O tempo de lecer no verán pode encherse con moitas actividades: ir á praia, bañarse na piscina, ler á sombra ou practicar deportes acuáticos. Pero tamén hai espazo para os xogos nas sobremesas ou nas noites máis cálidas. En Galicia, cunha longa tradición lúdica, existe unha ampla variedade de xogos tradicionais que son unha excelente alternativa para gozar en familia ou con amigos.
O Consello da Cultura Galega recolle na súa páxina web e na súa aplicación móbil unha listaxe de xogos tradicionais co obxectivo de divulgar esta parte da historia e promover a lingua e a cultura galegas, tanto a través de bens materiais como inmateriais. O proxecto, realizado en colaboración coa institución Patrimonio Lúdico Galego, amosa un total de 104 xogos.
Os xogos forman parte da columna vertebral cultural de Galicia. Nunha sociedade tan tecnolóxica como a actual, os xogos físicos, que requiren imaxinación, axilidade mental e destreza, ofrecen diversión e a posibilidade de preservar a memoria dos nosos ancestros e proxectala cara ao futuro. Ademais, a plataforma non se limita a recoller xogos: inclúe arrolos, instrucións para fabricar xoguetes, xogos de palmas e moitas outras propostas.
A sección principal do sitio, chamada “Ao chou!”, propón nove xogos elixidos aleatoriamente para que as familias poidan seleccionar e xogar. Cada ficha describe as normas, a idade recomendada, os obxectivos e a clasificación segundo o tipo de xogo. Tamén inclúe información complementaria e, en ocasións, un vídeo demostrativo. Estes foron os nove xogos que saíron ao azar na consulta de GCiencia.
Pelexa de galos
Trátase dun xogo tradicional para pór a proba a forza e a habilidade, recomendado a partir dos 7 anos. Dous contendentes sitúanse de crequenas, agachados, apoiados só nas puntas dos pés. Debúxanse no chan dous círculos tanxentes, colocando a cada participante nun deles. O obxectivo é empurrar coas palmas das mans para facer que o adversario saia do seu círculo ou perda o equilibrio.
Como en todos os xogos tradicionais, as normas deben pactarse antes de comezar. Segundo a tradición, só está permitido empurrar coas palmas e está prohibido tocar na cara.

Perde a partida quen teña que botar as mans ao chan, apoie toda a planta do pé ou quen toque a liña do círculo. Un xogo sinxelo, capaz de desatar as batallas máis épicas na eira.
As bolichas
Tamén coñecido como ‘O guá’, é un xogo que precisa, como mínimo, dúas persoas, recomendado para nenos a partir dos 7 anos. Para comezar, cómpre facer un buraco no chan, chamado guá. Dende unha distancia acordada, cada xogador lanza as súas bolichas cara o guá. Quen consiga meter a súa bolicha será o primeiro en saír.
Os demais xogadores “quedan”, é dicir, deixan as súas bolichas en calquera lugar do terreo. O xogador que sae mide unha cuarta coa man dende o guá e coloca a súa bolicha nese punto, lanzándoa co coteno (un pequeno impulso coa man) ou coa uña, tentando acertar nas bolichas dos adversarios.

Se acerta nalgunha, poderá lanzar e tentar meter no guá a súa bolicha, eliminando ao xogador contrario, sumando puntos ou quedando coa bolicha, segundo o que se acorde antes de empezar. Se non acerta, será a quenda dos outros xogadores, que lanzarán contra a bolicha que elixan, normalmente a máis próxima. O xogo continúa así ata que só queda un xogador, quen demostrará a súa habilidade e puntería.
A churra
Este xogo, pensado para persoas entre 7 e 18 anos, require actividade física e un mínimo de cinco participantes. A persoa que leva o xogo chámase “nai” e sitúase sentada nun chanzo, nunha pedra ou contra unha parede.
O primeiro xogador do equipo que apanda mete a cabeza entre as pernas da “nai” e os seguintes colocan a cabeza entre as pernas do compañeiro de diante, formando unha fila. Mentres tanto, o outro equipo vai saltando un a un ao berro de “churra”. Cando a nai diga “monta na mula”, os xogadores do equipo saltante soben ao lombo dos que apandan.
Unha vez todos están enriba, intentan non caer, mentres o primeiro xogador do equipo apandado envía sinais manuais á “nai” para que adiviñen quen apandan. As señas son: un dedo estendido (“pico”), a man aberta (“pa”) e o puño pechado (“mazo”). Se os xogadores de abaixo acertan, cambian de rol, pasando a montar e apandar os que antes estaban enriba.
Pin pin, zamaraca pin
Quen non xogou na súa infancia? Trátase dun xogo de mans por parellas no que se recita unha canción mentres se golpean as palmas entre os xogadores. Aínda que poden participar persoas de todas as idades, está recomendado para nenas e nenos de 3 a 14 anos. A canción é a seguinte:
“Pin pin, zamaraca pin,
cando o rei por aquí pasou,
a todas mozas mozas convidou,
agás a unha que quedou,
Zape gache, vaite agochar,
trala porta de san Perillán”
Este ten obxectivos lingüísticos e forma parte dos xogos cantados incluídos no catálogo do Consello da Cultura Galega.
A curuxa
Alén de pasalo ben, moitos dos xogos tradicionais galegos tamén nos ensinan a crear xoguetes con elementos da natureza. Un bo exemplo é a curuxa, un xoguete sonoro que, ademais, pode servir para chamar certos paxaros.
A súa fabricación é sinxela: fai un pequeno buraco na barriga dunha coca e, cun arame fino ou un pequeno desparafusador, baleira con coidado a masa esponxosa do interior ata deixar o oco completamente buxán.
Para facer piar á curuxa, colle a coca entre dous dedos e achega o buraco ao teu labio inferior, soprándolle intermitentemente. Así, imitarás o berro agoirento deste misterioso e tétrico paxaro das noites escuras. Un xoguete que fai soar a natureza.
Arrinca-cebolas
O arrinca-cebolas é un xogo de forza que axuda a coñecer o propio corpo e a perder o medo ao contacto físico. Pódese xogar con tantas persoas como queiran, aínda que está especialmente recomendado para nenos/as e mozos/as entre 7 e 18 anos.
Para comezar, unha persoa senta no chan, ou mesmo pode estar de pé, apoiada contra unha parede, coas pernas abertas. Diante dela, outras persoas van sentando na mesma posición e amárranse firmemente pola cintura: estas son “as cebolas” ou “as capas da cebola”.

O xogador, de pé, colle polas mans á primeira persoa da fila e intenta tirala para “arrincala”. Cando o consegue, quen foi “arrincado” sitúase detrás del, amárrase á súa vez pola cintura e axuda a tirar do seguinte, repetindo así ata que todas as persoas sexan arrincadas.
A cucaña
A cucaña é un xogo típico do verán que se celebra en varias vilas mariñeiras de Galicia, como Baiona (Pontevedra). Recoméndase para persoas a partir dos 14 anos, xa que para menores pode resultar perigoso.
Consiste nun poste horizontal, normalmente de piñeiro, ben liso e enxeñado con aceite ou ensebo, que está firmemente amarrado nunha base na terra ou nunha embarcación. No extremo do poste colócase o obxecto a recoller, que pode ser un pano, unha bandeira ou mesmo un premio, como un coello.

Preséntanse varios participantes que actúan por orde. Cada un debe camiñar polo poste ata chegar ao obxecto do extremo. Gaña quen o consiga, pero a verdadeira diversión do xogo está nas inevitables caídas á auga dos que non teñen tanta sorte.
Mentres as cucañas máis habituais son sobre o mar, as realizadas en terra usan un poste vertical, e o obxectivo nese caso é subir por el e colgar un obxecto.
Xan de Outeiro
Algunhas actividades tamén axudan a exercitar o cerebro. O xogo “Xan de Outeiro” é un exemplo de conto acumulativo, no que se van engadindo progresivamente novos elementos á historia.
As repeticións sucesivas permiten aumentar a dificultade pouco a pouco, adaptándose aos nenos dende os 3 anos, que poden escoitar, ata os 7 anos, cando xa poden repetir parte ou todo o relato, incorporando os novos elementos.
Por exemplo, aplicado aos nomes de animais, o xogo pode comezar así: “Xan do Outeiro ten un can, que lle chaman Capitán”. A continuación, o neno debe continuar a rima, engadindo algo como: “Tamén ten unha cadela, que lle chaman Micaela”. E así sucesivamente, ata que alguén se equivoque.
Catro esquinas
Este xogo está pensado para rapaces e rapazas entre 7 e 18 anos, e tamén é coñecido como “Hai fume na túa casa”. Para xogar, cómpre contar cun espazo con catro esquinas, tal como indica o seu nome. Se non é posible, pódense substituír por círculos debuxados no chan, separados entre si, formando un rectángulo.
Un xogador apanda e sitúase no centro, mentres que cada un dos outros ocupa unha esquina, que é a súa “casa”. O xogador que apanda achega á casa dalgún participante e pregúntalle: “Hai fume na túa casa?”. O xogador responde: “Non, na miña casa só hai lume! Pregunta naquela”, sinalando outra casa.

Mentres teñen esta conversa, o xogador que apanda sitúase preto da casa da persoa que fala, e os demais intentan intercambiarse rapidamente de casa. O obxectivo do xogador que apanda é ocupar unha casa baleira nese momento.
Así, entre palmas e risas, os xogos son a proba de que non fai falta pantalla nin tecnoloxía para pasalo ben. Ademais, é unha boa forma de recuperar e practicar as tradicións dos nosos pais e avós, mantendo viva a memoria colectiva de Galicia.















En Ribeira xogábase aos “pisimpóns”, que son as carátulas das caixas de mistos; facíase unha raia na parede e desde ela o primeiro xogador deixábao caer; se tocaba nun ou varios podía recollelos para sí. O seguinte xogador facía o mesmo.
Outro xogo, sobre todo para nenos, era “as “tombeadas”: agarrarse até facer caer o outro. Estilo loita Canaria.