“A evolución natural é que o SARS-CoV-2 curse cada vez con cadros máis leves”

O profesor emérito da USC Juan Gestal sinala que pasar a unha fase de mitigación permitirá "a recuperación da Atención Primaria"

Tras esta sexta onda, España plantexa un novo plan para controlar a pandemia similar ao que se leva a cabo coa gripe.
Tras esta sexta onda, España plantexa un novo plan para controlar a pandemia similar ao que se leva a cabo coa gripe.

A rápida expansión da variante ómicron e as dificultades dos sistemas de vixilancia epidemiolóxica para facer fronte aos casos activos e aos seus contactos está a empuxar a España a un cambio de estratexia na xestión da pandemia. O Goberno prepara un plan para abandonar paulatinamente a vixilancia universal do covid-19 e pasar a unha que se denomina sentinela, cunha rede de hospitais e persoal sanitario para levalo a cabo.

Esto supón un cambio de fase, pasando da contención do virus —aplicar todas as medidas posibles  que permitan evitar a transmisión da infección— á súa mitigación, “o que permitirá a recuperación da Atención Primaria e evitará o colapso dos hospitais”, sinala o profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela Juan Gestal.

Plan sentinela

Tras esta sexta onda, España plantexa un novo plan para controlar a pandemia similar ao que se leva a cabo coa gripe. No Plan Sentinela, como así se chama, nin se contarán os casos nin se farán probas a cada síntoma susceptible de ser covid-19. A idea é quitar presión burocrática aos centros e dar un paso máis na estratexia de convivir co virus. “A evolución natural é que o SARS-CoV-2 curse cada vez con cadros máis leves”, declara Gestal.

Juan Gestal é profesor Emérito da Universidade de Santiago de Compostela e foi rector da Facultade de Medicina. Foto: USC.
Juan Gestal é profesor Emérito da Universidade de Santiago de Compostela e foi rector da Facultade de Medicina. Foto: USC.

“Isto permitirá tamén a descarga da Atención Primaria, que deixe de estar colapsada e volva funcionar”, engade. A gran transmisibilidade da variante ómicron sobrepasou a capacidade dos sistemas de vixilancia epidemiolóxica para levar a cabo o diagnóstico dos casos e o rastrexo de todos os seus contactos, polo que o cambio á fase de mitigación vai “adecuar as medidas de vixilancia e control a situación actual da pandemia”, orientando as actuacións cara a protección das persoas vulnerables e a atención dos casos graves.

Un catarro máis?

Galicia alcanza os 59.451 pacientes con infección activa, dos cales 457 están hospitalizados. Uns datos que parecen indicar que a nova variante ómicron, aínda que máis contaxiosa, cursa cunha sintomatoloxía máis débil. Segundo Gestal, esta maior transmisibilidade vai inmunizar de modo natural a moita poboación, e ademais, a gran maioría de cadros serán asintomáticos ou con síntomas leves similares a un catarro. De todos os xeitos, o profesor emérito da USC tamén incide en que non se pode descartar que veña unha nova variante que dea marcha atrás a todo isto.

“Un modo de rematar a pandemia sería que a Covid-19 pasase a ser como un catarro similar aos que producen outros coronavirus”

Nun principio aplicáronse coñecementos da gripe por ser unha enfermidade de
transmisión respiratoria, pero pronto se deixaron de lado por ser dúas enfermidades con
bastantes diferenzas. Agora, o que se está dicindo, é darlle á covid-19 “un seguimento epidemiolóxico similar aos casos da gripe estacional en canto á vixilancia”. Xunto con isto, Gestal reforza a idea de que pasar a unha fase de mitigación é necesario para concentrar os esforzos en protexer aos máis vulnerables -evitando neles a infección- e no tratamento dos casos graves.

“Pasar da fase de contención á de mitigación é un cambio necesario para afrontar a pandemia e evitar que se colapse máis o sistema sanitario”

O papel das vacinas

Estase a ver que as persoas vacinadas, sobre todo as que teñen as tres doses, están máis protexidas de cara á infección. Isto non quere dicir que unha persoa vacinada non se poida infectar, pero si que o fan en menor medida, polo que o virus terá cada vez máis dificultades para difundirse. Segundo Gestal, os non vacinados son neste momento os que están proporcionalmente sufrindo con máis frecuencia cadros clínicos graves da enfermidade.

En canto ao deseño de novas vacinas ou á necesidade de reforzos periódicos, aínda non se sabe con exactitude o que vai pasar. “De momento parece ser necesario recibir doses de reforzo pasados seis ou oito meses mentres siga a pandemia” pero é posible que máis adiante, ao pasar a unha situación de endemia a necesidade de revacinarse e a súa frecuencia sexan menores. “Tamén, é posible que se dispoña de vacinas esterilizantes que permitan evitar a infección nas persoas vacinadas”, vaticina Gestal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.