O investigador da UDC Pablo Montero recolle en Nova York o Premio ao Mellor Doutorando

O investigador predoutoral da Universidade da Coruña Pablo Montero, pertencente ao grupo de investigación Modelización, Optimización e Interferencia Estatística, MODES, que coordina o catedrático Ricardo Cao, recollerá o vindeiro 10 de decembro en Nova York o segundo premio absoluto, xunto cun equipo da Monash University coa que participou, e o Uber Student Prize (primeiro premio ao mellor estudante de doutoramento) na competición internacional M4 sobre predición.

A entrega dos premios terá lugar no trascurso da M4 Conference que organizan en Nova York a University of Nicosia e a NYU Tandon School of Engineering. O programa inclúe a presenza de destacados oradores das principais compañías do mundo de software e tecnoloxía, como Google, Microsoft, Amazon, Uber e SAS, así como académicos de universidades do máximo nivel nunha xornada en que se discutirán os últimos avances en métodos de predición (forecasting).

Publicidade

A competición M4 na que participou o investigador da UDC está aberta a profesionais e investigadores de todo o mundo. O obxectivo é facer predicións dos valores futuros de 100.000 series temporais facilitadas pola organización procedentes de áreas de finanzas, macro e microeconomía, industria e datos demográficos. Os participantes envían as súas predicións e a organización, que dispón dos valores futuros reais das series, determina cales son os mellores participantes dunha maneira obxectiva, medindo o que se desvían as súas predicións da realidade mediante unha fórmula matemática.

Nesta edición, segundo explica Pablo Montero, fíxose especial fincapé na reproducibilidade científica dos resultados, isto é que os métodos que participaron fixéronse públicos para que tanto o mundo académico como a industria se poidan beneficiar dos últimos avances na área.

Publicidade

Participaron equipos de 17 nacionalidades distintas, tanto individuais como grandes empresas e universidades como a Universidade da Coruña, Bath ou Oxford. Pablo Montero competiu cun equipo formado por membros da Universidade de Monash, en Melbourne, Australia: a estudante de doutoramento Thiyanga Talagala e os profesores desta universidade George Athanasopoulos e Rob Hyndman. O traballo desenvolveuse durante a estadía de investigación de Montero en Melbourne. O método proposto por este equipo Monash-UDC acadou o segundo premio na categoría absoluta medindo a precisión das predicións. Pola súa parte, Montero conseguiu o premio ao Mellor Estudante de Doutoramento, patrocinado pola empresa Uber, por ser o mellor método proposto por un estudante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Premio para unha ferramenta feita na UDC para explicar as suxestións que recibimos na rede

Investigadores do CITIC deseñaron un novo modelo para os algoritmos de recomendacións que tamén reduce a súa pegada de carbono

Condenamos o planeta cando xeramos unha imaxe en IA ou publicamos un reel?

Crear unha foto con ChatGPT equivale á auga que bebe unha familia enteira nun día, pero a propia IA pode axudar a mitigar os efectos do cambio climático

Selo galego no deseño de novos polímeros máis eficientes para a enerxía solar

Unha investigación internacional liderada desde a UDC afonda no coñecemento sobre os materiais de nova xeración para paneis fotovoltaicos

Galicia, o lugar onde un océano se pechou

O territorio galego é testemuña de millóns de anos de movementos tectónicos que deron lugar ás formacións xeolóxicas actuais