Xoves 23 Maio 2024

Xela, poeta nas aulas

A profesora da UVIgo Ana Iglesias fai un repaso pola traxectoria vital e profesional da escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas

Por Ana Iglesias, profesora da UVigo

A maior satisfacción dunha universidade é ver como as persoas que nela se forman contribúen ao desenvolvemento da sociedade en calquera dos seus ámbitos. Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) foi poeta, tradutora, editora, narradora e profesora; feminista e reivindicativa; urbana e transgresora… e tamén alumna de Filoloxía Hispánica durante varios anos na Universidade de Vigo. Por este motivo, o Día das Letras Galegas 2021, dedicado á autora lucense, ten para esta institución académica un significado especial. En homenaxe a Xela Arias, Ana Iglesias, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, compañeira de facultade da escritora e amiga, fai un repaso pola traxectoria persoal, profesional e literaria dunha “poeta sen xeración” que destacou pola súa “valentía”.  

Publicidade

Xela, poeta nas aulas. Por Ana Iglesias

Cando, no curso 1991-92, Xela Arias chegou ás aulas do CUVI (daquela Colexio Universitario de Vigo), a estudar Filoloxía, xa era a poeta urbana e transgresora de Denuncia do equilibrio eTigres coma cabalos, a poeta sen xeración, que se sentía soa moitas veces por esa vontade de facer as cousas ao seu xeito, sen pregarse aos mandados. Porque Xela, como boa autodidacta, soubo aproveitar os contextos privilexiados que a vida lle foi ofrecendo: primeiro, nacer nunha familia galeguista no final da ditadura, cun pai, Valentín Arias, que se atrevía a ser mestre nunha escola innovadora (granxa-escola de Barreiros), familia numerosa da que se empapou de libros, inconformismo e coidados, porque ser a maior de cinco irmáns tamén a converteu na coidadora dos máis pequenos, así como sería despois coidadora das palabras.

Máis tarde, recén acabados os estudos de bacharelato, cando se incorpora ao proxecto de iniciar unha nova editorial en galego (Xerais), da man do seu pai e Xulián Maure, tampouco desaproveita a oportunidade, nin ela, nin a editorial, que sabe darlle voz e escoitar as súas propostas, influíndose, neses anos nos que o galego aínda estaba nos inicios da normalización e era urxente fixar unha normativa e construír unha base de literatura universal no noso idioma, necesidades ambas que Xela perseguía con afán, convencida e implicada. De recepcionista a tradutora, correctora e editora, co típex na man, como conta Celia Torres, meticulosa e perfeccionista. Jorge Amado, Castelo Branco, Gianni Rodari, James Joyce, Baudelaire, Roald Dahl, Bran Stoker… son moitos os autores cos que ela dialogou nesa tarefa de construír un fondo bibliográfico na nosa lingua, tarefa que ela centraba ademais na xuventude, sabedora de que nela reside o futuro.

Ana Iglesias, Mónica Soto e Clara Pino, compañeiras de facultade e amigas de Xela Arias, durante o acto institucional do Día das Letras Galegas na UVigo.

Porén, ansiosa de retos, decidiu retomar os estudos, con case trinta anos, e entre esas paredes acristaladas e aulas con pingueiras nos días de chuvia, eu tiven a sorte de encontrala e coñecérmonos, xunto con Clara Pino e Mónica Soto, Xela e mais eu. E puidemos compartir momentos fundamentais da súa vida, como foi o nacemento do seu fillo Darío, revulsivo que lle cambiaría a forma de ver o mundo e que tamén expresou en versos (Darío a diario), deixándonos unha visión diferente de ser nai, nun libro que fala da maternidade, pero que abonda con saber amar libremente, sen necesidade de posuír, para entendérmolo.

Así, este ano temos o privilexio de homenaxear polas Letras Galegas a unha muller, a quinta durante 58 anos de celebración, que recibiu a formación regrada na nosa universidade, aprendizaxe que tamén cultivou con ilusión, disposta sempre a sacar o máximo partido, unha muller versátil: poeta, tradutora, editora, narradora, profesora. Unha muller feminista e reivindicativa, loitadora contra as inxustizas, “negra por elección”, que ambicionaba “o equilibrio dos extremos” e que proclama en Intempériome, o seu último poemario, que sairía á luz no mesmo ano que se fixo a escuridade para ela: “A temeridade sálvame de senti-la covardía”. Indignada polos “cormoráns inmensos”, negros de chapapote, berrou Nunca máis! e Non á guerra!, compartindo a súa rebeldía coas súas alumnas, alumnos e seres queridos.

Ana Iglesias, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo.

Como último agasallo, a poeta que gustaba de xogar coa gramática, sentíndose con dereito de levala aos límites, dona das palabras, “miñas, de primeira man as palabras que uso”, deixounos un libro de contos (Non te amola!), publicado postumamente, no que demostra que tamén é quen de escribir na pel dela mesma con 9 anos, cunha linguaxe próxima, aínda que sen renunciar nunca ao seu espírito crítico, coa reflexión filosófica que lle era tan característica sempre como fondo, filosofía da rúa, da familia, da educación, da (des)igualdade… Estes contos, escritos co afán de establecer vínculos interxeracionais, a través da cultura e a lingua, completan o seu legado, un legado enorme nunha vida breve, que hoxe nos permite continuar a conversar con ela, nas innúmeras lecturas, nunca iguais, que nos permite a literatura. Grazas, Xela, pola túa valentía, convidándonos contigo ao “espectáculo de non ser para ser de todo”.

*Os fragmentos entre aspas pertencen á obra de Xela Arias Intempériome.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

500 minutos semanais de exercicio moderado reducen o risco de doenzas cardiovasculares 

O investigador da Universidade de Vigo Adriano Sánchez pon o foco na realización de actividade física en períodos curtos

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña
00:00:21

A galega Ana Ulla participa no achado do buraco negro estelar máis masivo da Vía Láctea

O denominado ‘xigante durmido’ ten unha masa de case 33 veces a do Sol e está a menos de 2000 anos luz da Terra