Unha ‘app’ para coidar a quen coida

O Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía da USC desenvolve un método para previr a depresión en coidadores de persoas dependentes

Luz é unha das persoas coidadoras con familiares ao seu cargo en risco de desenvolver enfermidades como a depresión. Fonte: Marta Otero.
Luz é unha das persoas coidadoras con familiares ao seu cargo en risco de desenvolver enfermidades como a depresión. Fonte: Marta Otero.

Por Marta Otero Mayán / Estudante de Xornalismo da USC

Publicidade

A vida de Luz era normal alá polo ano 2010. A normalidade sen sobresaltos que hai no día a día dunha muller casada de sempre, mariscadora da ría, cos fillos criados, e un horizonte próximo que traería o descanso da xubilación tras unha vida enteira traballando arreo. O ano 2010 vería esvaecerse esa perspectiva ante unha verba allea para Luz e o seu entorno, que daba nome a unha diagnose que chegaría para lle dar a volta a todo para sempre: Alzheimer.

A vida tal e como a coñeceran ata entón iría quedando atrás conforme a enfermidade penetraba en cada oco da vivenda familiar e o invadía todo. Chegaba e remataba coa autonomía do home de Luz, Juan, mais tamén puña punto e final a aquel tranquilo porvir ao que Luz sabía que renunciaba de xeito permanente, ao tempo que pasaba a se converter no sostén diario do seu compañeiro. Dun día para outro Luz xa non era esposa, nin nai; Luz tornouse coidadora en exclusiva, sen se decatar do perxuízo que esa entrega absoluta lle imporía, coa forza do paso do tempo, a súa propia saúde mental. A Luz as veces dáselle por chorar e hai momentos nos que pensa que non ten sentido erguerse da cama. Mais, con todo isto, Luz non acudirá a un psicólogo. Non hai hora no día para iso. Luz é unha das moitas coidadoras que se atopan, sen sabelo, nun risco de ata un 50% de desenvolver enfermidades como a depresión, e que, por vicisitudes do seu propio día a día, non recibirán atención psicolóxica a tempo.

Poucos son os que, hoxe en día, se lembran de coidar aos que coidan. Á pertenza a ese grupo de honrosas excepcións de quen si se lembrou, porén, hai que agradecerlla aos integrantes do Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía da Universidade de Santiago, o GRISAMP, a quen hoxe vai adicada esta páxina. O equipo, integrado por 11 Profesores Doutores en Psicoloxía e Psiquiatría, e investigadores pertencentes a diferentes áreas de coñecemento, traballa dende hai anos para previr a depresión en persoas coidadoras.

O profesor Fernando L. Vázquez, investigador principal do GRISAMP. Fonte: Xuntos Psicoloxía.
O profesor Fernando L. Vázquez, investigador principal do GRISAMP. Fonte: Xuntos Psicoloxía.

Foi tres anos antes do revés de Luz e Juan, alá polo 2007, cando, baixo a coordinación do profesor Fernando L. Vázquez González, o grupo puxo o foco sobre este colectivo concreto, ao se decataren do elevado risco de depresión das persoas como Luz. “Desenvolvéranse ata o momento algunhas intervencións ao respecto, con resultados modestos. Nelas non se tivera en conta os perfís clínicos dos coidadores: na mesma mostra había suxeitos sen síntomas, con síntomas depresivos, con depresión… Entendemos que isto era un erro”, explica Vázquez.

Atención psicolóxica a un clic

Así empezou un camiño para facilitar o día a día destas persoas, que chega até a actualidade materializada na aplicación para smartphones Happy, o proxecto que hoxe ocupa a GRISAMP co fin de achegar atención psicolóxica a un colectivo para a que esta resulta, en certo xeito, inaccesible. A base de tódalas intervencións atopámola nos procedementos cognitivo-condutuais, dirixidos a influír no comportamento, que combinan a monitorización e aumento de actividades agradables diarias e o manexo dos pensamentos negativos.

A información sobre estes procesos está adaptada na App de xeito breve e pedagóxico, combinada coa planificación das tarefas do fogar. A App encárgase, mediante notificacións, de lembrar aos participantes a necesidade de realizar as tarefas planificadas diariamente. Porén, a presenza de GRISAMP na vida dos e das coidadoras é constante, a modo de man amiga permanente e mirada vixiante. Os integrantes do grupo non poden negar a súa propia implicación emocional no proxecto, que trascende as fronteiras do interese profesional. “O poder previr que persoas que desenvolven unha labor social tan importante experimenten un elevado sufrimento, representa para todo o equipo unha gran satisfacción a nivel persoal”, admite o investigador. Unha implicación que constitúe un dos principais motores que impulsan unha actividade cuxo percorrido supera xa os 10 anos. Traballar directamente con seres humanos suxeitos a calquera forma de vulnerabilidade é o que ten, a fin de contas. A efectividade deste novo procedemento evidencia, ademais, outra realidade: as barreiras tecnolóxicas quedaron atrás. Xa non hai excusa para pór as TICS ao servizo das boas causas.

O programa atendeu no primeiro ano a máis de 100 persoas coidadoras

Se un elemento hai que anima a continuar, é o prometedor dos resultados. Só no primeiro ano, foron máis de 100 os e as coidadoras que viron enormemente reducida a súa sintomatoloxía depresiva, resultados que nada lle teñen que envexar ás intervencións presenciais. A mellor das novas? Ningún dos coidadores cuxos resultados foron xa analizados desenvolveu unha depresión clínica.

A importancia de recoñecer os síntomas

 A Luz cústalle un mundo admitir que moitas veces está triste. Cústalle admitir que as veces chora a escondidas da vista de Juan, que sofre con ela ata naqueles momentos nos que está sen estar. Luz quere que Juan vexa o mellor dos sorrisos en cada un deses intres puntuais nos que atina a apartar a mirada ausente do televisor e a dirixe cara a súa compañeira de sempre. Ela non é quen de lle poñer nome ao que lle pasa. Son cousas da vida, pensa.

Fonte: Grisamp/Elaboración propia.
Fonte: Grisamp/Elaboración propia.

O desgaste emocional que presenta Luz entraría no que hoxe enmarcamos entre os sinais de alerta dunha posible depresión. “Chorar, desenvolver tendencia a ficar deitado, facer as cousas moi amodo ou de xeito axitado, descoidar a aparencia persoal” serían algúns deles, en palabras do profesor. Síntomas que se presentan a diferentes niveles, mental, físico e emocional, e que cómpre ser quen de detectar co fin de atopar un remedio temperán, xa que, como alerta o profesor Vázquez, “é probable que, de presentar sintomatoloxía depresiva elevada, a enfermidade remate por se desenvolver en pouco tempo. Moitos están tan centrados na enfermidade do seu familiar que se esquecen do seu auto-coidado”, afirma o investigador. Concienciar sobre a importancia do auto-coidado é fundamental: manter uns hábitos saudables, traballar a relaxación e coidar as relacións con outras persoas serían algunha destas prácticas recomendables. “Moitas veces, cando o estado de ánimo e a motivación son baixas, ferramentas como Happy proporcionarán o estímulo necesario para facer estes cambios”, apunta o profesor.

Outra realidade é a de que, malia os últimos avances en materia de xénero, as coidadoras seguen a ser elas. Diferentes estudos debuxan o perfil da coidadora como unha muller de mediana idade, un perfil estancado no tempo sen premisas próximas de cambio. Así o corrobora o equipo. “A porcentaxe de mulleres situouse sempre, nos nosos traballos, nun 90%. Non detectamos un incremento na proporción de coidadores varóns. Estamos moi lonxe da paridade”. Se houbera unha verba que complementara este perfil dentro de toda a diversidade que pode encerrar, esa sería sen dúbida resiliencia. Altruístas e constantes son outros adxectivos que os integrantes de GRISAMP escollen para definir a aquelas persoas que o dan todo a cambio de nada e que precisan, de xeito urxente, que algunha vez haxa quen mire por elas.

3 COMENTÁRIOS

  1. Paréceme fabulosa esta nova App froito da investigación galega. Xa se pode descargar? Estiven buscando, pero non a atopo.
    Saúdos

  2. Sería interesante incluír unha ligazón á aplicación que se cita.
    Moitas grazas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.