A astrofísica da NASA Begoña Vila, este martes nos encontros ‘Vigo Científico’

A investigadora viguesa participa no deseño do telescopio James Webb, sucesor do Hubble, cuxo lanzamento está previsto para outubro deste ano

A astrofísica Begoña Vila Costas (Vigo, 1963), será a convidada este martes 13 de abril, ás 19.30 horas, no ciclo de encontros Vigo Científico, organizados por GCiencia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, para reunir a algúns dos principais referentes científicos da cidade. Vila será a terceira participante dun ciclo que comezou en marzo coa inmunóloga África González e o enxeñeiro de telecomunicacións Fernando Aguado, e que se pechará o vindeiro 20 de abril co biólogo mariño Manuel E. Garci.

Begoña Vila, licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especializada en Astrofísica pola Universidade de La Laguna (Tenerife) e o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), é na actualidade enxeñeira de sistemas no centro Goddard da NASA en Greenbelt (Maryland), moi preto de Washington, capital dos EUA. Alí coordina un dos equipos de traballo no que será un dos grandes fitos da exploración espacial: o telescopio James Webb.

Publicidade

Este instrumento, froito da colaboración entre a NASA, a Axencia Espacial Europea e a Axencia Espacial do Canadá, será arredor de 100 veces máis potente có Hubble. Funcionará no espectro infravermello próximo e mediano, e grazas a el será posible mirar cara a atrás no tempo, observando galaxias formadas miles de millóns de anos antes de agora.

O deseño e a construción do James Webb supuxo un enorme desafío científico e tecnolóxico, non libre de atrancos, xa que desde a súa xénese retrasouse varias veces a data do lanzamento previsto. Destaca, entre outras moitas características, o seu espello principal, composto por 18 pezas, e o seu parasol que ten as dimensións dunha pista de tenis. O James Webb é tan grande que deberá viaxar ‘dobrado’ no foguete Ariane 5, da ESA, que o levará ata o espazo. Neste vídeo, a propia Begoña Vila resume o proxecto:

Publicidade

Durante a súa traxectoria, na que tamén exerceu nas universidades de Manchester e Cardiff e en empresas canadenses e a axencia espacial do país norteamericano, Vila recibiu recoñecementos como a Medalla da NASA ao Logro Público Excepcional (2016), polos significativos avances acadados no seu traballo da misión James Webb. En 2017, a Xunta de Galicia outorgoulle o Premio María Wonenburger, que recoñece o labor de mulleres científicas galegas. Nesta entrevista con GCiencia en 2019 falaba sobre a súa traxectoria:

Begoña Vila: “Co novo telescopio da NASA miraremos as primeiras estrelas”

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

En 2025 rexistráronse 14 bólidos sobre o ceo de Galicia

A lista recompilada pola rede de investigación SPMN sinala outubro como o mes con máis observacións

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

30 segundos de incerteza marcan o novo fito da NASA: así foi o lanzamento do telescopio Grace Roman

O último observatorio da axencia espacial estadounidense xa saíu da atmosfera terrestre e agárdase que produza as primeiras imaxes a principios de 2027

Begoña Vila, ante o lanzamento do telescopio Grace Roman: “Só teremos 30 segundos”

A astrofísica da NASA asegura que o novo observatorio producirá en cinco meses a mesma cantidade de datos que enviou Hubble nos 36 anos que leva operativo