A Academia de Ciencias entrega os seus premios ás mellores investigacións de Galicia

Sete equipos recibiron os galardóns por avances en diversos eidos, como o cancro, a sostibilidade e a mellora de procesos industrias

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou na tarde do mércores o acto de apertura do curso coa entrega dos Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC. Sete equipos das tres universidades públicas galegas recibiron o recoñecemento da Academia, quen galardoa a través destes premios as mellores investigacións de Galicia. O acto de entrega celebrouse no Pazo de San Roque, en Santiago. “A ciencia non avanza a base de xestos espectaculares, senón grazas a un labor constante, rigoroso e moitas veces silencioso“, manifestou o presidente da RAGC, Juan Lema, durante o seu discurso de inicio de curso.

“A RAGC forma parte dese esforzo colectivo por construír un futuro mellor baseado no coñecemento, no pensamento crítico e no compromiso co ben común, capaz de responder aos retos do presente. As múltiples distincións e recoñecementos recibidos polas nosas académicas e académicos son motivo de orgullo colectivo, pero tamén unha proba clara da solidez e do nivel da ciencia que se fai en Galicia”, destacou Lema.

Publicidade

Ao evento, celebrado no Pazo de San Roque (Santiago), asistiron diversas autoridades como o conselleiro de Ciencia, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Isabel Ares; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; entre outros representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.  

Clase maxistral centrada na catálise

No transcurso do acto, o académico da RAGC e catedrático de Química Física da Universidade de Santiago (USC) Arturo López Quintela impartiu unha lección maxistral na que abordou a catálise como un dos piares fundamentais da química moderna e da industria.

Publicidade

“Nas últimas décadas asistimos á redución dos materiais catalíticos a escala nanométrica. Este cambio non é unicamente unha mera diminución de tamaño. Ao reducir a escala, a relación superficie-volume aumenta drasticamente, expondo un maior número de átomos activos e mellorando de forma notable a actividade catalítica”, explicou. Esta estratexia permitiu diminuír a cantidade necesaria de metais nobres con bos resultados e tamén favoreceu unha redución dos custos.

Entrega de Premios

Durante o evento entregáronse os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC nas tres cateogorías: Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os tres traballos distinguidos recibiron unha dotación de 5.000 euros cada un, e concedéronse ademais varios accésit en cada unha das tres categorías. O presidente da RAGC fixo especial fincapé no éxito desta segunda convocatoria, con 133 candidaturas presentadas. Destacou o carácter “innovador e cun alto impacto científico e social” dos traballos premiados. “A temática destas investigacións amosa unha ciencia conectada coa realidade e cos grandes desafíos actuais”, apuntou.

“A colaboración coa RAGC e a convocatoria destes premios responden á convicción da Fundación Barrié de que a investigación é un motor indispensable para o desenvolvemento social e económico de Galicia”, salientou a presidenta da Fundación Barrié. Romreo puxo en valor o ecosistema investigador galego para xerar coñecemento de calidade e traducilo a solucións que melloren a vida das persoas. “A ciencia galega avanza grazas ao talento, ao rigor e á perseveranza dos profesionais que a fan posible, e esta iniciativa quere ser unha contribución á consolidación dunha Galicia máis innovadora e máis competitiva”, concluíu.

Premiados na categoría de Ciencias Básicas

O premio en Ciencias Básicas recaeu no equipo que María Mayán lidera dende o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CiNBIO) da Universidade de Vigo (UVigo). O grupo foi galardoado pola identificación dunha proteína como potente diana terapéutica para loitar contra un tipo de mutación xenética presente en cancros como o melanoma, o de mama ou o colorrectal. Amósase capaz de frear o crecemento de certos tumores e evitar a aparición de resistencia aos fármacos.

“Aa resistencia ao tratamento é un dos retos máis importantes en oncoloxía, por iso proxectos encamiñados a entender os mecanismos implicados e a buscar solucións son tan relevantes para poder chegar a curar o cancro ou, polo menos, cronificalo. Ademais, esta investigación exemplifica o potencial transformador da ciencia feita en Galicia para abordar problemas reais”, manifestou Mayán.

Nesta área concedéronse dous accésit. Un foi para o equipo de Manuel Souto, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) USC. Desenvolveu un novo composto orgánico para conseguir baterías máis rendibles, económicas e sostibles. A súa proposta ten importantes vantaxes ambientais, económicas e tecnolóxicas fronte aos eléctrodos inorgánicos tradicionais.

O segundo accésit foi para Hamza Al-Shdaifat, da facultade de Matemáticas da USC. O seu traballo céntrase nos novos conceptos de integrais e derivadas de utilidade para resolver problemas complexos en física e enxeñaría, a través do modelado de fenómenos.

Premiados na categoría de Ciencias Técnicas

O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo de Cristina Gallego, do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC. O grupo propón un xeito innovador e sustentable de aproveitar a pel do peixe, empregándoa para obter xelatina de alta calidade para o os sectores alimentario, farmacéutico e cosmético. “Este recoñecemento é unha demostración de que o traballo científico permite avanzar cara a un futuro máis sustentable e afrontar problemas reais que nos afectan a todos”, apuntou a investigadora.

Outorgouse un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus de Ferrol da UDC liderado por Javier Pernas. Usando a intelixencia matemática, desenvolveu unha metodoloxía para optimizar a planificación de tarefas no proceso de construción de buques, con aplicación noutros sectores como o aeroespacial ou a construción modular.

Premiados na categoría de Ciencias Sociais

O premio en Ciencias Sociais foi para o equipo de Iria González, da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, que traballa na xestión sostible da denominada última milla no comercio electrónico. É a fase final e máis crítica do proceso, o transporte do pedido desde o derradeiro centro de distribución ata a entrega ao cliente, cun alto impacto ambiental. A investigación proporciona ferramentas e directrices para facilitar o deseño e posta en marcha de estratexias sustentables nesta fase. “Para nós este premio é un recoñecemento á aposta pola sostibilidade e un impulso para seguir a traballar nesta liña”, sinalou.

Outorgouse un accésit ao grupo de María Garrido, da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Analizaron o impacto das prácticas ambientais no rendemento, no risco e na resiliencia das pemes. A partir dunha mostra de máis de 500 pemes galegas, observaron que as prácticas ambientais, e especialmente as laborais, poden xerar efectos positivos nalgúns indicadores económicos e na capacidade de resistencia das pemes en contextos de crise.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como afrontar a posmenopausa: “O exercicio é a chave de ouro para protexernos”

O proxecto CARE da Universidade da Coruña emprega o adestramento de forza para mellorar a saúde cardiovascular nesta etapa vital

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

A verdadeira identidade do lobo cerval das lendas galegas: a UDC identifica restos do extinto lince boreal

Unha investigación arqueolóxica atopa nunha sima dos Picos de Europa un esqueleto case completo da especie, datado en 210 anos de antigüidade

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación