Sábado 13 Xullo 2024

“O gran logro de Merino foi transmitir os datos que recompilou á posteridade”

Juan Antonio Añel, doutor en Física e investigador Ramón y Cajal na Universidade de Vigo, achegouse á traxectoria de Baltasar Merino na súa faceta como meteorólogo. O descubrimento casual dos datos recompilados por Merino serviu para iniciar unha investigación que descobre aspectos moi interesantes sobre o clima en Galicia, tanto no pasado como no futuro.

– Como chega a interesarse pola figura de Baltasar Merino?

Publicidade

Temos unha liña de traballo na Universidade que é a recuperación de datos instrumentais meteorolóxicos do pasado, xa que é unha vía moi interesante para saber o tempo que vai facer no futuro. Hai moito tempo que se observa o clima, pero os datos non se gardaban, e comezaron a gardarse a principios do século XX. Hai uns dez anos estabamos buscando uns datos no Observatorio do Ebro de Zaragoza e a bibliotecaria do centro falounos duns datos da Guarda, recompilados por Baltasar Merino no observatorio do Colexio da Pasaxe. O que facía era medir os datos e envíalos ao Real Observatorio de Madrid, que despois publicábaos. Eran cadernos que se editaban ano a ano cos datos; o primeiro é de 1881 e o último de 1896. Merino tamén publicou un libro específico sobre as borrascas.

“Os datos de Merino teñen gran valor porque se obtiveron preto do océano e nun lugar pouco contaminado”

Que valor teñen estes datos?

Publicidade

Comparamos os datos de Merino cos doutras fontes para comprobar a súa validez e vimos que eran válidos. Son datos moi importantes porque se obtiveron nun lugar pouco contaminado e moi preto do océano. Deste xeito podemos debuxar as borrascas e os anticiclóns dun xeito bastante aproximado. Os datos do Observatorio de Merino continuaron publicándose no xornal “La Integridad” da Guarda ata o ano 1918. Temos que agradecer a dúas rapazas, Helena Berdía e Noelia Bascuas, que traballan na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura e que microfilmaron eses datos, o que nos permitiu acceder a información moi valiosa.

Merino tivo unha traxectoria polifacética, como cualificaría a súa personalidade?

Cualificaríao fundamentalmente como un investigador. Os xesuítas teñen unha longa tradición investigadora e, a día de hoxe, aínda manteñen observatorios de investigación astronómica. Ademais, Merino era unha persoa moi curiosa. Empezou a utilizar o ozono, que non era algo relevante para a meteoroloxía da época. O ozono descubriuse en torno ao ano 1820 e el xa o medía no ano 1860 cun aparato que mercou. Moito máis rápido, por exemplo, que no Observatorio de París, que era unha gran referencia.

Cal é o maior logro que Merino deixou á posteridade no que se refire á meteoroloxía?

 Eu creo que o maior logro foi o de transferir á sociedade o coñecemento das súas investigacións. Moitos aínda non fan isto hoxe en día. El preocupouse por publicar no xornal a previsión do tempo porque quería poñer a meteoroloxía ao servizo da sociedade. Os datos que recolleu naquel momento son moi útiles hoxe para a investigación. Seguramente, non prevía o cambio climático entón, pero os datos que nos deixou son moi importantes para poder falar deste tema hoxe. Estaba moi preocupado por darlle utilidade á meteoroloxía, por iso escribiu un libro sobre borrascas e trataba de darlle á xente do mar instrumentos para poder prever o tempo que ían ter. Deuse de conta de que cando baixa a presión adoita vir unha borrasca. O barómetro aneroide inventárase uns 40 anos antes, pero estaban formados por unhas barras de mercurio moi grandes. El tratou de que os barcos levasen uns barómetros máis pequenos para que os patróns soubesen cando viña unha borrasca.

“Merino intentou que os barcos lévanse barómetros pequenos para saber cando viña unha borrasca”

Pode falarse da súa figura como o verdadeiro pioneiro da meteoroloxía en Galicia?

Sen dúbida. Non hai constancia dunha compilación de datos semellante á que el fixo. Era moi sistemático, medía temperaturas, precipitacións, ventos… Foi un caso illado e é unha pena que non houbera outros que tomaran datos noutros puntos de Galicia. Chegaba a medir a temperatura por debaixo do solo. Aínda quedan moitos datos por analizar e temos un proxecto agora, financiado pola Xunta, no que hai dous rapaces traballando para recompilar os datos recollidos por Merino.

Que ensinanzas podemos obter da traxectoria de Merino?

– Era unha persoa moi ben formada e que fixo algo moi importante para a época, como é traballar en sitios moi diversos; nalgúns deles xa tiñan tamén observatorio. O seu traballo foi constante, sistemático e tranquilo e iso axuda moito a calquera tipo de investigación porque a homoxeneidade dos datos é moi importante. Nin sequera hoxe en día fanse as observacións dun xeito homoxéneo nalgúns lugares; por exemplo, hai guerras e deixan de medirse os datos. Merino tiña moi boa práctica científica, cando deixou o observatorio e se dedicou a estudar a flora deixou a unhas persoas perfectamente formadas para facer as medicións. Os algoritmos que aplicamos nas series que deixou non detectan alteracións nos datos. A súa boa práctica demóstraa tamén o feito de que foi presidente de honra dunha sociedade científica internacional cando vivía nun lugar apartado do mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC, galardoado por crear sistemas de calefacción e refrixeración máis ecolóxicos

Os Premios á Transferencia tamén recoñecen unha tecnoloxía da USC para extraer das augas residuais un mineral moi apreciado na agricultura

Praga de moscas en 21 concellos galegos: as causas dunha invasión que vén para quedar

As variacións bruscas de temperatura e o cambio climático son factores que inflúen na multiplicación dos insectos

A RAGC e a Xunta convocan os X Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Cada categoría está dotada con 5.000 euros e o prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de abril

Científicos galegos afondarán na conformación do Universo nun experimento con neutrinos

O IGFAE participará no deseño dun detector que interceptará feixes destas partículas para intentar explicar a asimetría entre materia a antimateria