O 27 de febreiro de 1892, un forte temporal costeiro segou a vida de 105 mariñeiros na vila portuguesa de Póvoa de Varzim, na actual área metropolitana de Porto. O suceso consternou a sociedade da época. A uns 90 quilómetros de distancia, na vila galega da Guarda, o sacerdote xesuíta Baltasar Merino quedou impresionado coa traxedia. Estaba á fronte do Colexio de Camposancos, onde chegara en 1880. Ademais de profesor, desenvolvía interesantes investigacións en botánica e meteoroloxía. Pero aquel naufraxio catastrófico foi, para el, un punto de inflexión. Comezou a estudar as borrascas da costa atlántica de Galicia dende o observatorio do colexio e, de aí, naceu unha publicación pioneira na meteoroloxía do país. O obxectivo: salvar vidas.
Barómetros nos barcos
Merino levaba dende 1887 á fronte do observatorio instalado no centro, onde recompilaba datos meteorolóxicos que aínda son de utilidade hoxe. En 1893, tras a traxedia de Póvoa de Varzim, publica Estudo sobre as borrascas na costa occidental de Galicia. Non só foi unha obra pioneira, senón de servizo público. O seu obxectivo era axudar os patróns de barco a predicir os temporais marítimos e, así, evitar naufraxios e accidentes no mar. Para conseguilo, propuxo nun artigo publicado no xornal La Integridad que os patróns dos barcos levasen con eles uns pequenos barómetros que permitisen medir a presión atmosférica para previr as borrascas e evitalas a tempo. A súa proposta pública recibiu as loas do director do Observatorio Meteorolóxico de Lisboa.
“En vista, pois, das indiscutibles vantaxes que pode proporcionar e do seu insignificante custo, de esperar é que os que se confían case diariamente ás ondas e aos ventos se fagan con tan precioso aparello”, deixou por escrito Merino. Grazas aos seus estudos no observatorio astronómico de Camposancos, o xesuíta deuse conta de que cando baixaba a presión atmosférica adoitaba vir unha borrasca. Segunda explica o doutor en Física e investigador da Universidade de Vigo (UVigo) Juan Antonio Añel nunha entrevista publicada en GCiencia, o barómetro aneroide, empregado para medir a presión atmosférica, inventárase había 40 anos. Porén, o modelo da época estaba formado por barras de mercurio foi grandes. “Merino tratou de que os barcos levasen uns barómetros máis pequenos”, sinala.
Máis alá das borrascas
O traballo do xesuíta no observatorio da Guarda é, hoxe, dun valor inestimable. Aínda que foi a cuarta estación do seu tipo que se creou en Galicia —primeiro foron as de Ferrol, Vigo e Santiago—, o de Merino converteuse nun verdadeiro referente a finais do século XIX pola calidade dos seus datos. Tiña forma hexagonal, semellante ao actual observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago, e dende alí realizaba medicións de temperatura, humidade e precipitación. Aínda que a estación se fundou en 1880, Merino dirixiuna dende 1887 ata 1905, enviaba os datos ao Real Observatorio de Madrid e despois publicábaos. De feito, sacaba anualmente cadernos resumo: o primeiro en 1881 e o segundo en 1896. Os datos saían tamén no xornal La Integridad, onde continuaron aparecendo ata 1918, un ano despois do seu falecemento.
No eido da meteoroloxía, Merino é todo un referente. Ademais da súa obra sobre as borrascas da costa occidental de Galicia e a súa recomendación de levar barómetros nos barcos para evitar naufraxios, legou outros coñecementos e obras de grande importancia. Tamén foi un dos promotores da creación da rede de estacións pluviométricas de España. Ademais de observar variables como a temperatura e as precipitacións, medía os niveis de ozono, a temperatura baixo o solo e analizaba clinicamente a auga que procedía da chuvia. Con todo, este último traballo non puido rematalo. En canto ao estudo do ozono, Añel destaca a figura de Merino: “Non era algo relevante para a meteoroloxía da época. Descubriuse en torno ao ano 1820 e el xa o medía en 1860 cun aparello que mercou. Moito máis rápido, por exemplo, que no Observatorio de París, que era unha gran referencia”.

Flora e clima
Merino é, por tanto, o primeiro en realizar traballos de climatoloxía aplicada en Galicia. De feito, xa antes de sacar o libro sobre borrascas en 1893 publicara dous anos antes O clima do Baixo Miño. Esta obra describe 140 especies vexetais que actúan como indicadoras do clima da zona e, para iso, empregaba a chamada “integral térmica”. Con ela podía definir como o millo e a vide se ían adaptando ás condicións climáticas. Amais deste, en 1897 publica outro: A vexetación espontánea e a temperatura na conca do Miño. De novo, relacionaba o clima da zona coas especies da zona, e chegou a describir 750. Os datos que recolleu Merino dende A Guarda, sinala Añel, son de moita importancia porque, ademais, obtivéronse nun lugar “pouco contaminado e moi preto do océano”.
A figura de Merino é esencial para a ciencia galega e a súa historia, e por iso se lle dedicou o Día da Ciencia en Galicia en 2017. Malia a súa faceta de meteorólogo, destacou especialmente no eido da botánica. Fixo unha obra colosal, á que titulou Flora de Galicia, que se publicou en tres volumes entre 1905 e 1909. O sacerdote viaxou por toda a xeografía galega, dende O Courel ata as illas Cíes, para crear a maior recompilación posible de plantas. E grazas a este traballo encomiable creou un inmenso herbario do que se conservan máis de 16.000 follas.
Un viaxeiro incansable
Malia que a súa vida estivo intimamente ligada a Galicia e os seus restos descansan en Vigo, non era galego de nacemento. Veu ao mundo na localidade burgalesa de Lerma en 1845, e non chegou á Guarda ata os seus 35 anos. Antes diso viaxou polo mundo. Primeiro formouse en Filosofía, Humanidades e Retórica e con 22 anos foi destinado a Cuba, onde foi profesor durante tres anos. Tras o seu paso polo Caribe marchou a Estados Unidos, a Woodstock, preto de Baltimore. Alí estudou Teoloxía durante cinco anos. Volveu brevemente a Europa, á localidade francesa de Larbey para completar a súa formación relixiosa, pero marcha de novo pouco despois.
O seu novo destino foi San Juan de Puerto Rico, onde estivo catro anos como profesor. Por mor dos seus problemas de saúde volve a España, está un ano en Sevilla e en 1880 recala na Guarda. Alí, en diversas etapas, impartiu Latín, Grego, Agricultura, Física e Química e Historia Natural. E entre os anos 1900 e 1910 foi abandonando progresivamente a súa faceta como profesor para centrarse cada vez máis na investigación. En 1916 o Colexio de Camposancos trasládase a Vigo, onde falece un ano despois con 72 anos. Descansa na cidade olívica e na súa terra de adopción, á que deixou un legado científico inestimable.














