Venres 19 Abril 2024

O Nobel de Química recoñece a dúas mulleres por primeira vez na historia

As científicas Emmanuelle Charpentier e Jennifer A. Doudna son dúas das descubridoras do método CRISPR/Cas9 de edición xenética

A Academia Sueca das Ciencias concedeu á investigadora francesa Emmanuelle Charpentier, do centro Max Planck de Berlín, e á estadounidense Jennifer A. Doudna, da Universidade de Berkeley, en California, o Premio Nobel de Química 2020 polo desenvolvemento do método de edición xenética mediante as ‘tesoiras’ CRISPR/Cas9, unha prometedora ferramenta para mudar o ADN de animais, plantas e microorganismos cunha precisión extremadamente alta. É a primeira vez na historia na que dúas mulleres comparten un galardón, converténdose na sexta e sétima desde o ano 1911, despois de Marie Curie, a súa filla Iréne Joliot-Curie, Dorothy Crowfoot Hodgkin, Ada Yonath e Frances Arnold.

Segundo salienta a asemblea do Nobel, a tecnoloxía “está a ter un impacto revolucionario nas ciencias da vida, contribuíndo a novas terapias contra o cancro e podendo abrir a porta á curación de doenzas hereditarias”. Neste avance tivo un papel clave a investigación básica do científico español Francis Mojica, que entraba nalgunhas quinielas para a obtención do Nobel, e cuxos achados menciona a Academia Sueca no seu fallo.

Publicidade

Tal e como explica o web do premio Nobel, a ciencia leva tempo buscando o xeito de modificar os xenes no interior das células para averiguar como é o seu funcionamento interno, o que ata agora foi un camiño cheo de obstáculos e dificultades. Porén, a través das tesoiras xenéticas CRISPR/Cas9, é posible cambiar o ‘código da vida’ en cuestión de poucas semanas.

“Hai un potenciar enorme nesta ferramenta xenética, que nos afecta a todos. Non só revolucionou a ciencia básica, senón que tamén vai dar pé a tratamentos médicos rompedores”, expuxo Claes Gustafsson, xefe do comité do Nobel de Química.

As dúas investigadoras comezaron a colaborar en 2011, despois dos achados de Charpentier sobre a bacteria Streptococcus pyogenes. Atopou, sen buscalo, que unha molécula descoñecida, ARNtracr, parte do antigo sistema inmunolóxico das bacterias, pode desarmar os virus aos fragmentar o seu ADN. Deste xeito, as dúas investigadores puxéronse a recrear as tesoiras xenéticas da bacteria no laboratorio, simplificando os compoñentes moleculares para que fosen máis fáciles de usar. E conseguiron reprogramar as tesoiras xenéticas, que só recoñecían o código xenético dos virus, para que puideran cortar de forma controlada calquera molécula de ADN nun lugar determinado.

Desde este achado, no 2012, o uso da técnica CRISPR/Cas9 aumentou de forma exponencial no mundo. Ademais das importantes achegas á investigación básica, algúns eidos da ciencia, como o estudo das plantas, beneficíase do desenvolvemento de cultivos resistentes a fungos, ás pragas ou á seca. En medicina xa están probando ensaios clínicos contra o cancro, e ábrese a esperanza de poder curar enfermidades hereditarias nun futuro.

No ano 2015 o seu descubrimento valeulle o Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica, ao que agora suman o Nobel.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Es zurdo? Descobren mutacións raras asociadas ao uso da man (e o pé) esquerdos

Un novo estudo explica como certas variantes xenéticas que alteran o xene TUBB4B están relacionadas co desenvolvemento desta condición

As mutacións do ADN mitocondrial poderían anunciar o inicio do párkinson

Un novo estudo sinala que as delecións prodúcense anos antes da aparición dos síntomas motores e cognitivos desta enfermidade

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades