Consulta o semáforo Covid-19 no teu concello

A Xunta avanzou este martes a difusión da situación epidemiolóxica de cada concello en función da detección de casos novos

Este martes, despois dunha reunión entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o presidente Alberto Núñez Feijoo avanzou que, sete meses despois do comezo da pandemia, comezará a informarse a través do web da Consellería de Sanidade da “situación epidemiolóxica dos concellos segundo o nivel de casos novos e co obxectivo de que cada un deles poida ver como evoluciona a pandemia no seu ámbito municipal” mediante un semáforo de cores.

Así, abordarase a evolución dos casos a través de dous mapas, “un para os casos acumulados nos últimos 7 días e outro para os casos acumulados nos últimos 14 días, establecéndose os niveis de alerta –verde, amarelo, laranxa e vermello- segundo os concellos de menos de 50.000 habitantes e os de máis de 50.000″.

En función da poboación, e para evitar cifras esaxeradamente altas de incidencia no caso de brotes en concellos pequenos, terase en conta, para os municipios menores de 50.000 habitantes, os seguintes criterios: cor verde para menos de 7 casos novos á semana; amarelo para entre 7 e 13 casos novos á semana; laranxa para entre 14 e 20 casos novos á semana; e vermello para máis de 20 casos novos á semana.

No caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes, o semáforo informará da incidencia de casos por 100.000 habitantes, do seguinte xeito: o verde para os que teñan menos de 28 casos novos á semana por 100.000 habitantes; amarelo para entre 28 e 55 casos novos á semana por 100.000 habitantes; laranxa para entre 56 e 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes; e vermello para máis de 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes.

Deste xeito, os mapas “indicarán con carácter xeral que concellos están nunha situación tranquila, cales avanzan cara a unha situación máis preocupante, cales están nunha situación máis comprometida e cales nunha situación que pode dar lugar a restricións”, engadiu o presidente da Xunta.

Aínda que estes mapas non foron publicados por agora, o xornal La Voz de Galicia tivo acceso aos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública nos que se expón a evolución epidemiolóxica coas cifras de incidencia acumulada e os casos dos últimos 14 días. Os datos de Saúde Pública (con data do luns), aos que habería que engadir as limitacións actualmente vixentes nalgúns municipios, permiten establecer un mapa que amosa a situación da pandemia na actualidade.

Tal e como advirten fontes do comité clínico, os indicadores da incidencia acumulada, a taxa de positividade das probas PCR e os niveis de hospitalización, criterios marcados polo Ministerio de Sanidad na pasada semana, non poden ser os únicos para ter en conta á hora de tomar restricións. Neste punto, as características sociodemográficas dos brotes, como a idade, a mobilidade e o número de contactos das persoas afectadas xogan tamén un nivel relevante nesta decisión.

As zonas de maior risco atópanse, tanto por incidencia como por número de casos, en Ourense, Verín, O Barco e O Carballiño. Aparece tamén en vermello o concello de Lobeira, coa maior incidencia de Galicia (6.390 casos/100.000 habitantes), pero que se cingue á residencia de maiores da localidade, onde se manteñen activos máis de 60 casos, a maioría deles detectados nos últimos 14 días.

O risco de transmisión na comarca do Carballiño, debido á vinculación coa vila cabeceira da comarca, levou a prohibir as reunións de non convivintes, o que sitúa estes concellos nunha situación de precaución a pesar de que nalgún deles, ata o pasado luns, non se rexistrara ningún caso nos últimos 14 días. O mesmo acontece coas comarcas de Verín e Valdeorras, onde se establecen igualmente limitacións de reunións e capacidade máxima nos locais.

Outro dos puntos de preocupación está na zona de Santiago de Compostela, no marco do comezo do curso universitario, e onde se manteñen vixentes limitacións debido aos focos detectados na capital e na localidade do Milladoiro, en Ames. A área de Santiago é a única, xunto a Ourense, na que non están a descender os casos activos nos últimos días.

Alén disto, noutros concellos como Meira, Castro de Rei, A Mezquita, Fisterra ou A Baña, de menor tamaño, rexistraron algún brote nas últimas semanas que segue achegando casos positivos e está baixo vixilancia das autoridades. A pesar de que a súa pouca poboación provoque que un brote aumente moito a incidencia, o control dos brotes fixo que, por agora, non se establezan máis restricións.

Por outra banda en áreas das provincias da Coruña, Pontevedra ou Lugo, onde nalgún caso se manteñen ou mantiveron restricións nas últimas semanas, séguense constatando incidencias superiores aos 100 casos/100.000 habitantes en concellos como Arteixo, Oleiros, Ponteareas, Marín, Pontevedra, Boiro ou Rianxo.

Medidas en Ourense

A decisión de Sanidade de limitar a mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás, ademais de prohibir as reunións con non convivintes en varias comarcas e municipios de Ourense, responde ao aumento de transmisión do coronavirus SARS-CoV-2 na provincia nas últimas semanas. As características das infeccións, que se están producindo sobre todo en contornas familiares e de amizade, e o avellentamento da poboación, co conseguinte risco de complicacións, conduciron á decisión do comité clínico que asesora á Xunta, segundo constataba esta mañá en conversa con GCiencia o doutor Pedro Rascado, responsable do Plan de Continxencia en UCI-Covid-19 da Sociedad Española de Medicina Intensiva (SEMICYUC), membro do comité e especialista en Medicina Intensiva no Hospital Clínico Universitario de Santiago.

A incidencia acumulada en Ourense e Barbadás é “preocupante“, segundo expuxeron esta mañá nunha comparecencia o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo. Estes indicadores chegan a cuadruplicar as do conxunto de Galicia, ademais da alta taxa de positividade das probas PCR. Do mesmo xeito, os datos de vilas como O Carballiño, O Barco e Verín tamén levaron a incrementar as limitacións.

En palabras do doutor do hospital de Lugo Sergio Vázquez, que tamén participou na comparecencia, os focos de transmisión de Ourense actuaron como “unha bomba vírica” que xa está a afectar á comarca e outros concellos limítrofes. Outro dos membros do comité, o xefe de servizo de Urxencias do Hospital do Sanlés, Manuel Vázquez Lima, insistiu na responsabilidade de cumprir coas medidas marcadas e non acudir á “picaresca”, movéndose a zonas sen limitacións engadidas, como se ten detectado nos últimos días na área de Ourense, o que dificulta o control do virus. “O que nos estamos xogando é a vida das persoas”, destacou Vázquez Lima, facendo un chamamento especial á xente nova.

Casos activos

Os datos coñecidos este mércores volven amosar un aumento dos casos activos na provincia de Ourense. Todas as áreas, agás a ourensá e a de Santiago, rexistran descensos, como se pode ver baixo estas liñas. Segundo se extrae da información de Sanidade, súmanse 200 casos á serie despois da realización de 7.429 probas, o que supón, segundo expuxo o Conselleiro de Sanidade, unha positividade menor do 3%.

Nos hospitais hai ingresadas 34 persoas na UCI e 185 noutras unidades de hospitalización. A cifra de falecementos ascende a 769, 29 delas na última semana.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.