Begoña Vila é enxeñeira de sistemas no centro Goddard da NASA, en Maryland. Foto: nasa.gov.
Begoña Vila é enxeñeira de sistemas no centro Goddard da NASA, en Maryland. Foto: nasa.gov.

Begoña Vila: “Co novo telescopio da NASA miraremos as primeiras estrelas”

A astrofísica viguesa traballa no proxecto do James Webb, o instrumento que nos vindeiros anos substituirá ao Hubble na exploración espacial

Cando era pequena a súa nai enganábaa para comer mirando as estrelas, e agora é a súa forma de vida e ademais a súa paixón. Porque escoitar falar a Begoña Vila Costas (Vigo, 1963) do que fai, unha cae na conta de que continúa coa ilusión dunha principiante. Recoñece que é un pouco obsesiva no seu traballo, “traballo moito tempo e ao mesmo tempo gozo”. Quizais ese sexa o seu segredo. Esta astrofísica galega é unha das máximas responsables da posta en marcha do telescopio espacial James Webb, que substituirá ao actual Hubble e que nos permitirá ver o espazo cuns ollos ata agora inexistentes. Así, de Vigo á NASA pasando polas estrelas. E o luns falará cos rapaces e rapazas de Ensinanza Primaria e Secundaria de Pontevedra, para compartir a súa experiencia con eles desde os Estados Unidos.

-Como era Begoña Vila de nena? Xa miraba cara as estrelas?

Eu non me acordo, pero a miña nai sempre me di que, como comía moi mal, levábame fóra a ver as estrelas para que fora ceando. A verdade é que dende sempre me interesaba o espazo e, supoño que como todos, me facía preguntas do porqué das cousas.

-Cando decidiu estudar Astrofísica?

Eu era boa estudante e gustábanme as ciencias e a historia, así que comecei estudando Física, que era como se facía antes. Despois, tiña que  escoller unha especialidade e apostei por Astronomía. Ademais tiven a sorte de poder estudar en Tenerife, que foi cando o Instituto de Astrofísica de Canarias estaba comezando a expandirse.

-Cando estudou non había precisamente moitas mulleres, foi moi duro ser muller nun mundo chamado de homes?

-É verdade que había poucas mulleres. Recordo que cando fixen Físicas en Santiago só había tres mulleres na miña clase, e ao longo da carreira e cando fixen a tese foi igual. Agora, pouco a pouco, hai máis, pero seguimos sendo minoría.

-Notou discriminación por ser muller?

-Eu fun bastante afortunada, pero sempre hai algúns momentos… Que se es unha muller e pensas casarte e ter fillos, igual non é conveniente… Iso é algo que a un home nunca se lle preguntaría. Tamén, cando era máis nova e organizaba algún evento ou reunión, o café parece que me tocaba facelo por ser muller… Pequenas cousas, afortunadamente nunca tiven nada máis grave, e canto máis experiencia vas tendo, vas sabendo como poñerte no teu sitio e que non che importe. Algunha discriminación había antes, creo que aínda hai, pero imos mellorando pouco a pouco.

-Que lle diría a unha rapaza que queira ser científica en calquera das súas vertentes?

-Que pense no que quere facer e tire para adiante sen escoitar o que digan, ten que pensar en si mesma. Todos temos momentos difíciles e complicados e é aí onde debes ser forte para tirar cara a adiante. E nos casos de discriminación, non podes permitir que te afecte, sabendo que todos temos as mesmas capacidades.

-Toda a súa carreira profesional desenvolveuse moi lonxe da súa terra (Canadá, Estados Unidos). Era imposible traballar en Galicia ou en España?

-De entrada eu penso que é bo e importante saír do país e ir un ano ou dous fóra, facer contactos no estranxeiro, creo que é moi bo para calquera. O problema é que non teñas unha oportunidade no teu país para facer o que te gusta e ao nivel que queiras. Ou que despois, cando saes a facer o teu posdoutoramento, non sexa sinxelo regresar ao teu país, e case te ves obrigado a quedarte. Ao principio tes ganas de volver, pero se pasan moitos anos fóra, despois montas a túa vida e é moito máis complicado.

-España é un gran berce de fantásticos científicos, pero case todos teñen que marchar. Hai algunha forma de frear esa migración?

-É verdade que en España hai magníficos científicos tanto homes como mulleres, en moitos campos. Habería que cambiar cousas. Temos que ter postos de traballo aos que a xente queira volver, eliminar a excesiva burocracia para regresar, igualar un pouco as condicións que teñen fóra… Eu hai moito que non penso en volver, pero por outras persoas que coñezo, o proceso de regresar á Universidade non é sinxelo, as condicións non se poden comparar, nin en docencia nin en investigación… Hai que igualar un pouco iso para poder regresar, porque ninguén vai querer deixar un traballo no que xa estás establecido para ir a peor, aínda que che tira moito a túa familia e o teu país, tes que estar contenta no teu traballo.

-Como chega Begoña Vila á NASA?

-As cousas sempre se conseguen pouco a pouco, facendo un bo traballo, sendo honesta e tamén con sacrificios persoais. Pouco a pouco vas dando pasos e así van chegando novas oportunidades. Outra cousa, que nos pasa un pouco a todos, é que nos acostumamos as condicións nas que estamos e o cambio póñente un pouco nerviosa e a veces na vida hai que arriscar, hai que cambiar. Eu sempre penso nese dito de “quero arrepentirme do que fixen, non do que puiden facer”.

Neste caso, eu estaba traballando na compañía baixo a axencia canadense, e colaborabamos moito coa NASA. Así me coñeceron, viron como traballaba… Cando me dixeron “temos que traerte con nós”, ao principio pensaba que eran palabras amables e un respondía cun “grazas, sodes moi amables”, e eles me dicían, “non, non, queremos que veñas con nós”.

Estaba claro que era o traballo e a ilusión da miña vida e quería dicir que si, pero claro unha decisión así ten implicacións familiares. Necesitaba o apoio da miña familia para poder aceptar. E a miña familia estivo ao meu lado, aínda que houbo sacrificios. Os meus fillos estaban a punto de comezar na Universidade en Canadá e non tiña sentido que se viñeran comigo. Foi duro separarnos, fas o sacrificio, pero a verdade é que estou encantada, feliz e moi contenta de vir para aquí.

Podes consultar aquí o programa do Día da Muller e a nena na Ciencia (PDF)

-En que consiste o seu traballo na NASA?

-Eu son a enxeñeira de sistemas encargada de varios dos instrumentos do telescopio e no día a día, son moitas as reunións para discutir diferentes cousas: probas que hai que facer, que podemos cambiar, software, o lanzamento, recollida e análise dos datos…  Depende da fase do proxecto na que esteamos. E cando estamos facendo unha proba son quendas, como nas películas. Estás facendo o mesmo que se realizará no lanzamento: son 24 horas, 7 días a semana, e eu ademais de participar nas quendas, teño que coordinar o equipo.

Que poderemos coñecer grazas ao telescopio espacial James Webb?

-O James Webb mira cara atrás no tempo. As primeiras estrelas, as primeiras galaxias que se formaron no universo hai 13,5 millóns de anos lanzaron unha luz, que vai viaxando polo espazo e que co tempo se expande e se move no infravermello. Os nosos ollos miran co visible, mentres que esta luz aparece no infravermello. Por eso, nos non podemos mirala, pero o James Webb ten uns ollos que miran nesa lonxitude. Vai facer unha foto de como eran esas estrelas e esas galaxias e imos poder seguilas, saber como evolucionaron, como cambiaron. Hai teorías de como se formaron esas primeiras estrelas pero vai ser a primeira vez que imos poder velas con estes novos ollos.

Outra das posibilidades que nos ofrecerá o James Webb cando estea no espazo é a de saber se estamos sós. Sabemos que hai moitos planetas arredor doutras estrelas que poden ser candidatos á vida, pero a través do James Webb poderemos saber de que está feita esta atmosfera.

E o terceiro aspecto que me gusta destacar e que ao mellor, como nunca vimos o universo con estes ollos, igual encontramos algo que non esperabamos. O que está claro é que é un instrumento que nos permitirá aprender máis e entender mellor como chegamos aquí.

“Como nunca vimos o universo con ollos como os do James Webb, igual encontramos algo que non esperabamos”

-Estaba previsto o seu lanzamento para o ano 2018, pero retrasouse ata o 2021. A que se deben estes retrasos?

– O retraso xorde pola combinación da complexidade do que estás facendo e a medida que o desenvolves aparecen cousas que non esperabas e tardas máis tempo do que pensabas en facer algunhas cousas. E iso despois ten unha implicación económica, porque tes unha cantidade de diñeiro orzamentada e chega un momento que se esgota.

Agora creo que estamos moi ben: O que son os instrumentos e os espellos están listos. Agora estabamos en Los Ángeles facendo o parasol, coma un parasol de praia moi grande que dobramos para meter no foguete. Este parasol ten que ser vibrado para meter dentro do foguete e comprobar que vai sobrevivir. Ese foi un traballo moi delicado, que acabamos de rematar e agora imos comezar coas probas térmicas. O novo prazo que temos é primavera de 2021 e penso que chegaremos. Hai que entender que é algo completamente novo. Este telescopio vai todo dobrado, hai que abrilo en órbita, é o primeiro deste tipo… Cando estea terminado e se probe ben, vai abrir moitas posibilidades para telescopios futuros. Imos aprender moitas cousas importantes co lanzamento e funcionamento do James Webb.

En 2016 recibiu o galardón ao Logro Público Excepcional, que outorga a NASA, polo seu traballo no  James Webb e foi a primeira persoa de nacionalidade española en recibilo.

-Foi un momento incrible, que recibín ilusionada e humilde ao mesmo tempo. A primeira alegría foi a nominación, porque vén das persoas que traballan contigo e despois pasa ao panel máis grande da NASA, que é quen decide. Por iso, xa a nominación me fixo moi feliz. E ademais o que dicías antes, ningún español o recibirá antes, muller…

E ademais de recoñecer o seu traballo fóra, na casa tamén recibiu o Premio Wonenburger 2017. Cando llo notificaron sentiu un pouquiño de morriña e orgullo?

-Novamente foi unha sorpresa. Estabamos a facer as probas térmicas en Houston, na cámara fría. Penso que intentaran contactarme no teléfono na miña oficina e ao final conseguiron contactarme alí. Unha alegría… De Galicia, a miña terra… Estiven moi orgullosa de recibilo tamén.

-É membro da ECUSA-DC, a asociación que engloba á comunidade científica española das áreas de Washington DC, Maryland e Virginia. É unha forma de loitar coa morriña? Cantos membros ten?

-Esta asociación, que reúne aos científicos españois que estean en Estados Unidos, comezou hai seis ou sete anos. A idea era poñer en contacto a españoles en diferentes ramas da ciencia que estaban a traballar en Estados Unidos. É unha iniciativa fantástica porque tes un grupo de apoio similar a ti, podes falar en español, todos temos un coñecemento de España, temos charlas e a combinación de disciplinas es unha cousa moi boa. A verdade é que nestes anos logrou expandirse moito e abríronse centros noutras cidades. Penso que agora ten case mil membros. É unha agrupación moi boa que mostra o nivel tan bo que hai en España.

-Volver é algo que ve aínda moi lonxe, non?

-Vou todos os anos para visitar á miña familia e as veces teño a sorte de viaxar para algunha charla, que me gusta moito. Se te refires a volver para quedarme, é complicado. No traballo que teño agora, duplicar as condicións que teño aquí, sería complicado. Pero España e Galicia sempre forman parte de min, sempre penso en volver e colaborar no que poida aí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.