Domingo 15 Xuño 2025

Un vertedoiro dun quilómetro cadrado xunto a unha xoia do Parque Nacional

Un informe ministerial abre a porta á reapertura da zona preto da illa de Sálvora para depositar a dragaxe do Lérez, cerca da fábrica de Ence

Un macrovertedoiro a escasos tres quilómetros do Parque Nacional Marítimo Terrestre. Un problema que volve, catro anos despois. O depósito de Sálvora regresa ao centro do debate tras o seu peche provisional polo Ministerio de Transición Ecolóxica no ano 2021. Un informe do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) —ao que GCiencia tivo acceso— recomenda usar os depósitos de Sálvora, lugar de orixe da polémica.

O organismo dependente do Ministerio de Transportes e do de Transición Ecolóxica abre así a porta a poder deixar alí os sedimentos procedentes dos portos de Pontevedra e da ría de Arousa. O informe do CEDEX permite coñecer polo miúdo as verdadeiras dimensións do vertedoiro, dun quilómetro cadrado. Utilizado desde 1975, xa hai máis de 4,2 millóns de metros cúbicos de restos dos dragados (sobre seis millóns de toneladas) no lugar. Moitos destes, cun pequeno grao de contaminación.

Publicidade

O documento describe este como o recomendado para todas as operacións de dragaxes menos para os da ría de Vigo. Porén, os técnicos do CEDEX si observan consecuencias, como unha diminución da densidade e especies dos bentos (como poden ser os poliquetos ou bivalvos) nos lugares onde se producían as verteduras. Segundo o informe, isto non afecta as estruturas das comunidades. Ademais, o lugar atópase na Zona Especial para a Protección de Aves (ZEPA).

A profundidade reduciuse 16 metros

Os datos recollidos no depósito de Sálvora revelan que a vertedura de materiais dragados ao longo das décadas está a ter certas consecuencias. Especialmente na chamada zona “E8-7”, que concentra unha parte importante deses sedimentos. De feito, o propio informe recalca a importancia de repartir mellor os emprazamentos nos que se botan estes depósitos. Unha imaxe da batimetría amosa un gran desequilibrio, cun cúmulo nunha zona. O nivel do fondo mariño aumentou ata 16 metros nese punto, unha menor profundidade que, segundo o informe, non é preocupante para a navegación.

Publicidade

Os informes técnicos tamén amosan que, polo momento, non se superan ningunha das métricas de materiais pesados. Con todo, ese desequilibrio tamén é patente nestas medicións. Por exemplo, mentres que a maioría dos puntos rexistran uns niveis de cadmio inferiores a 0,125 miligramos por quilogramo, a zona E8-7 acada os 1,11 miligramos. O primeiro límite, que suporía maiores advertencias e revisións, está nun valor de 1,2.

A pregunta agora é como repercutirá a necesidade de dragar 1.532.308 metros cúbicos de sedimentos (1.048.000 da ría de Arousa e 484.308 da de Pontevedra). Non todo acabará no mar, xa que se pode volver usar parte pero, a falta de saber ese dato, o informe da a súa aprobación a utilizar a zona de Sálvora. Iso si, falta por saber que categoría ambiental teñen eses sedimentos da ría de Arousa e os de Pontevedra.

A contaminación na ría de Pontevedra

Os elementos contaminantes que hai nos materiais dragados son cantidades pequenas que, acumuladas, poden ter consecuencias ecolóxicas. A dragaxe do Lérez, por exemplo, é necesaria, pero o impacto dos seus restos pode ser maior ca noutros lugares. De feito, nas operacións feitas desde o ano 1997, os portos de Pontevedra e Marín son os que teñen menor taxa de sedimentos limpos nas Rías Baixas.

Un dos motivos podería ser a súa proximidade á planta de celulosas Ence e da antiga Elnosa. Nun informe interno da compañía da pasta de papel en 2009, publicado 12 anos despois por eldiario.es, advertíase de que os solos estaban contaminados de mercurio por culpa da labor de Elnosa.

A dificultade é atopar outro lugar onde deixar estes sedimentos. Os outros dous puntos alternativos analizados polo CEDEX tamén forman parte da ZEPA. De feito, un deles sitúase a menos de 3 quilómetros de distancia do punto E8. O último proposto atópase a 6,7 quilómetros das illas Cíes.

Os técnicos si avisan da recomendación de non realizar as verteduras con climatoloxía adversa. Pídeno para evitar que, entre outros motivos, “as manchas de turbidez ocasionadas durante a operación de vertedura poidan ocupar maiores superficies e achegarse ao PNMT das Illas Atlánticas”.

As dragaxes, paralizadas

O debate sobre o depósito dos áridos vén de lonxe, aínda que colleu forza en 2021. Se nos atopamos na illa de Sálvora, desprazámonos uns 7, 8 quilómetros. Imos cara ao suroeste. Alí podíanse (e pódense) ver barcos navegando, diferentes embarcacións. Entre elas, atopábanse as que deixaban no fondo mariño miles de metros cúbicos de terra, areas, rocas. Parte delas, cunha moi pequena, case imperceptible dose contaminante. Así, durante décadas.

Durante décadas, o depósito destes áridos centrouse nese punto preto de Sálvora. Tras a paralización de todas as operacións, quedaron no aire varias dragaxes, que agora esperan a posibilidade de mover estes restos o máis pronto posible.

A recomendación non se aplica á ría de Vigo

No caso da ría de Vigo, o traslado deses sedimentos foi mínimo, xa que reutilizan a inmensa maioría destes. En calquera caso, non deberían botalos en Sálvora, dada que a gran distancia supera o límite das 20 millas náuticas que debe haber. Esta condición é importante para impedir un exceso de contaminación no transporte destes restos.

Agora é preciso saber o estado dos sedimentos das zonas previstas para dragar. Porque aínda co informe ambiental positivo, cada estudo será necesario para entender que as zonas máis delicadas do Sálvora e a súa fauna non se vexan máis afectadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis de 700 exemplares de mosquito tigre en Galicia en só dous anos: “A súa expansión é inevitable”

O insecto volve aparecer este ano en Vigo e Moaña pero o risco para a saúde pública aínda é baixo

Pau á caza do lobo: os sete fitos dunha longa polémica que seguirá nos tribunais

Unha medida cautelar do Tribunal de Xustiza de Galicia abre un novo capítulo dunha disputa que cumpre catro anos de vaivéns

A RAGC entrega os seus premios anuais de transferencia, divulgación e xornalismo

Os avances de NeurObesity e o grupo I+D Pharma foron recoñecidos xunto ao traballo de Galiciencia e Lucía Cancela

O TSXG suspende de forma cautelar o permiso para cazar lobos aprobado pola Xunta

O alto tribunal afirma que hai “indicios consistentes” de que podería vulnerar a viabilidade das poboacións