As saídas de Vigo e a AP9 de Santiago á Coruña, líderes en emisións

Un estudo sobre emisións de CO2 á atmosfera amosa que a maior concentración de gases de efecto invernadoiro está no corredor mediterráneo

Dous tramos de estradas de Galicia son líderes en emisión de gases de efecto invernadoiro. O primeiro é a conexión pola AP9 entre Santiago e A Coruña. O segundo, as conexións por autovía entre Vigo e Tui, e entre Vigo e Ponteareas. Todas elas superan as 19.700 toneladas de CO2 equivalente por ano (tCO2eq/year), mentres que o resto da rede principal galega mantense en valores por baixo da metade destes rexistros.

No conxunto do estado, Galicia queda fóra dos puntos con maiores emisións, que se concentran no corredor mediterráneo dende Cataluña a Andalucía. Un cuarto da rede de estradas de España é responsable de máis da metade das emisións de gases de efecto invernadoiro que expulsan os vehículos que circulan por elas, segundo o mapa presentado por investigadores da Universidade Politécnica de Madrid.

Publicidade

As conclusións do traballo sinalan que se poderían reducir as emisións baixando a velocidade máxima permitida, cun significativo efecto a partires de 10 km/h menos en autoestradas.

Vehículos lixeiros e camións contribúen ás emisións de gases de efecto invernadoiro.

Os científicos do Centro de Investigación do Transporte (TRANSyT) da UPM analizaron o consumo de enerxía e as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) debidas ao tráfico de toda a Rede de Estradas do Estado. Os resultados publicáronos na revista Sustainability.

Publicidade

Segundo os autores, Natalia Sobrino e Andrés Monzón, a identificación dos tramos de estradas e corredores que máis contribúan ás emisións GEI é a clave para definir novas estratexias de tráfico baixas en carbono, ante o cumprimento dos compromisos internacionais fronte ao cambio climático.

Para iso desenvolveron un software ou ferramenta de cálculo de pegada de carbono denominada HERA (Pegada Enerxética de operación en Autoestradas) en combinación con sistemas de información xeográfica. Deste xeito identificaron sete corredores principais, que representan o 25% de toda a rede pero contribúen co 51% das emisións GEI do tráfico.

Deses sete corredores, nos que se atopa o do Noroeste que conduce a Galicia, o que máis contribúe é o Mediterráneo cun 17% das emisións. Ademais, en calquera corredor, os tramos con moita carga de vehículos pesados, os de velocidade maior de 100 km/h e as vías con pendentes pronunciadas son os que máis producen gases de efecto invernadoiro na rede.

“Os resultados indican que unha redución da velocidade máxima en 10 km/ h para os vehículos lixeiros no corredor do Mediterráneo podería reducir ata un 3,5% as emisións GEI do corredor”, indica Sobrino, que conclúe: “Isto convértea nunha das estratexias máis eficientes de fronte ao deseño dun sistema de transporte máis sustentable”.

Aquí podes consultar
o artigo publicado en Sustainability

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro