Desde a medianoite deste luns quedaron prohibidas en Galicia as queimas de restos agrícolas e forestais, polo que tamén se suspenderon os permisos que xa foran concedidos, segundo informou a Xunta. É unha evidencia (polo pouco habitual desta prohibición a estas alturas do ano) de que o risco de grandes lumes é real, sobre todo despois de que varios incendios queimaran centos de hectáreas en Muras, Chandrexa de Queixa ou Lobeira (neste caso, en pleno parque natural do Xurés).
A prohibición casa coas advertencias realizadas polos axentes forestais respecto dos lumes en inverno e comezos da primavera. “Sabemos que hai moitas queimas que se escapan”, comentaban en febreiro desde Aprafoga (Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia). Alén disto, a seca, a calor e o vento do nordés aumentan claramente o risco. Estes días estanse vivindo situacións moi próximas ao factor 30-30-30 (máis de 30º de temperatura, menos do 30% de humidade e máis de 30 km/h de vento) que axuda á propagación dos lumes máis voraces.
Os axentes forestais: “Ignóranse as causas de moitos incendios, e vaise ao fácil”
Así, segundo os datos da Aemet, gran parte de Galicia presenta para este luns e martes riscos extremos ou moi altos de incendio. Á calor que continúa desde esta fin de semana, con valores superiores a 28ºC en puntos do sur, súmase a seca, despois dunha longa temporada con poucas precipitacións, cun inverno máis seco e caloroso que os valores medios rexistrados polas axencias de meteoroloxía.
O risco aumenta polo nordés
Así, este panorama pode verse agravado polo vento do nordés que sopra con forza estes días. Non en tanto, está activado desde MeteoGalicia un aviso amarelo no litoral norte por vento do nordés no mar (que a Aemet eleva a laranxa para a xornada do martes). En Punta Candieira mediuse un refacho de 99,8 km/h esta mañá. Unha situación que pode comprometer a extinción de lumes como o acontecido en Muras, controlado na mañá deste luns despois de calcinar 75 hectáreas.
Máis incendios e hectáreas queimadas ca en 2018
Os problemas cos incendios que están acontecendo desde comezos de ano constátanse nas cifras provisionais que achega o EFFI (Sistema Europeo de Información de incendios forestais). Os datos amosan que en España, no que vai de 2019, xa se rexistraron máis lumes e máis hectáreas queimadas ca en todo 2018.