A estudante de 4º de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela Marta Otero Mayán, coa súa reportaxe “Unha app para coidar a quen coida“, é a gañadora da sexta edición do Premio Contar a Ciencia-la Caixa de Comunicación Científica Universitaria, convocado pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinado por Obra Social la Caixa. O certame conta tamén coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a empresa Primux Tech, e está organizado por GCiencia.
O xurado, composto por representantes do eido científico e da comunicación en Galicia, valorou o enfoque humano do traballo de Marta Otero, onde se aborda un proxecto do Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía da USC para previr a depresión en coidadores de persoas dependentes. Neste caso concreto, exponse a relevancia da investigación na axuda a unha parella afectada polo Alzheimer dun deles.
Segundo explica a reportaxe, o proxecto, baseado nunha aplicación para smartphones chamada Happy, procura solucións para un colectivo composto na súa gran maioría por mulleres e que moitas veces, debido á gran dedicación que ofrece ás persoas dependentes, pode desenvolver problemas de saúde física e mental.
Finalistas
Alén do traballo gañador de Marta Otero, foron escollidos como finalistas dous proxectos audiovisuais. Por unha banda, unha traballo de Andrea Varela e Miriam Álvarez, estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, titulado “Scuba Cancers“, que aborda a investigación do grupo de José Tubío, científico do CiMUS de Santiago, sobre os cancros transmisibles en bivalvos, especialmente os berberechos.
Scuba Cancers: así é a loita contra o cancro transmisible en bivalvos
Por outra banda, a estudante de Xornalismo na USC Alba Tomé Sueiro foi recoñecida pola reportaxe “Como gañar o que che quita o Parkinson”, onde expón o proxecto da investigadora Irimia Mollinedo, da Universidade de Vigo, autora dunha tese sobre os efectos da práctica de pilates nos afectados por esta doenza neurodexenerativa.
Nesta sexta edición presentaronse un total de 10 traballos, correspondentes a estudantes de Comunicación das universidades galegas. Na decisión do xurado tomaron parte representantes da Real Academia Galega de Ciencias, Obra Social la Caixa, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Colexio de Xornalistas de Galicia, O CSIC e GCiencia.
Acto de entrega
Os galardóns á gañadora, finalistas e resto de participantes no VI Premio Contar a Ciencia outorgaranse nun acto público que se celebrará o luns 8 de xullo no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
A gañadora do certame, Marta Otero, recibirá 500 euros en metálico, un smartphone IoxPhone P1 de Primux e un diploma acreditativo. Os dos proxectos finalistas recibirán cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 de Primux e diplomas acreditativos. E o resto de concursantes seleccionados para elaborar os seus traballos tamén recibirán diplomas.