nosa boca e dentes. Hai problemas máis superficiais e estéticos, como os que provocan tinguiduras nas pezas dentais (café, té ou viño tinto), e situacións desagradables como o mal alento. “O aumento da cantidade de bacterias na boca debido á inxestión de alcol é o que provoca o mal alento; cando as bacterias descompoñen restos de comida producen unha serie de compostos sulfurosos que acaban xerando o mal olor“.

Pero outros hábitos poden desencadear problemas máis profundos.”As bebidas carbonatadas e o alcol aumenta o desgaste dos dentes, debido ao seu compoñente ácido, que non só afecta os dentes, senón tamén á saliva”, engade Pardiñas, que ademais lembra a demostrada relación entre a inxestión excesiva de alcohol e a aparición de diversos tipos de cancro, como o de boca.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.