Publicidade

Prohibido mostrar restos humanos? Os museos galegos que tamén exhiben momias, ósos e reliquias

Distintas institucións galegas expoñen restos físicos e avivan o debate sobre a prohibición do Ministerio de Cultura aos seus museos

Adeus ás momias, esqueletos e ósos nos museos nacionais. As entidades xestionadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes —pertencente ao Ministerio de Cultura— veñen de publicar unha Carta de compromiso sobre o tratamento ético de restos humanos. Neste documento comprométense a un “tratamento ético dos mesmos” polo que se acorda a “non exhibición pública” de persoas momificadas, ósos, tecidos brandos, órganos, embrións ou fetos, entre outros. En Galicia existen diversos centros e institucións que expoñen restos humanos, do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña á Catedral de Santiago, pasando polo Museo de Pontevedra. Que pasaría se esta iniciativa afectase ás institucións galegas? O debate sobre se estes vestixios deben estar á vista de toda a sociedade ou non, está sobre a mesa.

Malia que, polo de agora, a carta de compromiso só afecta a aqueles museos dependentes do Ministerio de Cultura —localizados principalmente en Madrid, Valladolid ou Toledo— o debate sobre as súas consecuencias están na rúa. “É unha mágoa que os deixen de expoñer porque forman parte do patrimonio de todos e é unha parte do noso pasado que non aparece”, lamenta a experta en restos humanos e profesora de Arqueoloxía da Universidade de Santiago, Olalla López. Pero a súa opinión non é unánime: non falta quen defende o compromiso ético que inspira a carta.

Publicidade

López, en cambio, destaca que “moitas das normas éticas que estamos a seguir veñen moi marcadas pola sociedade anglosaxoa, que ten unha relación co pasado diferente á nosa”. É por iso que propón “atopar un espazo ético propio e preguntar directamente se a sociedade galega considera adecuada a exposición de restos humanos nos museos ou non”.

Retirar os restos funerarios

Sobre este aspecto, a experta traslada a seguinte reflexión: “Cando se expón o enxoval dun enterramento, pero non se fala nada da persoa a quen foi dedicado, iso si é un problema ético. Estás negando a persoa a que se fixo esa ofrenda. Se quixeramos tirar esa liña ética habería que tapar todos os tipos de restos funerarios, porque ninguén lle preguntou a eses individuos se lles gustaría que os seus obxectos foran expostos“.

Pola contra, a reflexión que presenta a carta de compromiso pode influír no futuro das coleccións de museos como o de Pontevedra. A institución dependente da Deputación confirma que a exposición de arqueoloxía onde están expostos restos humanos á vista do público está pendente de ser reformada en próximas datas. “Será nese momento cando se valore se os vestixios deben ou non seguir expostos“, afirman fontes do museo.

Do mesmo xeito, a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, está de acordo co Código de Deontoloxía aprobado polo Consello Internacional de Museos, documento no que se basea a carta de compromisos das entidades estatais. Neste exponse que os restos humanos deben “ser tratados con respecto e dignidade e de conformidade cos intereses e crenzas das comunidades e grupos étnicos ou relixiosos de orixe”.

Museos de Galicia con restos humanos

E que pasaría se esta carta de compromiso chegase a afectar as institucións de Galicia? Malia que non existe un gran número de restos humanos expostos á sociedade nos museos, estas son algunhas das entidades que se poderían ver atinxidas:

Museo de Pontevedra. A institución dependente da Deputación posúe dous esqueletos humanos expostos ao público. Trátase dun adulto e un neno da época galaico-romana atopados nas escavacións da Lanzada.

Catedral de Santiago de Compostela. No icónico monumento galego atópase o sepulcro do Apóstolo de Santiago, aínda que os vestixios como tal non están á vista. Conta cunha Capela das Reliquias que hoxe alberga o Tesouro do Museo, onde se atopa entre outras a Cabeza de Santiago o Menor no interior dun relicario.

Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña-Castelo de Santo Antón. Esta entidade conta con diversidade de vestixios de persoas falecidas dentro da súas coleccións. Dos tres esqueletos completos que custodian, só un deles está exposto ao público. Pertence a unha necrópole romana atopada na escavación da Rúa Real realizada por José María Luengo.

Museo Provincial de Lugo. O museo lucense conserva restos humanos dentro das súas coleccións arqueolóxicas como un fragmento de cranio procedente da colección Villaamil y Castro ou o esqueleto dunha escavación realizada na muralla de Lugo. Con todo, non se atopan expostos, senón que están custodiados nas zonas de reserva.

Museo das Peregrinacións e de Santiag. O museo compostelán conta “cuns poucos restos humanos” na súa colección que non están expostos ao público xeral.

Tratamento “debidamente xustificado”

Os museos estatais dependentes do Ministerio de Cultura publicaron este escrito no que adquiren una serie de compromisos éticos para unha “correcta conservación e tratamentos dos restos humanos”. Estes pasan de ser considerados como “obxectos” a ser recoñecidos como “vestixios de persoas falecidas que foron separadas do seu contexto funerario, sagrado e doméstico.

Ademais da non exposición pública dos mesmos —”a menos que non exista outra alternativa no discurso expositivo“—, tamén recomendan ter en conta unha serie de matices éticos para o seu tratamento, conservación, restauración e toma de mostras ou imaxes. Entre eles, procurar non realizar estudos duplicados sobre os mesmos vestixios, acceso limitado aos que non están expostos ou mesmo a retirada das fotografías de restos humanos nos catálogos dixitais onde se presenten as coleccións.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

1 comentario

  1. No Museo de Historia Natural da USC tamén hai un corpo momificado, ainda que agora mesmo creo que non está exposto, sí está nos seus fondos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As asombrosas imaxes de falsos percebes adheridos a unha lámpada e á coiraza dunha tartaruga

A Coordinadora para os Estudos dos Mamíferos Mariños retirou 59 cirrípedos do animal, que apareceu nunha praia de Fisterra

Do Galiñeiro a Ourense: os xacementos que fan de Galicia unha posible potencia en terras raras

O xeólogo Pablo Nuñez enumera as diferentes zonas da comunidade que poden albergar elementos esenciais para a industria tecnolóxica

ChatPEC: a iniciativa con selo galego que usa o sarcasmo para concienciar sobre o clima

A ferramenta en liña responde con reprimendas humorísticas para mentalizar ao público do impacto ambiental que ten a intelixencia artificial

E se María Pita non tivera existido? Un estudo analiza a historia alternativa de Galicia

A profesora da Universidade de Vigo Rosa Ricoy presenta as súas conclusións sobre un presente sen a heroína coruñesa na Conferencia Internacional WhatIf