Xornadas de divulgación sobre o patrimonio do Monte Neme

Vista desde a cima do Monte Neme durante as actividades destes días.
Vista desde a cima do Monte Neme durante as actividades destes días.

O Monte Neme, un cumio que se ergue moi preto da costa entre os concellos de Carballo e Malpica, chamou nos últimos tempos a atención nas redes sociais por ser lugar de peregrinacións para ir facerse fotos. Mesmo a propia axencia de Turismo da Xunta o utilizou como reclamo nunha campaña que tería que acabar retirando ante as protestas. Os restos da mina e a canteira – hoxe abandonadas – que hai no monte danlle un aura peculiar. A cor turquesa das súas balsas, produto dos sedimentos da actividade industrial, é unha paisaxe acaída para fotos impactantes. Porén, detrás desta fachada, hai unha historia ben interesante que pasa desapercibida para moitas das persoas que acoden ata alí.

Para divulgar e protexer o patrimonio do lugar naceu a Plataforma pola Defensa do Monte Neme, unha entidade que este mes de novembro organiza as xornadas Ecos do Nemio, unha serie de actividades coas que buscan botar luz sobre a historia do lugar. Desde este día 14 e ata o sábado 24, o propio monte e outros lugares do concello de Carballo acollerán as actividades.

O Monte Neme

No Monte Neme hai sinais de presenza humana desde o Neolítico. Alí foi atopada a Arracada de Cances que hoxe se pode ver no Museo de Pontevedra. Tamén hai restos dun crómlech, coñecido como Eira das Meigas, que suxire o uso do monte como un lugar de culto e mesmo, segundo algunhas lendas, de celebración de aquelarres. Fálase tamén da posible presenza dun castro. Porén a actividade mineira do século XX levou por diante case todos os elementos deste patrimonio.

Cartel das xornadas "Ecos do Nemio".
Cartel das xornadas “Ecos do Nemio”.

 

Antes, durante e despois da Segunda Guerra Mundial, do Monte Neme sacouse wolframio. Durante a gran contenda, o goberno nazi sacou de aquí este mineral, como doutros puntos de Galicia, xa que era un elemento esencial para a construción dos seus tanques. O monte foi despois canteira, que acabou vinculada á familia Cotino, imputada en varios casos de corrupción na Comunidade Valenciana, a través da empresa Leitosa. A compañía acabou en concurso de acredores e a canteira ficou abandonada. En xaneiro de 2014, un corremento de terras provocado polo desbordamento dunha das balsas estivo a piques de provocar unha traxedia. Toneladas de auga e entullos correron monte abaixo e asolagaron varias aldeas. Desde entón, o lugar segue pendente dun plan de recuperación que aínda non chegou.

Neste contexto xurdiu a Plataforma, impulsada por veciños da zona, como Adrián Eirís, e outros colectivos ambientais e veciñais.

Programa de Ecos do Nemio:

Xoves 15: proxección do filme “Minas da Borralha” e conversa posterior con antigos traballadores da mina de Monte Neme. 19 horas, no Espazo da Natureza de Oza (Carballo).
Venres 16: conversa co historiador Xan Fraga, “Bergantiños, capital do Volframio”. 19 horas, no Espazo da Natureza de Oza.
Sábado 17: conversa interxeracional entre maiores antigos traballadores da mina e pequenos da Escola Ambiental de Carballo. 11.45 horas, no Espazo da Natureza de Oza. Ás 19 horas, Magosto-Foliada no Centro Social de Oza, organizada pola Asociación Torre Vixía.
Domingo 18: Roteiro “As pegadas do Volframio“, organizado por Senda Nova. Saída ás 8.15 da mañá en Carballo. Ás 13.30, roteiro pola Eira das Meigas, organizado pola Plataforma Monte Neme. Será un roteiro circular no cumio do monte, con interpretación paisaxística e a conformación dun círculo humano e lectura dun manifesto de enxalzamento por parte de Xan Fraga.
Venres 23: gravación do programa de radio Efervesciencia da Radio Galega dende o Monte Neme. Con Manuel Vicente, José Manuel Menéndez, José María de la Viña, Víctor Barrientos e Juan Ramón Vidal Romaní.
Sábado 24: palestras sobre diversos aspectos do Monte Neme. A partir das 17.30 no Espazo da Natureza de Oza.
Ás 20.30, no Casino de Carballo coloquio sobre o libro “Galicia en guerra. Espías, batallas, submarinos e volframio: do desfile da Wehrmacht en Vigo á fuxida dos criminais nazis”, de Eduardo Rolland, de GCiencia, coa presenza do autor.

Máis información sobre as xornadas, no correo info@monteneme.org ou no teléfono 630 726 820.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.