Publicidade

Galicia ten preto de 15.000 cruceiros, a maioría dos séculos XVII e XVIII

Hai exemplos anteriores como a cruz de pedra de Melide, do XIV, considerada a máis antiga do país

Fundidos coa paisaxe, os cruceiros son unha manifestación artística única de devoción popular. Están rodeados de lendas e ligados a ritos ancestrais. Son un sinal de identidade de Galicia e unha singularidade que nos une con Portugal, Bretaña (Francia), Gran Bretaña e Alemaña.

Nados ao albor da Contrarreforma, estímase que hai preto de 15.000 cruceiros en Galicia, a maioría deles datados nos séculos XVII e XVIII, malia que hai exemplos anteriores como o cruceiro de Melide, do século XIV, considerado o máis antigo ou cruceiro do Home Santo de Bonaval en Santiago, do século XV. Séguense construíndo, aínda que só teñen valor patrimonial os erixidos antes do ano 1901.

Publicidade

Situados en encrucilladas de camiños, nos atrios ou ao redor das igrexas, nos cemiterios… “Os cruceiros son a o único elemento patrimonial galego público, non pertencen á Igrexa, agás os que están nos adros de ermidas e capelas; foron levantados pola xente dunha aldea, por familias…”, subliña o arquitecto e presidente da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Henrique Fernández Coto

Vencellados aos cruceiros, e “non menos importante, é o vasto patrimonio inmaterial que os arrodea, mitos, ritos e lendas construídos por unha sociedade, que quedan no imaxinario colectivo dun pobo. Por iso moitos somos contrarios a movelos do seu lugar, é unha cuestión de respecto colectivo” engade Carlos H. Fernández. Localizalos, fotografalos e inventarialos é o obxectivo do proxecto Cruceiros de Galicia, unha “cruceiropedia” no que participa Apatrigal, e que xa situou no mapa 9.900 cruces de pedra.

Publicidade

“Non menos importante é o vasto patrimonio inmaterial que arrodea os cruceiros: mitos, ritos e lendas”

CARLOS H. FERNÁNDEZ COTO, presidente de Apatrigal

Son basicamente unha cruz cun varal (Estanislao Fernández da Cigoña), porén a realidade vai máis alá: a devoción popular, crenzas locais e a arte dos canteiros foi dándolles complexidade con plataformas, incorporando imaxes —as máis habituais o Cristo crucificado e a Virxe—, decorando os seus fustes, engadindo mesados, etc.  É tal a súa variedade que se poden categorizar: de cruz, de crucifixo, de capela, cravados, descravados ou de imaxes. 

Categorías

Algúns como os cruceiros de capeliña circunscríbense a unha área xeográfica, neste caso son propios da península do Barbanza (A Coruña) onde se catalogaron monumentos en, por exemplo, os concellos de Boiro, Brión, Rois, Dodro, Noia, A Pobra, Porto do Son, Rianxo e Ribeira. Tamén se inventariaron algúns destes cruceiros “fóra de lugar” como o do parque de Santa Margarida da Coruña, Santo André de Xeve (Pontevedra) ou o do arsenal militar de Ferrol.

Teñen un varal máis curto e groso do habitual, que remata nunha capeliña, sobre a que está a cruz. Esta capeliña adoita conter a imaxe da Virxe de Loreto co neno en brazos polo que se lles coñece tamén como cruceiros de Loreto.

Con entidade propia, pero escasos, son os chamados cruceiros de desencravo, que representan o descendemento da Cruz do corpo de Xesús. A pesar da súa escaseza, podemos atopar exemplos nas catro provincias galegas: o cruceiro de Vilariño (Rois), o barroco e historiado cruceiro de Hío (Cangas), o da Virxe do Faro (Chantada), ou de Arrabaldo (Ourense).

Outros destacan pola súa particularidade. É o caso dos cruceiros do cemiterio de Santa María a Nova de Noia ou o da Santísima Trindade de Baiona, cubertos con baldaquino; dos xigantescos cruceiros do cemiterio municipal de Mondariz e da Colexiata da Coruña, que superan os 8 metros de altura ou o dos chamados cruceiros de meniños ou cruceiros de anxiños, como o de Leiro (Rianxo) a cuxo arredor se sepultaban bebés, que morrían sen ser bautizados.

Igualmente destacan pola súa singularidade os chamados calvarios, conxuntos de tres cruceiros que representan a Xesús na Cruz, flanqueado polo ladrón bo e o ladrón malo. Por exemplo, os calvarios de Cespón (Boiro), San Xulián de Bastavales (Brión), San Martiño de Bueu ou o de Melón.

Apatrigal ten a súa propia lista de imprescindibles que inclúe unha escolma que reflicte a idiosincrasia e variedade dos cruceiros de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha guerra por un peixe: 30 anos do maior conflito pesqueiro de Galicia

Canadá disparou contra o buque 'Estai' en augas internacionais e detivo o seu capitán, o que causou un enfrontamento co Goberno español

Encaixan os galegos nas claves sociais do Informe Mundial da Felicidade? “Somos sociedade de comunidade e empatía”

Os ritmos de vida actuais levan a compartir menos tempo cos nosos, un factor que a psicoloxía liga estreitamente co benestar emocional

Un estudo relaciona unha toxina bacteriana coa “epidemia” de cancro colorrectal en adultos novos

A investigación liderada por un galego indica que a enfermidade podería ser a principal causa de morte por tumores en xente moza en 2030

Un libro recolle por primeira vez ata 704 cantigas de amor

Unha investigadora da USC recompila os textos transmitidos nos cancioneiros medievais da Ajuda, da Biblioteca Nacional e da Vaticana