Ruth Matilda Anderson: tradutora e cómplice da muller galega a través de Rosalía

A investigadora Alba Rodríguez Saavedra analiza como a autora estadounidense se achegou ao país e o explicou mediante os versos da poeta

Rosalía de Castro (foto: Luis Seliier) e Ruth Matilda Anderson, en Oseira, en 1925.
Rosalía de Castro (foto: Luis Seliier) e Ruth Matilda Anderson, en Oseira, en 1925.

O que fica hoxe na memoria colectiva da viaxe de Ruth Matilda Anderson a Galicia son os centos de fotografías realizadas para a Hispanic Society of America, de Nova York. Na viaxe que realizou entre 1924 e 1926 percorreu, sobre todo, as provincias da Coruña e Pontevedra, e retratou miles de persoas nunha das mostras etnográficas máis valiosas daquel tempo. Coñécense as fotografías, pero máis descoñecido é o libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, publicado en 1939, e que 82 anos despois aínda non conta con tradución en galego ou castelán. Ademais dos centos de retratos, Ruth Matilda traza, durante case 500 páxinas, unha crónica inzada de referencias que van desde os cancioneiros galego-portugueses medievais ata Pardo Bazán, Otero Pedrayo ou Rosalía de Castro.

Na relación que se tece a través do estudo e a tradución entre Ruth Matilda e Rosalía afonda un artigo da investigadora Alba Rodríguez Saavedra, do Grupo de Investigación Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo. Neste traballo abórdase, desde unha perspectiva feminista, o labor da autora estadounidense para comprender e coñecer Galicia e a muller galega a través dos textos de Rosalía.

“Antes de viaxar á península, Ruth Matilda Anderson realiza un amplo labor de documentación e estudo para coñecer o lugar que ía visitar. E iso nótase nas fotos que fai; sabía perfectamente o que quería obter, o que viña buscar, e faino todo cun profundo respecto”, explica Alba Rodríguez. Neste traballo previo, na etnógrafa estadounidense medra a admiración por Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán (que era membro correspondente da Hispanic Society), segundo recolle Noemí Espinosa nunha tese de doutoramento publicada no 2010.

Anderson asume para si a tarefa de contar Galicia e toma, para iso, os escritos de Rosalía e a súa figura como fontes primarias para reforzar a súa visión dun país, dunhas xentes e dunha cultura ridiculizada noutras zonas de España”, escribe a investigadora da UVigo. Co estudo de Pardo Bazán, Rosalía de Castro ou os cadros de Sorolla, “Anderson introdúcese nunha realidade hispánica fragmentada, heteroxénea e distinta en función dos trazos identitarios propios de cada un dos territorios”. Unha das evidencias é, destaca a tradutora, o labor de aprendizaxe da lingua galega por parte da viaxeira estadounidense, chegando “a rexistrar nas súas anotacións as variantes dialectolóxicas coas que se encontraba”.

O feito de que as traducións de Rosalía “se atopen intercaladas no propio texto e non relegadas a notas a rodapé” salienta a importancia que Anderson lle dá á obra rosaliana para explicar o país, “para ofrecer un libro que signifique o verdadeiro coñecemento da cultura galega, é dicir, a meta que tanto Huntington [fundador da Hispanic Society] coma ela pretenderon desde o inicio da preparación das expedicións a Galicia”.

A primeira referencia a Rosalía aparece na páxina 119 de Gallegan Provinces, na que se utilizan os versos de Castellanos de Castilla (Foi a Castilla por pan e saramagos lle deron; déronlle fel por bebida, peniñas por alimento), que a Ruth Matilda lle serve para explicar o sentimento rexionalista emerxente en Galicia. E continúa logo a viaxe de Anderson polo país cos versos de Follas Novas cando pasa por Santiago.

Festa na Escravitude. Fonte: Gallegan Provinces of Spain-Ruth Matilda Anderson.
Festa na Escravitude. Fonte: Gallegan Provinces of Spain-Ruth Matilda Anderson.

Mais un dos puntos clave desta relación entre as dúas intelectuais é o momento no que Anderson recorre ao poema San Antonio bendito para complementar a descrición da romaría da Escravitude, preto de Padrón. San Antonio bendito, dádeme un home, anque me mate, anque me esfole (…), son versos que rachan coa tradicional imaxe da Rosalía apoucada. “Resulta moi complicado pensar que San Antonio bendito sexa produto da creación dunha muller choromiqueira, cando hai un fondo claramente irónico que denuncia a submisión esixida ás mulleres”, detalla Alba Rodríguez.  

Así, no traballo de Ruth Matilda percíbese, segundo Alba Rodríguez, a procura das mulleres como “centro dos seus intereses”, converténdose nas “informantes predilectas” da súa viaxe. E o seu contacto con elas axudou a Anderson a combinar o retrato da historia ‘oficial’ do país coa “tradición popular sen que, en ningún caso, unha liña exclúa a outra”.

Unha tradución en clave feminista que rachaba co mito de Rosalía

Xunto a estes versos, Anderson rescata o prólogo de Follas novas para describir a situación das mulleres en Galicia na segunda metade do século XIX e que, segundo Rodríguez Saavedra, “son unha declaración de compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres” pois “exaltan a vida e o traballo das galegas”. Con esta escolla, apunta a investigadora da UVigo, “ofrécese unha visión de Rosalía oposta á da mater dolorosa, triste e laiante, impulsada polos círculos canónicos, descríbese unha muller valente, loitadora, que puxo en primeira liña o valor das mulleres rurais”.

Deste xeito, a través de Gallegan Provinces transcende “unha imaxe dunha Rosalía afouta, botada para adiante, e que representaba, cando menos, as arelas de moitas mulleres galegas do seu tempo. Esta percepción estivo soterrada no imaxinario ata hai moi poucas décadas, cando se iniciou a lectura dos escritos de Rosalía en clave feminista”, explica Alba Rodríguez, que escribe no seu artigo: “Gallegan Provinces desbarata o retrato costumista, vitimista e laiante de Rosalía, promocionado polo canon, e revela unha poeta con ansias de liberdade e claro posicionamento feminista”.

Leiteiras na rúa Nova de Santiago. Fonte: Gallegan Provinces of Spain-Ruth Matilda Anderson.
Leiteiras na rúa Nova de Santiago. Fonte: Gallegan Provinces of Spain-Ruth Matilda Anderson.

Citando a Pilar García Negro, Rodríguez Saavedra di que despois desta interpretación de Anderson “da memoria e da imaxe colectiva borrouse o compromiso feminista de Rosalía”. En conclusión, explica a investigadora da UVigo, “podemos falar dun feminismo, dunha conciencia de denuncia da represión exercida contra as mulleres, un posicionamento que é compartido pola propia Anderson. Ambas, ademais, son conscientes do seu papel privilexiado para alzaren a voz contra este abuso”.

Porén, aquel retrato dun tempo e un lugar feito por Anderson coincide, segundo lembra Alba Rodríguez, no “peor momento posible”. “En 1939, co final da Guerra Civil e a vitoria do fascismo en España, e logo co estoupido da Segunda Guerra Mundial, Gallegan Provinces e o retrato de Ruth Matilda Anderson sobre Galicia quedaron esquecidos“. Hoxe en día, conclúe a investigadora no seu artigo, a obra de 1939 “continúa sendo unha descoñecida para a inmensa maioría das galegas e galegos, mesmo a pesar de ser unha das publicacións que con maior precisión e rigor compila estudos literarios, etnográficos, históricos, arqueolóxicos e sociolingüísticos sobre Galicia”.


Referencia: De Rosalía de Castro a Ruth Matilda Anderson. Feminismo e paratradución (Publicado en Viceversa. Revista Galega de Tradución).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.