Toda a sociedade concorda en que investir en ciencia e tecnoloxía é fundamental, pero coñece realmente as razóns? Para fomentar a concienciación sobre este tema, nacen as xornadas anuais Investir en Ciencia, organizadas polas empresas de capital de risco Unirisco e Noso Capital. A terceira edición celebrarase os días 19 e 20 de febreiro entre Santiago de Compostela e A Coruña, creando un espazo de convivencia e intercambio de coñecemento.
“Cando buscamos financiamento para investir en novas empresas científicas e tecnolóxicas, atopámonos cun rexeitamento do capital”, explica Inmaculada Rodríguez Cuervo, directora xeral de Unirisco e organizadora do evento. Neste III Encontro do ecosistema de investimento en ciencia e tecnoloxía deeptech, o foco estará na investigación disruptiva en intelixencia artificial, biotecnoloxía e saúde.
Deste xeito, Investir en Ciencia comeza coa intención de reunir e xuntar expertos e testemuñas que poidan pór en valor os motivos polos que apostar pola ciencia. Durante as xornadas, destacarase a importancia de aspectos que adoitan pasar desapercibidos: o número de investigadores que hai detrás dos proxectos, a gran produción científica de Galicia e a necesidade de recursos para impulsar as novas empresas.
Unha rede de networking
Durante os dous días de xornadas, haberá espazo para diversas actividades, entre as que o networking terá un papel protagonista. A través de diferentes accións, búscase conectar organismos, institucións, empresarios e investigadores que comparten interese no empredemento científico e que contan co coñecemento e criterio necesarios para impulsalo.
Deste xeito, créanse espazos de encontro entre investidores e institucións públicas, como as universidades, co obxectivo de dar a coñecer os seus proxectos. “Consiste en sacar os investigadores dos laboratorios”, sinala Inmaculada Rodríguez.
Galicia consolidouse como un excelente lugar para establecer este tipo de relacións, unha tradición que se mantén dende a primeira edición das xornadas. O evento conta co apoio de todos os axentes do ecosistema de innovación, que chegan dende distintos puntos de España. “A amabilidade que ofrece Galicia e o ecosistema consolidado de innovación que temos en Galicia fan da nosa comunidade un lugar excelente para facer este networking”, destaca.
Unha edición con novidades
A edición Investir en Ciencia 2025 chega cargada de novidades adaptadas aos intereses dos asistentes. Unha das máis destacadas será a visita á Cidade das TIC na Coruña, onde os participantes poderán facer unha inmersión nas súas instalacións. Ademais, manterase a tradicional cita no ecosistema de saúde de Galicia, con visitas a centros de referencia como o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular y Enfermedades Crónicas (CiMUS) e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, integrada no sistema asistencial galego.
Outra das incorporacións máis rechamantes será a visita ao plató do Clúster Audiovisual Galego, un caso único en España e un dos máis modernos de Europa. Trátase do maior plató virtual do país, equipado con sistemas de escenografía virtual VR/AR/XR, que permiten recrear escenarios de forma inmersiva e realista. “Isto tamén é ciencia e tecnoloxía, e tamén precisa investidores”, explica Inmaculada Rodríguez.
No edificio Biopolo A Sionlla en Santiago, terá lugar un foro temático centrado na cultura da transferencia, que abordará como trasladar os resultados da investigación ao sector industrial. A sesión incluirá relatorios de expertos procedentes das universidades de Cambridge e Oxford. Ademais, o día 20, personalidades da Comisión Europea analizarán o Informe Draghi e o seu impacto na soberanía tecnolóxica europea.
“Tentamos facer unha panorámica do que está a acontecer en España nun curto espazo de tempo”, explica a organizadora. Entre os temas clave desta edición están o impulso ao crecemento empresarial baseado en ciencia e tecnoloxía, o fomento da vocación empresarial nos científicos e o futuro da soberanía tecnolóxica.
Dúas xornadas de relatorios
Este III Encontro estrutúrase en dúas xornadas intensas de relatorios. O primeiro día estará dedicado a coñecer os ecosistemas de innovación en Galicia: o ecosistema TIC na Coruña e o da saúde en Santiago. “Máis que falar, imos ver”, destaca a responsable, sinalando que estas visitas permiten comprender de primeira man a filosofía integral que converte Galicia nun lugar único para o desenvolvemento científico.

Entre as paradas clave do percorrido destacan a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). Pola tarde, as sesións estarán orientadas na especialización en transferencia tecnolóxica e científica, así como nas estratexias para incentivar a vocación emprendedora na ciencia.
O segundo día, o fío condutor serán as razóns polas que investir en ciencia é fundamental. Trataranse temas como a soberanía tecnolóxica, o apoio á lonxevidade e a integración das novas tecnoloxías no ámbito sanitario, dende os hospitais ata as residencias de maiores. “A tecnoloxía chega para facer máis fácil a vida de todo o mundo”, recalca Rodríguez.
Outro dos temas destacados será o foodtech, a tecnoloxía alimentaria, relacionado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Ademais, terá lugar “unha mesa especialmente bonita”, en palabras de Rodríguez Cuervo, sobre o emprendemento científico, con científicos que tamén son investidores. “Ademais do beneficio social e emprego, tamén xera diñeiro”, subliña. Como peche do evento, entregaranse tres galardóns: Mellor Ecosistema Tecnolóxico, Mellor Traxectoria Empresarial e Mellor Startup.
Empresarizar os proxectos universitarios
Unirisco traballa con proxectos procedentes das Universidades. Aínda que emprender sempre é un reto, neste ámbito a dificultade é aínda maior: “Son cousas tan novas e disruptivas que nin sequera pasa pola mente dos clientes potenciais que poidan existir ou precisar”. Por iso, require un dobre esforzo en educar, demostrar e, como se di na industria, “evanxelizar” o mercado.
A pesar deste desafío, nacer no ámbito universitario tamén supón unha vantaxe: a solvencia técnica está amplamente revisada. “Detrás destes proxectos hai un equipo de investigación, propiedade intelectual e descubrimientos probados”, explica a directora. Con todo, o momento máis delicado do proceso sitúase no tránsito entre a patente e a captación de clientes. Por este motivo, moitos investidores non só achegan capital, senón que tamén axudan a transformar o modelo científico nun produto viable.
O emprendemento dende as universidades, con todo, non avanza ao mesmo ritmo en todas as institucións. O seu desenvolvemento depende de factores como unha creación científica potente, a vocación emprendedora dos investigadores, a existencia dunha estrutura de apoio e a capacidade de adaptación ao mercado. “Nas universidades debería ofrecerse máis formación empresarial aos futuros investigadores, é o gran reto”, apunta a responsable de Unirisco, recordando que moitos acabarán traballando en empresas ou creando as súas propias.
A pesar destas desigualdades, iniciativas como as das Universidades de Santiago e A Coruña están impulsando fortemente polo emprendemento. Rodríguez Cuervo destaca tamén a importancia da Lei de Universidades, que fomenta a creación de empresas no ámbito académico. “Que a xente da universidade emprenda tamén é beneficioso para a propia universidade”, conclúe.














