Pavuxada, torada ou melga: 58 palabras en galego para falar da neve con precisión

A lingua rexistra numerosos termos relacionados co fenómeno meteorolóxico como "torba" ou "zoldra"

“Xa sabemos que existen máis de 100 palabras relacionadas coa chuvia en galego, pero cantas hai sobre a neve?” Ante esta cuestión, a mestra lucense Noemí García, creadora do blog ‘As Chaves da Lingua‘, propúxose atopar todos os vocábulos relacionados con este fenómeno meteorolóxico e semella que o conseguiu: un total de 58 termos para “falar da neve con toda a precisión que se merece“.

A idea desta nova entrada no seu espazo en liña dedicado á lingua galega xorde co paso das borrascas Herminia e Ivo. “Co temporal que fixo, todo o mundo estaba a falar da chuvia, pero a miña familia é de montaña e coa situación que temos en Lugo e Ourense ocorréuseme buscar todos os termos relacionados coa neve, que na nosa zona temos tropecentos mil“, comenta García. Por este motivo, a profesora de Lingua Galega e Literatura realizou unha procura a fondo e atopou as seguintes palabras.

Publicidade

Tipos de neve e fenómenos meteorolóxicos relacionados

Ao igual que non é o mesmo orballo ca chuzos de punta, tamén existen diferentes palabras en galego que denominan os tipos de neve que se poden dar. Existen aquelas que son case chuvia, o que se coñece como “auganeve”, “torba” ou “zoldra”. Neste último caso o matiz reside en que esta é moi branda ou está case derretida.

Os termos “calistro” ou “corisco” empréganse para a neve miúda ou sarabia que cae acompañada de vento forte e frío, segundo detalla García. Mais tamén se pode falar de “pavuxada” ou “puvisada” se esta cae con pouca intensidade.

Publicidade

No que respecta aos fenómenos meteorolóxicos, a lingua galega contempla palabras como “nevada“, “farrapada” ou “folerpada” para cando esta cae sen interrupción. Se se produce unha tormenta con neve o termo máis preciso segundo a RAG é “nevarío“, pero se se converte nunha tempestade haberá que empregar o vocábulo “zalapastrada”.

Accións relacionadas coa neve e formacións

As borrascas Herminia e Ivo fixeron que caera neve nas montañas de Lugo e Ourense. Se se quere ser preciso con este fenómeno, o blog de García facilita numerosos verbos como “falopar”, “farrapear”, “felepar” ou “mantelear”, entre outros. Nalgunhas localizacións a cantidade foi suficiente como para crear unha capa sobre o chan, o que se coñecer como “callar”. Haberá que ver agora canto tarda en derreterse a neve, ou como recomenda a mestra, “desnevar“.

A categoría das formacións de neve e xeo son as que contemplan máis variantes para as mesmas aceptacións. Así, se se forma un carreiro dela pódese empregar palabras como “birta”, “derrota”, “mallada” ou “rota“. Para referirse a esa capa de xeo que se crea na superficie dun líquido cando vai moito frío o galego contempla termos como “cadorno“, “calistro“, “carambelo” ou “codorno“, entre outros.

Quizais unha das formas máis usadas para falar das porcións de auga conxelada que cae cando neva sexa “folerpa”, pero García brinda neste espazo moitas variantes como “cerello”, “faísca”, “falopa“, “fargallo“, “farrapa”, “felepa“, “galapo” ou “melga”, entre outras. Por ultimo, entre os 58 termos relacionados coa neve, pódese atopar “torada” —capa mais ou menos grande— e “xeeira” —masa de xeo de gran tamaño formada pola acumulación de neve—.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla