A seca, a calor e o vento aumentan o risco de incendios en Galicia

A Xunta prohibe as queimas debido ás condicións meteorolóxicas despois de que varios lumes queimaran centos de hectáreas durante a fin de semana

Desde a medianoite deste luns quedaron prohibidas en Galicia as queimas de restos agrícolas e forestais, polo que tamén se suspenderon os permisos que xa foran concedidos, segundo informou a Xunta. É unha evidencia (polo pouco habitual desta prohibición a estas alturas do ano) de que o risco de grandes lumes é real, sobre todo despois de que varios incendios queimaran centos de hectáreas en Muras, Chandrexa de Queixa ou Lobeira (neste caso, en pleno parque natural do Xurés).

A prohibición casa coas advertencias realizadas polos axentes forestais respecto dos lumes en inverno e comezos da primavera. “Sabemos que hai moitas queimas que se escapan”, comentaban en febreiro desde Aprafoga (Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia). Alén disto, a seca, a calor e o vento do nordés aumentan claramente o risco. Estes días estanse vivindo situacións moi próximas ao factor 30-30-30 (máis de 30º de temperatura, menos do 30% de humidade e máis de 30 km/h de vento) que axuda á propagación dos lumes máis voraces.

Publicidade

Os axentes forestais: “Ignóranse as causas de moitos incendios, e vaise ao fácil”

Así, segundo os datos da Aemet, gran parte de Galicia presenta para este luns e martes riscos extremos ou moi altos de incendio. Á calor que continúa desde esta fin de semana, con valores superiores a 28ºC en puntos do sur, súmase a seca, despois dunha longa temporada con poucas precipitacións, cun inverno máis seco e caloroso que os valores medios rexistrados polas axencias de meteoroloxía.

O risco aumenta polo nordés

Así, este panorama pode verse agravado polo vento do nordés que sopra con forza estes días. Non en tanto, está activado desde MeteoGalicia un aviso amarelo no litoral norte por vento do nordés no mar (que a Aemet eleva a laranxa para a xornada do martes). En Punta Candieira mediuse un refacho de 99,8 km/h esta mañá. Unha situación que pode comprometer a extinción de lumes como o acontecido en Muras, controlado na mañá deste luns despois de calcinar 75 hectáreas.

Publicidade

Máis incendios e hectáreas queimadas ca en 2018

Os problemas cos incendios que están acontecendo desde comezos de ano constátanse nas cifras provisionais que achega o EFFI (Sistema Europeo de Información de incendios forestais). Os datos amosan que en España, no que vai de 2019, xa se rexistraron máis lumes e máis hectáreas queimadas ca en todo 2018.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dos incendios ao mar: Galicia converte a cooperación territorial nunha ferramenta fronte a grandes retos

Máis de 60 asistentes participan en Santiago nunha xornada organizada por Feuga que reuniu proxectos europeos sobre lumes, innovación, sostibilidade mariña e turismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Activada a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra durante o martes

A Xunta acende o nivel amarelo por altas temperaturas no noroeste, interior e suroeste da Coruña, así como na montaña de Ourense e nas Rías Baixas

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual