Investigadores da UDC contribúen á observación da desintegración de barións máis rara rexistrada

O científico Jeremy Dalseno foi recoñecido pola 'American Physical Society' polo seu papel na confirmación deste proceso, que ocorre unha vez cada 100 millóns de decaementos

Os barións compoñen toda a materia visible do universo, polo que estudar como se desintegran axuda aos científicos a poñer a proba a precisión das predicións do Modelo Estándar. Esta é a teoría que describe a maioría das partículas e forzas coñecidas, e a buscar indicios dunha física máis alá del.

Pero, por que mirar máis aló deste modelo? Ademais da propia natureza da investigación científica, impulsada polo desexo de explorar o descoñecido, existen fenómenos como a materia escura ou o predominio da materia sobre a antimateria que o Modelo Estándar non pode explicar, co cal estanse a buscar sinais que poidan indicar a presenza de novas leis da física.

Publicidade

Unha colaboración internacional do experimento LHCb (Large Hadron Collider beauty experiment), un dos seis detectores de partículas que está no Centro Europeo para la Investigación Nuclear (CERN), vén de anunciar a observación dun tipo de decaemento de barións incriblemente raro: a transformación dun barión sigma-mais (Σ⁺) nun protón, un antimuón e un muón.

Presenza galega

Este achado, liderado polo investigador Francesco Dettori da Universidade de Cagliari (Italia), contou coa participación destacada de Jeremy Peter Dalseno, investigador posdoutoral do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña. Dalseno foi responsable do modelado do proceso físico e do seu contraste coas predicións do Modelo Estándar.

Publicidade

Estamos ante un proceso que ocorre só unha vez entre cada 100 millóns de decaementos, o cal foi confirmado empregando datos de colisións protón-protón recollidos entre 2016 e 2018 no LHC, período no que os científicos analizaron arredor de 250 eventos de decaemento de Σ⁺.

O decaemento máis raro

O resultado, cualificado como o decaemento de barións máis raro xamais observado, foi posible grazas á combinación de técnicas avanzadas de aprendizaxe automática e ás melloras no sistema de adquisición de datos do detector LHCb, desenvolvidas no marco dun proxecto ERC, liderado tamén desde o CITENI, polo investigador distinguido do programa Oportunius da Xunta de Galicia, Diego Martínez Santos.

Este estudo confirma con gran precisión as predicións do Modelo Estándar, resolvendo unha incógnita aberta desde hai vinte anos, cando o experimento HyperCP en Fermilab detectou indicios deste proceso que apuntaban á posible existencia de novas forzas físicas más aló das contidas neste modelo.

“Unha vez máis, o Modelo Estándar prevalece”, comenta o equipo investigador. “Os datos seguen estando en liña coas súas predicións, o que confirma a súa solidez a pesar de ter sido creado hai décadas”, conclúen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar