Un pobo fronte á traxedia: así rescataron as xentes de Camelle os náufragos do ‘City of Agra’

Un documental rememora o afundimento do vapor británico en 1897, no que perderon a vida 33 persoas e sobreviviron 42

O 'City of Agra', nun fotograma do documental.
O 'City of Agra', nun fotograma do documental.

O 3 de febreiro de 1897 un forte temporal varreu a Costa da Morte. As olas romperon con forza contra os cantís e os bancos de néboa, xunto coa escuridade da noite, dificultaron aínda máis a visibilidade. Non era un ambiente propicio para navegar pero o City of Agra, un vapor británico que se dirixía a Calcuta, enfrontouse directamente coa tormenta. Non foi capaz de facerlle fronte á natureza e tan só uns minutos despois da garda de medianoite, o barco perdeu o rumbo a 35 millas da Coruña. Embarrancou na pedra do Canesudo, fronte á praia de Arou, e rapidamente rachou á metade. A historia dos falecidos, dos superviventes e dos heroes de Camelle que os rescataron sae agora á luz, grazas a un documental que conmemora os 125 anos do naufraxio.

Ano 2022. Saiamos da escuridade dunha pandemia. Así comeza a cinta, coa voz en off dunha nena que desexa aproveitar o verán saltando de festa en festa. Seus pais organizan unha fin de semana en Camelle e ela atópase co inesperado: os actos conmemorativos do afundimento do City of Agra, que se celebran dende 2019. Están organizados pola asociación Naufraxios Galegos, que asegura que se trata do “meirande programa cultural dedicado a un naufraxio en Europa”. E o 2022 foi un ano aínda máis especial porque se celebraba o 125 aniversario do afundimento. Por iso, máis alá da festa, púxose en marcha un documental —estreado o 30 de decembro— producido por Vizuals Lab coa colaboración da Deputación da Coruña e da asociación.

Máis dunha trintena de vidas afogadas

A historia do City of Agra quedou tatuada para sempre na memoria de Camelle. O vapor británico partiu de Glasgow e fixo escala en Liverpool, onde completou a súa carga e recolleu pasaxeiros. O seu obxectivo era cruzar a canle da Mancha, percorrer a costa galega e portuguesa e logo ir cara ao Mediterráneo pasando polo estreito de Xibraltar. A súa meta: chegar a Calcuta logo de cruzar a canle de Suez, o mar Vermello, o golfo de Adén e o mar de Arabia. Unha ruta longa, de moitas xornadas de entrega ao mar. Para cumprir con ese traballo ían a bordo 75 persoas: 71 delas eran membros da tripulación, case todos traballadores indios; dous deles eran pasaxeiros e os restantes, polisóns

Tres mariñeiros de Camelle salváronlle a vida a 30 náugrafos á deriva en botes salvavidas

Segundo explican no documental, case todos os mariñeiros eran bengalís con escasa formación, salarios moi baixos e condicións de traballo extremadamente precarias. Unha situación que non favorecía facer fronte a un naufraxio. En realidade, nada facía pensar que o City of Agra ía afundir, por ser un barco robusto e adiantado ao seu tempo. Xa funcionaba a vapor e aínda que contaba con velas, estas xa non servían para axudar á navegación para aforrar carbón. Era, por tanto, un adianto tecnolóxico nesa transición entre séculos. Outro dato curioso é que ademais da súa carga xeral, levaba sobre todo gaiolas para crear, en Reino Unido, un santuario de animais exóticos.

Pero as súas máis de 3.000 toneladas non puxeron freo á violencia da natureza. Na madrugada do 3 de febreiro de 1897, un temporal na Costa da Morte fixo honor ao seu nome. Malia que o vapor estaba ben equipado, con chalecos salvavidas e cinco botes para facilitar os rescates, a treboada xogou na súa contra. O barco embarranca e rompe á metade, polo que a única opción para salvarse é tirarse ás pequenas embarcacións. Tan só os números dous e catro conseguen manterse a flote, con 18 e 12 náufragos respectivamente. Co abrir do día, un grupo de mariñeiros de Camelle viron os dous botes ateigados, empuxados polas correntes e polo vento. Sen dubidalo, os veciños da Costa da Morte colleron as súas embarcacións —Pedro, Mercedes e Manuel— e tiráronse ao mar para remolcar os botes e levalos ao interior da enseada, salvándolle a vida a 30 persoas.

Un dos lados das medallas que o goberno británico outorgou aos mariñeiros de Camelle. Crédito: Naufraxios Galegos

Afortunadamente, o número de superviventes seguiu aumentando nas seguintes horas. Outros mariñeiros de Arou rescataron varios náufragos agarrados a táboas e o resto da tripulación deuse por desaparecida ou morta. Porén, aínda se habería de lograr outro milagre. O barco Ónega atopou no seu camiño a outros nove e, despois, albiscou a unha persoa agarrada a unha táboa de madeira: era Frame, o capitán do City of Agra. Non foi o único que lle agradeceu á sorte a súa supervivencia. Ademais de varios membros da tripulación, a señora Bocker, algúns oficiais, o terceiro de abordo e o maquinista salváronse aferrándose aos troncos. O balance final concluíu que morreran 33 persoas e salvaran a vida outras 42.

Segundo contan no documental, Mr. Dun, un dos superviventes que fora contratado para facerse cargo dunha plantación de té, deu unha entrevista en Australia, o seu país de orixe. Alí, falou da hospitalidade que ofreceron as xentes de Camelle e como, no medio dunhas pedras, saíron varios mariñeiros ao rescate. O náufrago relatou en Australia que os rescatadores eran pobres e non tiñan nada. De feito, el recordaba como foron descalzos a auxilialos no medio do temporal e, aínda así, ofrecéronlles roupa seca, comida e un sitio quente onde durmir. Este relato chegou aos oídos do goberno británico que decide outorgar tres medallas de prata aos heroicos mariñeiros. Din no documental que é a máis alta condecoración que o goberno do Reino Unido entrega a un estranxeiro por salvar a un británico dunha morte segura.

City of Agra, un pobo unido pola traxedia deixa pegada audiovisual da historia de Camelle e da querencia das súas xentes polo mar e a heroicidade. Máis alá da festa anual que dende 2019 conmemora o naufraxio, para non esquecer a historia viva da vila, segue a haber unha fonda pegada do afundimento acontecido hai case 126 anos. A campá do barco está pendurada no campanario da igrexa do Espírito Santo de Camelle dende que no 1897 fora extraída do pecio e doada pola empresa Barbeito. Cada ano tócase na segunda fin de semana de xullo para recordar os ecos perdidos daquelas xentes cheas de valor que se botaron ao mar para salvar vidas poñendo en risco as súas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.