Internet e redes en menores: as razóns dos especialistas galegos para a prohibición

Os expertos alertan dos riscos e consecuencias que ten para a rapazada a utilización excesiva e sen supervisión dos dispositivos móbiles

Como reaccionaría a sociedade actual se un establecemento vendese impunemente alcohol e tabaco a menores? E hai cousa dun par de décadas? Alá foron os tempos nos que era normal que a rapazada fumase e non fai tanto que se podían ver larpeiradas que semellaban cigarros nos quioscos. A concienciación dos seus danos e as normativas impediron o seu consumo en prol da saúde da cativada e agora, para moitos investigadores e expertos, é o momento de facer algo semellante co mundo dixital. Australia vén de converterse no primeiro país do mundo en aprobar unha lei que prohibe o uso das redes sociais aos nenos de menos de 16 anos, unha normativa na que o Goberno español xa está traballando e Galicia comeza a dar os primeiros pasos.

Xa durante 2011 un informe da Valedora do Pobo de Galicia advertía de que un de cada catro adolescentes facía un uso perigoso da Internet e as redes sociais, “que incluso podería interpretarse como un elevado risco de dependencia”, sinalaba. Nesta liña, iCmedia Galicia realizaba este mesmo ano unha enquisa a 1.150 mozos entre 12 e 25 na que se reflicte que o 97,9% deles tiña polo menos unha conta nunha rede social, o 40,6% dedicáballe máis de tres horas diarias e case a metade sufriu algún trastorno emocional polo seu uso. “O emprego frecuente, intensivo e sen supervisión da tecnoloxía en menores é máis prexudicial que beneficioso”, asegura o doutor en Psicoloxía Social e profesor de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento da Universidade de Santiago (USC), Antonio Rial Boubeta.

Publicidade

Riscos na saúde dos menores

O investigador, con máis de 30 anos de experiencia, formou parte do comité de 50 expertos que vén de publicar o informe encargado polo Ministerio de Xuventude e Infancia sobre o desenvolvemento dun ámbito dixital seguro para a rapazada co gallo da creación dunha lei orgánica neste eido. “Debemos que ter en conta que hai máis de dous millóns de nenos que teñen un móbil de seu e existe un perigo real de que isto module a súa rutina, os seus hábitos de vida e o seu desenvolvemento afectivo, cognitivo e persoal”, advirte.

Así o demostran diferentes estudos científicos, entre eles, o realizado en 2021 por Neza Stiglic e Russel M. Viner no que sinalan os efectos negativos das pantallas na saúde física e o benestar dos menores. Nesta investigación destacan o impacto que teñen sobre o sono, creando insomnio, redución de secreción de melatonina ou alteración das súas fases; na vista, orixinando visión borrosa, miopía progresiva ou estrabismo agudo; ou mesmo na alimentación, causando dietas menos saudables e cun maior risco de obsesidade. “A inxestión de bebidas enerxéticas por parte da rapaza aumentou exponencialmente nos últimos anos. Por que? Porque os videoxogos, unha das maiores adiccións que ten a rapazada, están patrocinados, en moitos casos, por estes produtos, o cal non é aleatorio”, matiza Rial.

Saúde mental

Ademais, en relación coa saúde mental, os expertos sinalan que o excesivo uso das redes sociais inflúe negativamente no seu benestar e supón un maior risco de trastornos nos menores. Entre os numerosos estudos, atópase o realizado por Renata María Silva Santos, quen relaciona a súa utilización cun maior risco de depresión entre as rapazas. “O listón que se marca nestas plataformas a nivel social e a vulnerabilidade emocional da cativada fai que problemas como a depresión sexan tres ou catro veces maiores e que mesmo os intentos de suicidio e as autolesións crecesen notablemente, segundo me trasladan compañeiros dos servizos de urxencia”, apunta o investigador.

“Debemos entender que o cerebro dos adolescentes conta cun nivel natural de dopamina moi baixo que se dispara por riba do normal cando fan uso das redes socias”, explica a pedagoga viguesa experta en neuroeducación María Couso. “Se isto acontecese co deporte, non habería problema, pero estas plataformas supoñen un risco non só a nivel de saúde mental, senón tamén de seguridade, porque os rapaces non son conscientes da repercusión real que teñen as súas accións, como compartir imaxes a descoñecidos”, matiza.

Alén disto, a divulgadora resalta a relación que ten o uso de Instagram ou TikTok co aumento de distorsión da imaxe persoal que sofren especialmente as rapazas. “Para as redes sociais nunca somos suficientes, o que leva a que cada vez se vexan, entre outras moitas consecuencias, máis casos de retoques estéticos, como a inxección de ácidos nos beizos, nas adolescentes”.

Menor nivel académico

Máis aló dos problemas de saúde ou riscos a nivel de seguridade, a problemática que implica o abuso dos dispositivos dixitais “diminúe o nivel académico da rapazada”. Segundo indica Ribas, os expertos neste eido xa están advertindo que o exceso de pantallas nas aulas atrasa o desenvolvemento da linguaxe, o sistema psicomotor e dificulta a compresión lectora. Este último feito reflíctese en informes como o de PISA 2022, onde constata un descenso de 3 puntos en España e 11 no ámbito da OCDE en relación co de 2018.

Precaución e normativas

E que se pode facer ante esta situación? “Educar a rapazada e as súas familias sobre esta problemática e a súas consecuencias e protexer aos menores a través de normativas”, apunta Ribas. Así, Australia vén de aprobar a primeira lei do mundo que veta o uso das redes socias aos nenos menores de 16 anos, ameazando as grandes empresas xestoras como Meta ou TikTok de sancións millonarias se non se acollen a ela e non implantan sistemas de verificación da idade.

Este método é unha das medidas que recolle o Anteproxecto de Lei Orgánica para a protección das persoas menores de idade no ámbito dixital e que o Goberno xa está traballando para que se poida levar a cabo. A través da Axencia de Protección de Datos e coa Fábrica de Moeda e Timbre, buscase unha ferramenta que permita a limitación dos menores a contido inapropiado, como a pornografía, pero sen invadir a privacidade dos usuarios.

“Este tema é bastante complexo e considérome unha persoa moi escéptica, xa que cantos máis datos se brinden, xa sexa a través dunha ferramenta administrativa ou dende as propias plataformas, máis perigoso resulta para a sociedade”, sinala o catedrático no Departamento da Teoría do Sinal e a Comunicación do atlanTTic, Fernando Pérez. “A xente non é consciente dos riscos que implica a cesión de datos. A través da minería desta información, coa utilización de software e intelixencia artificial, pódese chegar a crear o perfil dunha persoa que deduza detalles que non chegou a facilitar, pero que son certos, como orientacións políticas ou relixiosas, entre outras moitas cousas”, resalta.

Prohibición de móbiles en Galicia

Pola súa banda, o territorio galego xa conta con normativa para evitar a utilización dos dispositivos por parte dos menores durante os períodos lectivos. A Xunta aprobaba este mesmo ano unha orde que prohibe o uso dos móbiles nos centros educativos, tanto no horario de clases como fóra das aulas. Esta medida, tamén forma parte das recomendacións do comité de expertos, que desaconsella a utilización total destes aparellos ata os seis anos. “A partir destas idades recomendamos un emprego limitado e controlado deles, aínda que o ideal sería que tampouco estivesen moi presentes durante a adolescencia“, conclúe Ribas.


Referencias:

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego cuantifica por primeira vez un “probable canceríxeno” en fórmulas para lactantes

O traballo, que vén de desenvolver e validar un novo método para analizar contaminantes nos alimentos, detectou acroleína en varias mostras

▪️ Máis de 70 concellos en alerta por baixas temperaturas: 7 consellos a seguir fronte ao frío extremo

Meteogalicia amplía o aviso amarelo ata o venres en Lugo e Ourense por termómetros que poden baixar dos -4 graos

Unha nova especie exótica con potencial invasor aparece nas augas de Galicia

Un estudo recolle a identificación de 'Pyura herdmani', de gran tamaño e orixinaria de África, que altera os ecosistemas mariños

Galicia é a única comunidade con lingua cooficial na que empeora o uso do seu idioma na rapazada

Un informe do Consello da Cultura Galega alerta sobre a "urxencia de intervir no ámbito escolar e na trasmisión interxeracional" da fala