Sábado 20 Abril 2024

Por que ficou esquecida a fotógrafa Ruth Matilda Anderson?

A investigadora Alba Rodríguez Saavedra, da UVigo, estudou os motivos polos que as traducións da autora foron excluídas durante máis de 80 anos en Galicia

No ano, 1939 a fotógrafa e tradutora estadounidense Ruth Matilda Anderson publicaba a súa primeira monografía: Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, para a institución cultural para a que traballaba como investigadora, a Hispanic Society of America (HSA), en Nova York. A pesar de ser unha figura de gran relevancia polo seu labor como divulgadora da literatura galega fóra das nosas fronteiras, Ruth Matilda Anderson permaneceu máis de 80 anos no silencio como tradutora de obras galegas ao inglés, sendo unicamente recoñecida polas súas fotografías sobre o corazón de Galicia. O motivo polo cal ata o momento non se reivindicara este traballo da autora estadounidense segue sendo unha gran incógnita.

Porén, recentemente a investigadora Alba Rodríguez Saavedra, do Grupo de Investigación Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo (UVigo), publicou a continuación da súa investigación sobre a figura de Ruth Matilda como tradutora dos textos de Rosalía de Castro e a súa importancia para Galicia. Dende unha óptica feminista e seguindo a documentación estudada, a investigadora analizou as causas principais que puideron motivar a marxinación de Anderson como tradutora e do seu libro durante tantos anos.

Publicidade

Neste segundo artigo, Rodríguez Saavedra afonda no que xa comezara a deseñar no seu primeiro estudo: a visión de Ruth Matilda sobre Rosalía de Castro e as mulleres galegas é antagónica á perspectiva difundida polo canon daquel entón e motivou o rexeitamento xeneralizado cara a esta obra e a súa autora en Galicia. Para chegar a esta conclusión a tradutora estableceu comparativas con obras análogas e coetáneas, así como de autoría feminina, que si acabaron sendo acollidas no sistema galego, incluída a antoloxía sobre poesía española publicada pola HSA en 1938 e na que Ruth Matilda participaba cunha tradución dun texto de Rosalía.

Unha visión revolucionaria e feminina da sociedade galega

A viaxe de Ruth Matilda Anderson foi moi relevante tanto para Galicia como para os galegos, pois serviu de porta para que o mundo coñecese unha visión ata ese momento descoñecida sobre a súa vida, cultura e tradición. “En Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, a autora o que fai é trasladar unha panorámica da nosa terra que non se correspondía coa versión que todas as historias oficiais estiveran contando ao longo de todo o século XX”, expón a tradutora da UVigo. “No seu primeiro achegamento con Galicia, Anderson válese das fontes masculinas de autoridade daquel entón para compoñer a súa primeira aproximación teórica, pero despois, para entender o que é Galicia e facer unha descrición dela, mergúllase na realidade galega, a partir de aí descobre que a vida de Galicia son as súas mulleres, non os nomes propios que aparecen nos libros de texto”, engade.

Este asunto, explica a investigadora, desenvolverase e traballarase mellor a finais do século XX. “Ruth Matilda deuse conta de que a historia galega confórmase no seu día a día e que os que a construían eran os nomes dos anónimos, de todas as persoas que vivimos esta realidade; esta é a historia que realmente configura un país”, alega Rodríguez Saavedra. Desta forma, o libro publicado en 1939 pola HSA trátase dunha homenaxe desta historia cotiá esquecida e que, en parte, deixa de lado os habituais e recorrentes nomes propios identificables para facer tamén protagonista á monotonía, ao popular, ás lendas, a tradición oral, ás mulleres… “Todo aquilo fica no esquecemento nos nosos rexistros oficiais e aparece no seu libro como centro do relato. Esta visión novidosa da historia é a primeira razón pola que Ruth Matilda non foi recoñecida ata agora”, engade.

“A súa obra non chegara a ser defendida precisamente por falar en feminino de Galicia e non en termos idealizados, utópicos, senón reais”

ALBA RODRÍGUEZ SAAVEDRA, tradutora e investigadora na UVigo
A investigadora Alba Rodríguez Saavedra, autora da obra De Rosalía de Castro a Ruth Matilda Anderson. Feminismo e paratradución

Con todo, na súa aproximación feminista da historia, Anderson era unha muller de ideas moi conservadoras. De feito, no tempo da Guerra Civil Española, tanto ela como a HSA mantiveron unha postura parcialmente neutral. Debido ás súas amizades sublevadas, preferiron non optar por un posicionamento público. “Nese sentido en Galicia, por todas as persecucións ás mulleres, os fusilamentos polas ideas contrarias ao réxime… Loxicamente ter unha postura non condenatoria co poder do Estado era algo que non se podía pasar por alto. Entón, ademais da revolucionaria visión de Ruth Matilda de Galicia, existía tamén unha cuestión política que podía levarnos a entender esa fenda entre a HSA e a intelectualidade galega académica”, revela a tradutora.

“Loxicamente todos os motivos expostos son hipóteses, xa que non hai fontes claras ás tivese acceso e que me permitisen saber exactamente por que esta obra quedara fóra do radar da literatura galega ata hoxe”, explica a tradutora. “Con todo, hai determinados intelectuais que si coñecían a súa obra, Carvalho Calero sabía da súa existencia, por exemplo, polo que asumo que debía de estar presente pero nunca chegara a ser dabondo defendida e, ao meu parecer, é precisamente por falar en feminino de Galicia, e non en termos idealizados, utópicos, senón reais”, engade.

A figura da muller loitadora a través de Rosalía e Pardo Bazán

Por outro lado, a tradutora estuda a relevancia que tiñan as figuras de Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán para a autora estadounidense, descritas nos seus textos como dúas escritoras galegas de referencia e fundamentais para ilustrar o panorama que durante dous anos estudou en profundidade. Para Ruth Matilda non só destacaban pola súa mestría na escrita, senón porque nas súas obras se recolle precisamente ese carácter de Galicia que non aparece rexistrado noutros lugares. Deste modo, no seu libro hai pinceladas de ambas mulleres. “É curioso que na visión que traslada de Rosalía, tanto na tradución dos seus poemas como na paráfrase dos seus textos, escolle sempre fragmentos que revelan un carácter da autora padronesa como muller forte e loitadora, a pesar de mostrar tamén o seu carácter depresivo”, expón a experta.

Desta forma Anderson asume para a tarefa de contar Galicia tomando os escritos de Rosalía como fontes primarias, así o expón Alba Rodríguez Saavedra dende unha perspectiva feminista no seu primeiro estudo sobre a figura de Ruth Matilda como tradutora e rebelde cronista da realidade galega. No seu segundo estudo a tradutora investigou e detectou aqueles factores que motivaron a exclusión da obra de Anderson do panorama literario galego durante tantos anos. Entre eles, atópase o feito de que puxese en valor a Emilia Pardo Bazán como unha escritora galega, que puido xerar certa controversia. “Digamos que a relación do galeguismo, fomentada por Murguía, con Emilia Pardo Bazán non era en absoluto boa, quizais aí houbese tamén algún elemento de exclusión”, engade Rodríguez Saavedra. A pesar de non ser aceptada naquel entón, para a autora estadounidense Pardo Bazán era unha das mellores escritoras de Galicia e unha figura fundamental para entender a sociedade galega do século XIX e principios do século XX.

Ruth Matilda foi unha muller que se involucraba co seu arredor, comprometida coas mulleres da súa sociedade e que denunciaba as inxustizas dende un punto de vista feminista. Porén, nos anos 30 en Galicia esta cuestión feminina non era algo que estivese sumamente aceptado. “Recoller iso de Galicia, trasladar esa imaxe da súa sociedade non era o que se estaba mostrando ata entón, nin esa faceta de Rosalía, nin de Emilia Pardo Bazán, tampouco das mulleres galegas daquel momento”, asegura a tradutora. Entre outros motivos, explica Rodríguez Saavedra, porque naquel momento a cuestión feminina non era unha prioridade para o Partido Galeguista, que precisamente eran quen deberían ter promocionada a obra de Anderson.

“De feito, o Partido Galeguista, con Castelao como figura antonomásica, nun primeiro momento non votara a favor do sufraxio feminino. Na segunda votación si que apoiaron a causa pero non cando era crucial, tal e como se cre que fixeron ata agora; é unha verdade a medias”, conta a investigadora. Por este motivo, recoller unha versión feminina e feminista da historia de Galicia e do seu pobo, para que fora recoñecida a nivel internacional, como sería a través da publicación do libro de Ruth Matilda, non era algo satisfactorio para os membros do Partido Galeguista.

Para Ruth Matilda as mulleres non eran só personaxes secundarias da historia, eran protagonistas

Definitivamente esta ruptura da imaxe de muller débil e delicada, que adoitaba aparecer nas cantigas de amor e de amigo, non se correspondía co que a sociedade consideraba aceptable e “feminino”. Porén, para Ruth Matilda as mulleres non eran só personaxes secundarias da historia, eran protagonistas. Para Rosalía tamén o eran, por iso coincidiron na súa visión da realidade galega. En Follas Novas a autora padronesa falaba desas mulleres poderosas do seu tempo, criticaba o canon que ata ese momento as condenaba de por vida.

A autora descríbeas nos seus versos como Criaturas amantes para os seus e os extraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo como brandas de corazón e tamén tan desdichadas que se dixera que naceran só para soportar cantas fatigas poidan aflixir á parte máis débil e sinxela da humanidade. No campo, compartindo metade por metade cos homes as rudas faenas; na casa, soportando valorosamente as ansias de maternidade, os traballos domésticos e as arideces da pobreza. Esas mulleres que estaban soas a maior parte do tempo, tendo que traballar de sol a sol e sen axuda para manterse a duras penas e manter aos seus fillos. Esas mulleres coas que Ruth Matilda coincide e defende e que, segundo indica Rosalía “parecen condenadas a non atopar nunca repouso, senón na tumba

Ruth Matilda Anderson, fiel cronista de Galicia

Ruth Matilda Anderson demostrou ser unha muller forte, valente e decidida. Só ela sería capaz de saír de Estados Unidos e viaxar ata Galicia para facer tal encarga. Ademais, sábese que tamén era unha muller con cultura e ben formada. Primeiro estudou maxisterio e logo fotografía en Nebraska. Despois trasladouse a Nova York onde terminou os estudos de fotografía nunha das escolas máis prestixiosas da cidade. É nese momento cando entra na HSA, institución onde desenvolve toda a súa carreira de investigadora.

“Tamén compre dicir que era unha muller relixiosa en extremos: cristiá, non católica, dende un punto de vista científico. De feito ela chegaba a crer que as enfermidades curaban rezando, con esforzo e dedicación”, describe así á autora Alba Rodríguez Saavedra. Traballadora incansable, non paraba ata conseguir cada unha das súas metas. “De feito dicíase que nunha das súas investigacións da HSA, a súa compañeira atopábase mal e Ruth díxolle que o primeiro era acabar a encarga e logo xa podía poñerse enferma”, conta a investigadora. Esa obsesión polo traballo, a pesar de ser esaxerada, deulle a oportunidade de ser brillante naquilo que facía.

“Era unha muller que soubo ver que Galicia eran sobre todo mulleres e nenos”

ALBA RODRÍGUEZ SAAVEDRA, tradutora e investigadora na UVigo

“Con todo, a pesar de que eses trazos non son desexables, era unha muller tremendamente empática, sensible, respectuosa coas culturas alleas e unha muller que soubo ver que Galicia eran sobre todo mulleres e nenos“, explica a tradutora. Para Ruth Matilda elas eran quen mellor podían describir a realidade do país e a quen lles tocaba sufrir e sacar adiante a súa a vida e a das súas familias. Por outro lado, nos nenos viu o espírito destas mulleres. “Creo que foi un personaxe extraordinario para poder condensar un panorama que era moi difícil de describir a esas alturas e que se estaba sendo invadido polos homes e a súa forza”, engade.

En Galicia, Ruth Matilda fixo a que sería unha das maiores estadías que houbo na HSA, realizada de maneira intermitente entre os anos 1924 e 1926. Unha vez trasladada ao norte peninsular, levou a cabo unha investigación exhaustiva da esencia cultural e no núcleo rural galego. “Na contorna urbana non se podía facer un retrato fiel de Galicia, pois a poboación galega estaba concentrada no rural. Era a Galicia daquel momento e, de feito, continuou sendo a Galicia que durou ata ben entrada a década dos anos 70″, explica Rodríguez Saavedra.

Despois de publicar a continuación do primeiro artigo académico sobre a obra esquecida e silenciada de Anderson, a tradutora e investigadora da UVigo revela que seguirá estudando a importancia que ten a figura desta muller para Galicia. De feito, no mes de novembro pretende abordar dende outra perspectiva as achegas de Ruth Matilda á nosa cultura. “As posibilidades que dá esta muller e a súa obra, que nunca antes se estudara en Galicia, son enormes. Moitos ángulos dende onde estudala e dende onde aprender dela”, conclúe a investigadora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204