Santiago acolle 135 alumnos de Bacharelato na X Olimpíada Española de Economía

Nesta décima edición participan 135 estudantes de toda España.
Nesta décima edición participan 135 estudantes de toda España.

135 estudantes de bacharelato de toda España danse cita este martes na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC na X Olimpíada Española de Economía, que o luns se inaugurou oficialmente no Salón Nobre de Fonseca. Trátase dunha das grandes citas do programa conmemorativo do 50 aniversario dos estudos de Economía en Galicia que celebra a Facultade da USC, e é a primeira ocasión en que este evento se celebra en Galicia.

No acto de benvida deste luns participaron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; a presidenta da Asociación Española de Economía, Mª Luz Marco; e a decana da Facultade de Económicas e Empresariais da USC, Emilia Vázquez. Todos eles coincidiron en destacar a importancia da presencia dos estudos de economía no currículo de ensino medio.

Na mesma cerimonia fíxose tamén entrega de premios ao profesor e alumno gañadores dos concursos que a Asociación Española de Economía puxo en marcha. Tiñan por obxectivo atopar logo e slogan para este décimo aniversario. O alumno gañador foi Marco Barcia, mentres que o profesor foi Gonzalo Velasco, de Madrid.

Enmarcado no programa de actividades para estes días, os participantes puideron gozar dun roteiro guiado pola cidade de Compostela que contivo unha sorpresa: un flashmob con baile e música galega que sorprendeu os participantes á súa chegada á Quintana, e que deu lugar a momentos moi divertidos.

A Olimpíada

Os participantes escollidos a través das diferentes fases zonais dispútanse este martes o concurso. Só 10 de eles acadarán premio. Para conseguilo, deben enfrontarse a unha proba que consta de tres partes nas que se avalían os seus coñecementos teóricos e prácticos en materia de economía xeral e de empresa. Tamén se analizan coñecementos de comprensión e madurez a través dun texto de temática económica publicado en prensa. A entrega de premios terá lugar este mércores ás 12.00 horas na propia facultade.

A Asociación Olimpíada Española de Economía, que este ano cumpre o seu décimo aniversario, é quen organiza este evento creado co obxectivo de crear vínculos estables entre o ensino universitario e o ensino medio e premiar o esforzo e a excelencia académica dos estudantes de bacharelato.

Celebrada por vez primeira en Valencia en 2009 coa participación de 14 facultades, a Asociación Olimpíada Española chega a este aniversario tan especial coa satisfacción de ter incorporado á totalidade de Facultades de Estudios Económicos das universidades públicas existentes en España, 45 en total, entre elas as galegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.