Xoves 28 Marzo 2024

Efecto Coriolis, inapreciable a pequena escala

É perceptible en grandes corpos en movemento pero non no lavabo e aquí está a resposta dun físico a un mito con nome francés e acento americano

Xa escoitastes algunha vez que a auga se vai polo desaugadoiro virando cara á dereita no hemisferio norte e cara á esquerda no hemisferio sur polo chamado efecto Coriolis? Se che gustan Os Simpson seguro que si. A mediados dos 90, a afamada serie norteamericana alimentou esta crenza popular cando Bart, o protagonista, chama ao hemisferio sur para comprobar este efecto e a cousa complícase pola factura ata chegar á fricción diplomática entre Estados Unidos e Australia, e non só na pantalla.

Unha forza ficticia que se manifesta

Desde aquela seguro que moitos intentaron comprobar se o efecto Coriolis é visible no noso lavabo ou no inodoro, como tamén asegura este mito. Para saber se é posible, empezamos por falar con José M. Sánchez De Santos, Profesor de Física Teórica na Universidade de Santiago de Compostela (USC), quen nos explica, antes de nada, o que é este efecto descrito no século XIX polo científico parisino Gaspard-Gustave Coriolis.

Publicidade

“O efecto Coriolis non é máis que a manifestación de que a Terra está xirando. Cando un obxecto se move sobre a superficie da Terra, as persoas, os que estamos xirando con ela, observamos que os corpos se desvían cara un lateral o cal parece dicir que hai unha forza que os move da súa traxectoria rectilínea. Pero en realidade non hai tal forza. A forza de Coriolis é unha forza que chamamos ficticia. Non é real pero, efectivamente, maniféstase debido á rotación da Terra”, afirma o físico.

Só é perceptible en grandes corpos en movemento

E o desvío de traxectoria que provoca a rotación do noso planeta nos corpos en movemento sobre a súa superficie, é sempre, efectivamente, cara á dereita no hemisferio norte e cara á esquerda no hemisferio sur. Pero o efecto Coriolis só é apreciable cando falamos de grandes obxectos, como un avión, ou grandes masas de líquidos, como os océanos, que se moven a grandes velocidades durante moito tempo. Tamén é o caso das borrascas que xiran no sentido contrario ás agullas do reloxo no hemisferio norte e no sentido horario no hemisferio sur polo efecto Coriolis.

“O efecto Coriolis non é máis ca unha manisfestación de que a Terra está xirando”

Sánchez de Santos asegura que, na nosa vida cotiá, este efecto é tan pequeno que é imperceptible sen analizalo con instrumentos de precisión, nun laboratorio en condicións ideais. “A Terra dá unha volta ao día, nada máis, e un carrusel varias voltas nun minuto e un disco vello 33 nun minuto. Pero a Terra, como digo, só dá unha volta en 24 horas e iso é moi pouca velocidade. Por iso, na nosa vida cotiá, o efecto é tan pequeno que non nos damos conta. Só é apreciable en cousas que se moven a grandes velocidades durante moito tempo, como unha gran masa de aire na atmósfera, un avión ou unha bala de canón. Neses casos si que se pode calcular o efecto Coriolis”, explica Sánchez De Santos e cóntanos: “Din algunhas informacións, non sei se é totalmente certo, que nunha batalla naval nas Malvinas a armada inglesa, no hemisferio sur, observaba que os seus disparos fallaban, sistematicamente, o seu obxectivo porque non tiveron en conta, segundo din, o efecto Coriolis. Tiñan as correccións para o hemisferio norte pero non para o sur”.

Todo depende do lavabo

O físico da USC asegura que a cantidade de auga que se move nun lavabo ou nun inodoro é tan pequena que é imposible apreciar os resultados do efecto Coriolis e imaxina posibles razóns que poden determinar o sentido do xiro no desaugadoiro: “O lavabo ou o inodoro poden estar inclinados, desequilibrados, a billa pode botar máis auga por un lado que polo outro, pode haber rugosidades, que sei eu. Posiblemente, calquera cousa inflúe máis no movemento desa cantidade de auga que o efecto Coriolis”, afirma.

“O lavabo pode estar inclinado; calquera cousa inflúe máis no movemento da auga que o efecto Coriolis”

“É un mito moi fácil de desmontar simplemente observando. Antes de esta entrevista probei na casa e, en dous lavabos diferentes, a auga marchaba polo desaugadoiro xirando para lados opostos e estamos no hemisferio norte. Pero se queres comprobalo de verdade, terías que ir ao hemisferio sur para ver se alí pasa o contrario do que aquí. Hoxe podemos enviar, por exemplo, un simple WhatsApp a un amigo ou familiar en Bos Aires e preguntarlle cara que lado marcha a auga na súa casa”, comenta o profesor.

O experimento

E seguindo o consello ou aceptando o desafío, contactamos desde Santiago de Compostela, no hemisferio norte, coa nosa compañeira Paula Sánchez quen, amablemente, se lanza a facer a comprobación con nós desde a capital arxentina, no hemisferio sur. Enchemos de auga dous lavabos de características similares e tiramos do tapón. Agardamos, expectantes, apenas uns segundos e a resposta non pode ser máis clara. Nos dous casos, a auga marchou polo desaugadoiro xirando cara á dereita por algunha descoñecida razón pero non polo efecto Coriolis porque agora xa sabemos que este mito é falso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira
00:05:35

É a intelixencia artificial unha ameaza para a humanidade?

O frenesí dos últimos anos leva a moitos a preguntarse polo verdadeiro alcance dunha revolución con riscos, pero con moitos beneficios se se seguen as normas
00:04:28

Comer ovos dispara o noso colesterol?

Grazas aos avances científicos hoxe sabemos que esta relación non é máis que un mito. Iso si, outros factores como os hereditarios, poden forzarnos a reducir o consumo deste alimento