Un equipo da UDC aposta pola tecnoloxía dos videoxogos para mellorar a simulación industrial

Os investigadores Javier Pernas e Diego Crespo, da Área de Organización Industrial do Grupo Integrado de Enxeñaría do CITENI, publican no 'Journal of Simulation' o seu último avance

Recrear situacións da vida real no ámbito da industria é posible grazas á simulación industrial. Esta técnica permite analizar procesos de enxeñaría industrial e contribúe á toma de decisións co obxectivo de mellorar o deseño dos sistemas de produción. A tecnoloxía dos videoxogos está cada vez máis presente neste ámbito: utilízase para desenvolver simuladores avanzados e ferramentas de realidade virtual que posibilitan realizar un adestramento de alta fidelidade para o cadro de persoal, o deseño de produtos e unha prototipaxe rápida.

Javier Pernas e Diego Crespo, investigadores da área de Organización Industrial do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol (CIF) da Universidade da Coruña (UDC), fixeron público o seu último avance neste campo. No artigo Open-source 3D discrete event simulator based on the game engine Unity, publicado no Journal of Simulation da editorial académica Taylor & Francis Group, apostan pola integración de simuladores de eventos discretos (DES) con motores de videoxogos, como o popular Unity.

Publicidade

A industria 4.0

Os simuladores de eventos discretos (DES) representan unha peza fundamental na investigación tecnocientífica e na enxeñaría moderna. Estes modelos computacionais capturan a evolución temporal dos sistemas a que se aplican mediante a simulación de eventos puntuais (discretos) que poden ter impactos complexos no seu comportamento global. Desde a planificación da produción ata a simulación de tráfico, ofrecen unha perspectiva única para facilitar a toma de decisións e a optimización de procesos.

É importante destacarmos que os motores de videoxogos, como Unity, se converteron nunha referencia en ámbitos como o cinema, a fotografía ou a publicidade. A súa incorporación á industria e á fabricación dixital é unha tendencia á alza debido ás funcionalidades que ofrece, como a súa integración con Python, API (Application Programming Interface, en inglés) de bases de datos e protocolos de comunicación, alén de contar cunha activa comunidade de profesionais e recursos.

Publicidade

No seu artigo, Pernas e Crespo presentan un simulador de eventos discretos en linguaxe de programación C# que se integra co motor de desenvolvemento Unity para aproveitar as súas potentes capacidades, entre as que se inclúen o motor físico, a usabilidade, a arquitectura e a compatibilidade con tecnoloxías de realidade virtual e realidade aumentada (VR e AR, polas súas siglas en inglés). Esta integración permite desenvolver simulacións de procesos industriais ou loxísticos cunha compoñente visual superior á dos actuais softwares de simulación; e o máis salientable, a custo cero pola gratuidade da licenza de uso de Unity.

Ciencia aberta e colaborativa

Ademais, os investigadores compartiron en aberto o código do simulador (é o que se chama un Open Source Code en inglés), xunto con varios proxectos de exemplo que foron utilizados con fins docentes. Calquera persoa pode acceder a este código e, partir del, desenvolver os seus propios proxectos; ou mesmo pode contribuír a melloralo, fomentando, así, a ciencia aberta e a innovación colaborativa.

Os autores do estudo afirman que seguen a traballar na mellora das funcionalidades do simulador, que aínda está nos seus primeiros pasos, coa esperanza de poder empregalo en novos proxectos de investigación e docencia. Coa súa contribución, ofrecen unha perspectiva innovadora para o futuro da enxeñaría industrial e para a simulación de procesos aplicados á industria 4.0.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

A investigadora da UDC Itziar Sobrino acada unha Starting Grant para investigar en dereito ambiental

A galardoada estudará as causas polas que determinadas obrigas se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan ou se aplican parcialmente

Ten sentido fixarnos no pasado para conservar o lobo?

A súa distribución presente e futura verase condicionada pola densidade das presas silvestres máis que pola do gando. Por Alejandro Martínez Abraín (UDC) e Daniel Oro

Un modelo da UDC simula como se comportará a rótula tras unha operación de prótese de xeonllo

A ferramenta desenvolvida no CITENI permite comparar diferentes escenarios cirúrxicos e adaptados ás características de cada paciente