Novo sistema de escritura ou imitación? A insólita inscrición da pedra de Elviña

O arqueólogo Samuel Nión acaba de demostrar que o texto non está escrito en latín cursivo, como se pensaba ata o de agora

Hai 71 anos, nunha estrutura de carácter relixioso coñecida como Templo do Ídolo Fálico, no acceso sueste ao Castro de Elviña, atopouse unha pequena pizarra cunha estraña inscrición. Nese momento, o arqueólogo José María Luengo concluíu que se trataba dun texto en latín cursivo. Agora, o misterio reabriuse da man de Samuel Nión, arqueólogo do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), e o seu equipo.

“Eu cheguei a esta peza un pouco por casualidade”, apunta o investigador. “Dentro da miña tese, estaba facendo unha revisión da epigrafía romana da provincia da Coruña, e esta era unha das pezas que fun revisar ao museo de San Antón, onde se atopa a pizarra desde os anos 60, moito antes de que eu nacera”, engade.

Publicidade

Samuel Nión comenta que, unha vez comezou a revisar a pequena peza —de menos de 10 centímetros e que colle dentro dunha man—, se decatou de que non entendía ben o que estaba escrito nela. “A epigrafía non é o meu campo de especialización, por iso ao principio pensei que o problema era meu, que non entendía ben o que quería dicir en latín cursivo”, detalla.

Con todo, conforme máis manuais de latín cursivo lía, menos claro tiña que ese fose o idioma da inscrición. Dubidoso ante o significado do que tiña diante, Nión comezou a consultar a outros epigrafistas ensinándolles transcricións e fotografías da peza. A resposta que recibía sempre era moi parecida: non sabían en que estaba escrita a pizarra, pero podían asegurar que latín romano non era. E así foi como se reabriu o misterio.

Unha combinación de técnicas

Para o estudo da peza, formouse un equipo de cinco persoas. Samuel Nión, coordinador de toda a publicación, Lucía Pereira do Incipit, Irene García filóloga da Universidade de Santiago (USC), Jorge Sanjurjo xeólogo da Universidade da Coruña (UDC) e Miguel Carrero, arqueólogo computacional da USC.

“Contactamos durante sete anos con expertos de distintas zonas”, rememora Nión. “Pero, sobre todo, que foi a parte na que eu máis me involucrei, empezamos a intentar definir os trazos da pizarra e a elaborar técnicas de visualización que nos permitisen afinar eses trazos ao máximo para poder identificalos ben”, expón.

Con esta intención, no Incipit utilizaron microscopía 3D para xerar unha nova revisión da peza en tres dimensións que fose o máis precisa posible. Detallando os trazos, identificando a anchura e o groso e diferenciando, deste xeito, posibles alteracións ou a posibilidade de que houbese retoques ou algunha modificación da peza, para descartar que se tratase dunha falsificación.  

“Empezamos cun proceso de modelado a partir de fotos. Como isto non era tan preciso como queriamos, decidimos facer a revisión con microscopio 3D para xerar modelos neste formato”, explica Nión. “Digamos que foi un proceso moi orgánico no que iamos desenvolvendo técnicas a medida que a peza ía suxerindo novas posibilidades e novos problemas, co obxectivo en mente de intentar identificar o que poñía na inscrición. Por agora só sabemos seguro o que non pon, pero isto tamén é moi importante”, subliña.

Tres hipóteses

No artigo, que xa está aceptado e pendente de publicarse, son tres as hipóteses que Samuel Nión e o seu equipo entenden como máis probables. Con todo, Nión remarca que aínda non existe ningunha conclusión que se poida dar por certa. Só teñen claro que o texto non está en latín cursivo, como se pensou durante tantos anos, e que tampouco se trata dunha falsificación porque a peza é coherente con outras atopadas no castro.

“Nós temos tres hipóteses que son as que suxerimos en función do resultado da interpretación dos trazos e da análise da peza. Unha das primeiras hipóteses que consideramos é que pode ser un exemplo de imitación de escritura”, apunta.

Nión explica que no Castro de Elviña houbo contactos continuados e reiterados con poboacións que tiñan escritura. Sobre todo da zona de Cádiz na Idade de Ferro, nos séculos I e II a.C. Isto, unido ao feito de que a inscrición foi atopada nunha estrutura de carácter ritual e relixioso, fai pensar que se trata dunha imitación de escritura como algo de prestixio aínda que non soubesen o que significaba.

“Nós estamos moi acostumados a ver letras e entender sons e significados de forma natural porque os estudamos así. Pero temos que ter en conta que iso non é o habitual a nivel histórico”, recalca o arqueólogo. “Normalmente a xente que non medra con escritura, non asume de forma directa ese proceso de significación. Con todo, é probable que a poboación do castro imitara estes signos, e depositara esta inscrición nun lugar sagrado, porque fose consciente da súa relevancia e fose importante para ela. Algo que ten pasado noutras zonas de Europa”, remata explicando Nión.

A segunda hipótese barallada é que se trate dun caso de escritura combinada de varios elementos distintos debido as relacións con outras comunidades mediterráneas. “Na inscrición aparecen 20 signos, e dentro deles hai algúns que se repiten con respecto a outros sistemas escritos. Hai algúns que poden ser latín cursivo, outros que poderían ser paleohispánicos… Pero non existe unha correlación sistemática con ningún sistema escrito. Trataríase, neste caso, dun fenómeno de réplica por contacto con outras culturas”, indica.

O microscopio empregado durante a análise da inscrición.

Nión explica que o número de signos que fan os humanos son limitados. Por poñer un exemplo recente, hai signos no alfabeto cirílico ou no alfabeto grego que son moi semellantes aos latinos e iso non significa que sexan da mesma escrita, senón que hai un determinado número de trazos que os seres humanos podemos crear para abstraer os sons e as palabras.

A terceira e última hipótese, a máis atractiva para os expertos pero tamén a máis difícil de probar, é que se trate dun sistema escrito descoñecido. Unha hipótese que para Nión é bastante problemática porque no noroeste peninsular non se coñece ningún caso coma este.

“No sur da península, no levante, hai zonas onde hai escritura anterior á latina, pero a medida que sobes cara ao norte, hai menos evidencias disto. Co cal, cunha soa evidencia, non se pode formular isto de ningunha forma porque non teríamos con que contrastar”, reflexiona o arqueólogo.

Aínda así, Nión si que recoñece que hai algunhas repeticións de signos e algúns trazos que parecen insinuar que a inscrición vai máis aló dunha mera repetición e que semellan sistemáticos. Ademais, esta hipótese foi collendo forza conforme ían descartando outras opcións.

“Con todo, e o digo as veces que faga falta, non temos evidencia ningunha para soster que sexa un sistema escrito. Simplemente é unha opción que temos sobre a mesa, que non podemos descartar, e que nunca se sabe que pode aparecer nun futuro que nos poida levar por ese camiño”, insiste.

Samuel Nión recoñece que todo este proceso foi como unha montaña rusa porque cada experto consultado abríalles unha porta nova cara a un futuro inesperado, e cada paso os levaba cara a un novo horizonte de posibilidades. “Iso é moi emocionante porque é como que abres unha porta cara a algo que non se estudou e que nin sequera sabes cara a onde vas. E é bonito. Porque de verdade que estás intentando ir cara a un sitio inesperado”, recalca o arqueólogo.

Nión recoñece que a partir de agora o camiño é máis complicado e que o seu labor está feito ata que atope outros expertos e expertas que atopen novas visións e o axuden a dar un paso máis cara a adiante. Así é todo, é optimista. Ten claro que aínda se pode avanzar algo máis. Cara a un camiño que aínda é un misterio onde rematará.

1 comentario

  1. Pois anda que se só é unha táboa de repetición (desas nas que repetían os caracteres de arriba en baixo moitas veces para os aprender a facer) que gardaron en lugar especial porque foi feito polo fillo mais querido…
    Sempre que hai un descobremento destes venme á cabeza a estela esa para un home de 80 anos e o seu “fillo” de 15.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

O torques galego que se salvou de acabar na consulta dun dentista suízo

O escritor galego Suso de Toro conseguiu que a familia responsable do achado doase o obxecto á colección do museo coruñés do Castelo de San Antón

A verbena galega, a estudo: un proxecto documentará todos os palcos de música construídos dende 1970

A investigación preséntase hoxe nun acto público, organizado en colaboración coa Asociación de Festas de San Cristovo do Eixo

Arqueólogos galegos estudan como o pastoreo deu forma aos cumes de Babia

As actuacións, nas que participa un equipo de 12 especialistas, están coordinadas por David González Álvarez