Primeiro foi Garoé, despois Herminia e agora Ivo. As tres fortes borrascas atlánticas deixaron e están a deixar un regueiro de incidencias en Galicia. De feito, a última delas, que entrou esta madrugada, xa acendeu as alertas por chuvia, vento, neve e temporal marítimo. Malia que as precipitacións máis fortes estaban previstas para as primeiras horas deste mércores, Meteogalicia activará o xoves a alerta vermella por temporal marítimo entre a Costa da Morte e a Mariña lucense, mentres que as Rías Baixas quedarán en laranxa. Os refachos de vento, de ata 100 km/h, poden ser ocasionalmente furacanados nas zonas altas e no litoral.
O mércores, o día máis inestable
Máis polo miúdo, o prato forte de Ivo chega a Galicia nas primeiras horas do mércores dado que ao longo da xornada se irá movendo cara ao Cantábrico ata chegar, na madrugada do xoves, ao sur de Francia. Durante a mañá agárdanse abundantes e intensas precipitacións, máis ocasionais durante a tarde, que poden vir acompañadas de sarabia e aparello eléctrico. As temperaturas diminuirán considerablemente, dado que a cota de neve baixará dos 1.200 metros aos 800 ao final do día. No que respecta ao vento, os refachos serán máis fortes no litoral e no interior irán reducindo intensidade conforme avance a fronte.
No que respecta ás alertas, todo o litoral estará en aviso laranxa por mar de vento e ondas de 5 a 7 metros este mércores. Na Mariña os refachos poden superar os 100 km/h. En relación á neve, pódense acumular ata 10 centímetros nas montañas de Lugo e Ourense, en alerta amarela. Este avíso tamén está activo por ventos de ata 90 km/h en toda Galicia, que se agardan máis fortes no litoral. As chuvias máis abundantes rexistraranse no interior da provincia de Pontevedra, con acumulados superiores aos 40 l/m2 en tan só 12 horas.
Xornada de transición e chegada das altas presións
A borrasca Ivo continuará exercendo a súa influencia sobre Galicia, que se notará especialmente no litoral entre a Costa da Morte e a Mariña lucense, onde estarán activos os avisos vermellos. Agárdase, de feito, que as ondas sexan superiores aos 8 metros de altura nesta zona costeira. As Rías Baixas estarán en alerta laranxa. En canto aos ventos, serán superiores aos 80 km/h na Mariña lucense e nas zonas alta de montaña. Nestas últimas, en Lugo e en Ourense, continuará a alerta amarela por acumulacións de neve superiores aos 10 centímetros. Con todo, non se agardan fortes precipitacións, que tan só se esperan na metade leste pola mañá.
O xoves será, en realidade, unha xornada de transición. O venres Galicia estará situada entre as altas e as baixas presións, polo que a probabilidade de chuvia será moi baixa, malia que as temperaturas baixarán considerablemente. O sábado recupérase a estabilidade e será unha xornada de tempo seco e estable, malia que os termómetros continuarán á baixa. Con todo, o meteorólogo José Manuel Viñas agarda nunha peza publicada en Meteored a entrada dunha nova fronte atlántica o domingo; prognóstico que coincide con Eltiempo.es. En Meteogalicia mencionan unha “fronte pouco activa” e, sobre todo, temperaturas baixas incluso para esta época do ano.













