Publicidade

A fenda de xénero na carreira científica: unha problemática que require visibilidade

Arrincan as xornadas A luz da ciencia, que aborda inxustizas como a ausencia de referentes femininos nos libros de texto da ESO

A brecha de xénero que sofren as mulleres é transversal a todas as áreas profesionais. Isto inclúe, por suposto, a carreira investigadora e postos de alto cargo. En Galicia, só hai un 22% de mulleres catedráticas fronte a un 78% de cátedras ocupadas por homes. Esta fenda é unha realidade que non se pode negar e que debe visibilizarse, como así o pretenden xornadas como a A luz da Ciencia, que na cuarta edición que arrinca esta mércores pon o foco nas dificultades das mulleres á hora de emprender a súa carreira científica.

“Igual que pasa noutros aspectos da vida, hai unha discriminación negativa máis que evidente para as mulleres que fan carreira profesional no mundo da ciencia”, sinala Xosé Lois Penas, deputado de Patrimonio e Contratación da Deputación Provincial da Coruña. Por este motivo, dende as áreas de Igualdade e de Patrimonio dedicaron as xornadas ao Pensamento Científico e Xénero, “para visibilizar esta problemática dándolles voz ás mulleres que están desenvolvendo a súa carreira científica e poidan servir de referente”.

Publicidade

Cada vez hai máis rapazas que tiran pola rama da ciencia, pero á hora de incorporarse ao traballo profesional “teñen máis dificultades que os homes”, declara o deputado. Por este motivo, considera que este tipo de xornadas son importantes, porque a experiencia das relatoras “pode servir para motivar ás novas xeracións que están pensando en dar o paso á carreira científica”.

As mulleres científicas, pouco visibilizadas

Faltan mulleres referentes na ciencia, ou non se lles dá suficiente espazo e visibilidade ás que xa hai (e houbo)? A esta pregunta, a investigadora predoutoral do grupo de Xenomas e enfermidade do CiMUS, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Paula Otero Sánchez —que participa nas xornadas— responde que “mulleres referentes na ciencia hainas, son moitas e moi boas”, pero como engade, o quid da cuestión pode estar en que nos libros de texto de ensinanza obrigatoria, “menos do 10% das referentes culturais e científicas que hai son mulleres”.

Publicidade

Algo co que concorda a investigadora Posdoutoral da USC Zulema Varela Río, que traballa actualmente na biomonitorización da contaminación ambiental, e que engade “non é algo exclusivo da ciencia que falten referentes femininos, é algo transversal a todas as materias, polo que hai que mudar o sistema educativo”. De feito, este será un dos temas a tratar na súa ponencia na sesión Ciencia, investigación e xénero.

Medidas correctivas

Analizar a situación actual das mulleres científicas, visibilizar os resultados e chegado o caso, lexislar. Esas son os pasos a seguir que propón Varela para abordar as desigualdades de xénero. A investigadora é unha das fundadoras da Rede Galega pola Investigación (InvestiGal) e, dentro desta, colabora no Grupo de Traballo de Igualdade, dende o que sacaron adiante a Lei Ángeles Alvariño, que ten como obxectivo introducir medidas reguladoras que garantan a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias públicas de investigación nas universidades galegas, os organismos públicos de investigación de Galicia e outras entidades do sistema de I+D+i galego.

O Parlamento aproba a lei “Ángeles Alvariño” pola igualdade na investigación

“Agora que está aprobada a lei, facemos un control das convocatorias oficiais para ver se realmente se está cumprindo”

Dende a perspectiva de Paula Otero,“aínda que non lle guste o de “poñer cotas”, sí cre que a falta doutras medidas, é algo necesario”. Ademais, sinala que para intentar saltar a fenda de xénero é importante “abrir un pouco as portas do que é o mundo científico e poñer sobre a mesa que calquera persoa é válida para entrar nel, independentemente do sexo”. Para iso, engade que é necesario dar un pulo a xornadas como a de A Luz da Ciencia ou a do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Divulgar ciencia

“A divulgación é unha cousa que deberiamos facer todas as persoas que nos adicamos á ciencia”, declara Paula Otero. Xa que a maior parte do financiamento para levar a cabo as investigacións en España é público, polo que a cidadanía “debería coñecer o que facemos e os resultados que imos obtendo”, para que se poña en valor a importancia de investir en investigación.

No seu caso concreto, ademais de científica é divulgadora en dúas iniciativas. Dunha banda, colabora no CIMUS Podcast, un programa que busca dar a coñecer as investigacións que se fan dentro do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas, para abrir un pouco as portas do centro e “tentar humanizar o edificio a ollos da xente que non sabe moi ben o que ocorre dentro”. Por outra parte, participa con Iván Varela na canle de Twitch Ciencia e Tal, no que “intentamos dar unha visión un pouquiño menos seria da ciencia”.

Neste programa tamén buscan darlles voz ás investigadoras científicas que están empezando na súa carreria e que teñen moito que contar, aínda que non sexan investigadoras principais. “Estamos moi contentos coa acollida que está a ter o Ciencia e Tal, aínda que queremos chegar tamén á xente que está un pouco máis desconectada da universidade ou da investigación”. Otero tamén incide en que a ciencia tería que ter máis peso nos medios de comunicación xerais, pero cun tratamento “sen adornos”.

“Hai que plantexar que a ciencia é un traballo sacrificado: se necesitan moitas horas e de 100 experimentos que fas saen mal 95”

A maternidade, a traba principal

A maior diferenza na carreira investigadora entre homes e mulleres, é visible á hora de formar unha familia. “As miñas compañeiras teñen un parón coa maternidade, e en ciencia iso repercute moitísimo, o que acaba implicando o abandono por parte de moitas”, sinala Zulema Varela. Neste sentido, tivo moito eco a campaña Ou Científica ou Nai, impulsada por María de la Fuente Freire.

Non obstante, a maternidade non é o único que da pé á desigualdade. “Eu persoalmente podo falar de moitos comentarios e actitudes que recibo que si fose un home non tería que escoitar”, declara Varela, aínda que pensa que iso “todas as mulleres, non soamente na ciencia”.

Programa das xornadas

SESIÓN 1: Didáctica das ciencias experimentais

Lugar: Pazo de Mariñán, día 13 de xaneiro ás 18:00 horas.

Poñentes: Mireia Colom Brossa e Susaina Figuera de Prado (Fundació Catalana per a la Recerca i la Innovació (FCRI)

Contidos: Análise da didáctica das ciencias experimentais e a segregación nas formacións científicas. Educación CTIM ( Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Tratamento da perspectiva de xénero e a ciencia nas aulas. Reflexión sobre a necesidade de fomentar a vocación científica e a importancia da visibilización das mulleres na ciencia e a procura de referentes.

SESIÓN 2 : Ciencia, investigación e xénero

Pazo de Mariñán , día 14 de xaneiro ás 18:00 h

Poñentes: María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García, Zulema Varela Río ( investigadoras, forman parte da Rede galega pola investigación)

Contidos: Revisión lexislativa. A Lei Ángeles Alvariño. Análise da perspectiva de xénero na ciencia e na investigación científica. Visualización das realidades laborais no ámbito científico.

SESIÓN 3: Divulgación, comunicación científica e xénero

Muncyt , día 15 de xaneiro ás 11: 30 h.

Poñentes: Maite Vence, directora de OBSERVER ScienceTourism , Isa Loureiro, ilustradora e Paula Otero Sánchez, científica e autora do espazo “ciencia e tal”

Contidos: A fenda de xénero na divulgación científica e nas persoas consumidoras de ciencia. Divulgación e comunicación dos proxectos científicos. Ciencia si, mais doutro xeito.

Obradoiro de ilustración científica con Isa Loureiro

Muncyt, día 15 de xaneiro ás 16:30 horas.

📎 Consulta aquí os currículos das poñentes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As científicas son maioría nos centros de investigación públicos de Galicia, pero só o 28% na privada

A presenza feminina nas entidades públicas da comunidade galega é do 61,3%, a taxa máis alta de España

O investigador da USC que busca as claves da estraña doenza que envellece os nenos

A enfermidade, que afecta a 200 menores en todo o mundo, será o tema a tratar no encontro do 28 de febreiro organizado polo CiMUS

Visitas a centros de referencia e máis de 60 relatores: o evento que impulsa o investimento en ciencia

O evento celebrarase en Santiago os días 19 e 20 de febreiro e brindará a oportunidade de coñecer casos de éxito e tendencias de investigación

Avance crucial contra a obesidade: un estudo da USC abre novas posibilidades terapéuticas

Unha investigación liderada dende Madrid suxire que inhibir a función dunha proteína podería ser unha estratexia prometedora para a perda de peso