Venres 19 Abril 2024

A elección dunha muller para o Nobel de Química altera a tendencia a premiar investigacións masculinas

O 50% das científicas galardoadas dende 1901 recibiron o recoñecemento nos últimos 20 anos

Emil Adolf von Behring, Jacobus Henricus van ‘t Hoff e Wilhelm Conrad Röntgen foron os Premios Nobel de Medicina, Química e Física, respectivamente, que se entregaron por primeira vez en 1901. Todos homes. A excepción foi, como en tantos outros eidos, Marie Curie. Recibiu o emblemático galardón en 1903 e volvería recibir o mesmo recoñecemento en 1911. Pero habería que esperar 20 anos máis para que outra muller —a súa filla, de feito— fose premiada. A tendencia a recoñecer investigacións masculinas é clara e así o avalan as cifras: 638 persoas galardoadas nas disciplinas científicas e tan só 24 mulleres.

Sen ir máis lonxe, en 2021 non houbo ningunha científica entre os gañadores. E este ano, só foi o nome de Carolyn R. Bertozzi o que conseguiu alterar a tendencia. Xunto con Morten Meldal e K. Barry Sharpless, a investigadora estadounidense conseguiu o Nobel de Química pola súa contribución á hora de desenvolver procesos máis sinxelos e funcionais. Bertozzi é, de feito, unha das poucas mulleres que contan con esta distinción. En Química tan só hai outras sete mulleres premiadas dun total de 191 gañadores. É dicir, os nomes femininos só representan un 4,19% do total.

Publicidade

Medicina é a disciplina científica con máis mulleres galardoadas

No que respecta ás outras disciplinas científicas, a situación é dispar. Medicina, por exemplo, é a que presenta unha porcentaxe máis alta: un 5,33% das galardoadas son mulleres. É dicir, 12 nomes femininos fronte a un total de 225 gañadores. Este ano, por exemplo, ningunha muller recibiu o galardón, outorgado unicamente a Svante Pääbo, recoñecido polas súas contribucións ao estudo da evolución humana e xa considerado o pai do xenoma neandertal. De feito, dende 2015 ningunha muller recibiu o Nobel de Medicina. A última foi a científica Tu Youyou polos seus descubrimentos sobre unha novidosa terapia contra a malaria.

O peor situado nesta listaxe é o Nobel de Física. En máis de 120 anos de historia, o emblemático galardón tan só premiou catro mulleres fronte a 218 homes. É dicir, un 1,83%. Igual que aconteceu con Medicina, en 2022 ningún nome feminino apareceu na nómina de premiados de Física. O galardón outorgóuselle este ano a Alain Aspect, John F. Clauser e Anton Zeilinger por ser pioneiros na ciencia da información cuántica. Habería que retroceder ata 2020 para atopar unha muller. A gañadora do premio, malia que foi compartido con outro investigador, foi Andrea Ghez polo descubrimento dun obxecto supermasivo no centro da Vía Láctea.

Maior presenza feminina dende o século XXI

O balance entre mulleres e homes galardoados co Nobel está claramente descompensado. A tendencia histórica é indubidable, malia que se está tratando de reverter nos últimos anos. Por exemplo, só 24 mulleres recibiron o Nobel dalgunha das tres disciplinas científicas; pero tamén é certo que 12 delas o conseguiron nos últimos 20 anos. É dicir, hai un 50% do total que está repartido en 100 anos mentres que a outra parte só abrangue dúas décadas. Unha cifra nada insignificante que dá conta da maior visibilidade das mulleres no mundo da ciencia e do cada vez máis evidente recoñecemento dos seus méritos, malia que aínda queda moito traballo por diante.

Só tres mulleres recibiron o Nobel de Ciencias en exclusiva

Seguindo a análise dos datos, é representativo que a meirande parte das mulleres galardoadas compartiron o seu premio con outros investigadores. Só tres mulleres o recibiron en exclusiva. A primeira foi Marie Curie co Nobel de Química en 1911, que se lle outorgou polas súas contribucións neste eido e o seu descubrimento do radio e o polonio. A seguinte foi Dorothy Crowfoot Hodgkin en 1964 polas súas determinacións mediante técnicas de raios X das estruturas importantes das substancias químicas. A última e máis recente foi Barbara McClintock, que recibiu o Nobel de Medicina en 1983 polo descubrimento dos elementos xenéticos móbiles. A este respecto tamén é preciso mencionar o caso de Emmanuelle Charpentier e Jennifer A. Doudna, que recibiron conxuntamente o Nobel de Química en 2020 polo desenvolvemento dun método de edición do xenoma.

Literatura, Paz e Economía

No que respecta ao resto de disciplinas, a situación é sensiblemente mellor. O Nobel de Literatura, por exemplo, ten un 13,56% de nomes femininos entre os seus premiados. A cifra é semellante no da Paz, cun 13,14% de mulleres galardoadas. Non acontece o mesmo co de Economía, que só ten un 2,25% de representantes femininas, malia que cómpre recordar que se comezou a entregar máis tardiamente, en 1968. Ademais, estas porcentaxes poden sufrir variacións, posto que a Asemblea Nobel aínda non anunciou os premios de 2022 para estas tres disciplinas. O de Literatura coñecerase este xoves 6 de outubro; o venres 7 o da Paz; e o luns 10 saberese quen gañou o de Economía.

Independentemente do eido, a porcentaxe de mulleres respecto a homes está desequilibrada. Son varias as críticas que se verteron contra a organización dos Nobel nos últimos anos por este motivo. Pero tamén é certo que dende o século XXI, en comparación cos 100 anos anteriores, os nomes femininos teñen cada vez máis presenza. En 2020, por exemplo, houbo tres mulleres galardoadas nas disciplinas científicas. En 2021, ningunha. E en 2022 volve haber un nome feminino que integra a lista. Talvez o vindeiro haxa máis mulleres premiadas. Un paso para tratar de reverter o déficit que arrastran os Nobel tras máis de 120 anos de historia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Grandes mulleres científicas que loitaron para romper o teito de cristal

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Katalin Karikó é a flamante gañadora do último...

Nobel de Física para os pais do estudo dos electróns dentro dos átomos

Os científicos Pierre Agostini, Ferenc Krausz e Anne L'Huillier, galardoados pola Academia de Ciencias de Suecia

María José Alonso, no podio das investigadoras máis influíntes do Estado

Ocupa o posto número tres na lista das mulleres científicas máis importantes en función do impacto das súas publicacións

Así era a primeira familia neandertal

A análise xenómica dos restos de 13 individuos en dúas covas de Siberia apunta importantes novidades sobre a súa organización social