Venres 29 Marzo 2024

Meteoroloxía popular: os vellos refráns tamén menten

Os proverbios, observar a lúa ou sentir dor nun xeonllo non son boas técnicas para predicir o tempo. Só o vento nos pode axudar, a curto prazo

Saber que tempo vai facer mañá ou na próxima fin de semana é algo que hoxe está ao alcance de todos simplemente mirando no teléfono móbil, escoitando as informacións ou visitando páxinas especializadas onde se poden atopar todo tipo de datos meteorolóxicos. Pero houbo un tempo, antes do avance da computación e dos satélites no século XX, no que os nosos antepasados compartían técnicas e experiencias das súas observacións. Experiencias que chegaron ata nós en forma de vellas tradicións e alimentando, notablemente, o noso imaxinario e o noso refraneiro.

“A xente do campo, por exemplo, tiña que inferir o tempo que ía facer dalgún xeito. Para eles, para o seu traballo, era moi importante. Observaban a natureza, os ventos ou o comportamento dos animais e, nalgúns casos, acertaban. Por exemplo, deducían o tempo que vai facer mañá en función da dirección do vento ou do tipo de nubes que hai. Eles tiñan moita experiencia e é valioso como o facían”, explícanos Damián Insua, Investigador da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Publicidade

O observación do vento

A observación do vento é unha das poucas licenzas que Insua lle concede á meteoroloxía popular. “Sabían que se viña do sur, xeralmente, anticipaba a chegada dunha fronte asociada a unha borrasca. E isto ten todo o sentido do mundo por unha razón moi sinxela que é que as borrascas, no hemisferio norte, circulan desde o oeste cara ao leste. Ademais, o vento nas borrascas xira no sentido contrario ás agullas do reloxo e isto fai que cando nos chegan desde o mar, desde o Atlántico, que é a dirección predominante da que veñen, o vento sexa sempre de sur. Polo tanto, si, ese é un indicador real que eles tiñan para saber se ía cambiar o tempo e funcionaba moitas veces, e funciona”, afirma.

“É totalmente falso que as dores asociadas a cambios de presión anuncien mal tempo”

DAMIÁN INSUA, físico da USC

O investigador da USC non é tan compracente coa observación dos astros, sobre todo coa suposta relación entre as fases da lúa e os cambios de tempo, “algo que atopamos nalgúns refráns e que non ten sentido”, asegura. Insua sentencia do mesmo xeito as dores que, asociadas a cambios de presión, anuncian mal tempo. “Iso é totalmente falso. No noso día a día vivimos cambios máis grandes de presión que os que se producen cando chega unha borrasca con precipitacións. Por exemplo, agora aquí estamos en Santiago e subimos ao Monte Pedroso que está 200 metros máis arriba e probablemente o cambio de presión sexa moito máis grande do que pode caer a presión cando vai chegar unha borrasca”, subliña o científico especializado en Física non lineal.

A atmosfera non ten memoria

Algunhas vellas tradicións como as chamadas “cabañuelas”, un cálculo popular para o prognóstico do tempo de todo o ano baseado na observación dalgúns días de agosto, ou as témporas das estacións que, fixadas cada ano segundo o calendario lunar, predín o tempo dos próximos meses, gozan hoxe dunha segunda vida nas redes sociais. E aquí, Damian Insua é rotundo. “Os nosos antepasados intentaban facer algo que non se pode que é inferir como ía ser o tempo catro ou cinco meses despois baseándose no estado da atmosfera nun instante concreto, nun día determinado do ano. Isto non ten sentido desde o punto de vista matemático e físico pero é comprensible que o intentasen porque para eles era moi importante saber como ía ser a seguinte estación para os seus cultivos, por exemplo. Nós, para exemplificar un pouco isto, sempre dicimos que a atmosfera non ten memoria, danlle totalmente igual ese tipo de relacións como se o verán foi chuvioso ou seco e entón o inverno vai ser húmido ou frío”, insiste.

“Métodos como as cabañuelas ou as témporas non teñen sentido dende o punto de vista matemático e físico”

DAMIÁN INSUA, físico da USC

O investigador da Facultade de Física tamén sinala a descontextualización da que pode ser vítima o noso refraneiro co exemplo daqueles proverbios que relacionan directamente o mes de abril coa chuvia. “Eses refráns serían totalmente certos no interior da península onde, nalgunhas zonas, o pico de precipitacións si que é na primavera, no mes de abril. Isto está asociado ás tormentas de tarde que aquí tamén temos, pero quizais menos nese mes. Aquí temos máis ben precipitacións de tipo frontal que veñen coas borrascas do inverno e o máximo en Galicia rexístrase normalmente en decembro. É dicir, Abril, augas mil é un refrán un pouco confuso e en Galicia non totalmente certo”.

Mirar pola ventá, a mellor ferramenta

Resultado dun mito ancorado no noso imaxinario ou ferramenta esencial para os nosos devanceiros, o emprego destas técnicas caeu en desuso con informacións precisas e con base científica das que hoxe pode gozar calquera. “Hoxe cun ordenador podemos saber se o tempo vai cambiar ou non, a cantidade de chuvia que vai caer mañá, se van ser 10 litros por metro cadrado ou 100 e a que horas do día van caer. Hoxe xa non ten sentido utilizar esas vellas técnicas, pero está ben recordalas como algo que foi crucial para que os nosos antepasados intentasen predicir o tempo”, asegura Insua que nos deixa un consello antes de rematar esta conversa con GCiencia.

“Penso que merece a pena seguir mirando cara ao ceo. O contacto coa natureza sempre é bo e axúdanos incluso a relaxarnos, pero ademais botar unha ollada pola ventá antes de saír ou cando chegas á rúa segue sendo útil para predicir o tempo. Ao mellor non para saber o tempo do día seguinte ou dos dous próximos días, pero para un período de tempo inmediato, para saber por exemplo se vai chover, segue sendo útil”, afirma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira
00:00:12

Karlotta azouta Galicia con refachos de máis de 200 km/h

A borrasca mantén á comunidade en alerta laranxa por vento e chuvia este xoves e provoca varias incidencias
00:05:35

É a intelixencia artificial unha ameaza para a humanidade?

O frenesí dos últimos anos leva a moitos a preguntarse polo verdadeiro alcance dunha revolución con riscos, pero con moitos beneficios se se seguen as normas