Martes 8 Outubro 2024

Xavier Labandeira: “A solución ao cambio climático está nos países, non no cumio do clima”

O investigador Xavier Labandeira advirte do incremento dos eventos extremos e cre que se precisan accións "moito máis contundentes"

Un momento decisivo na loita contra o cambio climático. Ese é un dos lemas nos que se ampara o COP27; un cumio que congrega os representantes da meirande parte dos países do mundo para tomar medidas contra o cambio climático. O COP27 arrincou o pasado domingo na cidade exipcia de Sharm El Sheikh e rematará o vindeiro 18 de novembro. Ao longo de case dúas semanas, expertos de diferentes disciplinas e representantes gubernamentais de todos os puntos do globo tratarán de deseñar acordos clave que sirvan para reverter os efectos do quecemento global. Porén, as expectativas sobre este cumio deben ser realistas. “Non podemos frustrarnos porque estas reunións non están deseñadas para facer grandes avances. A solución ao cambio climático está nos países, non no cumio do clima”, valora o catedrático de Economía da Universidade de Vigo (UVigo) Xavier Labandeira.

“Adoitamos poñer moitas expectativas nestes cumes, como se fosen resolver o problema. Pero non. Para empezar, son reunións anuais. Algunhas foron moi importantes, como a de París ou a de Kioto pero outras, como a que está a celebrar en Exipto, serven para desenvolver os acordos xerais aos se chegou noutros cumios”, explica o investigador galego, participante no último Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC). Desta maneira, Labandeira indica que o verdadeiro punto de inflexión produciuse en 2015, cando se elaborou o Acordo de París. Os seguintes COP tamén foron clave porque serviron para desenvolver ese libro de regras e de medidas que é preciso aplicar para reverter o cambio climático. Polo tanto, o experto apela a entender a COP27 no seu contexto para evitar a frustración que, ás veces, se xera coa celebración destas reunións climáticas internacionais.

Publicidade

“Hai que regular os prezos da enerxía, apostar pola eficiencia enerxética… A cuestión está aí. E, ás veces, esas medidas non son ben recibidas”

XAVIER LAVANDEIRA, catedrático de Economía da UVigo

De feito, el insiste que o foco non só se debe poñer nestas reunións. “O tellado está sobre os gobernos, non nos COP. Son os países os que teñen que intensificar os seus obxectivos porque é no día a día onde xogamos o futuro“, insiste o investigador da UVigo. Tamén fai referencia á sensación de indignación social que ás veces se desprende da celebración destas reunións, que en ocasións semellan quedar en papel mollado. “Para poder cumprir con obxectivos máis ambiciosos hai que regular os prezos da enerxía, apostar pola eficiencia enerxética… A cuestión está aí. E, ás veces, esas medidas non son ben recibidas”, reflexiona Labandeira, que fai fincapé en que o obxectivo dos COP non é dar pasos de xigante, senón establecer as bases para que os países pasen á acción.

A toma de medidas é cada vez máis urxente, dados os recorrentes fenómenos extremos que se están a experimentar en todos os puntos do globo. Labandeira fai alusión ás inundacións este ano en Pakistán, con balance de máis de 1.300 falecidos. A menor escala pero máis próxima a nós, a forte vaga de calor que azoutou Galicia a mediados de xullo, converténdose na máis intensa e prolongada dende que hai rexistros. “A situación é moi preocupante. Estamos vendo un aumento da temperatura arredor de 1,1ºC e 1,2ºC, aínda por debaixo do 1,5º. E aínda así estanse a producir fenómenos extremos en todas as partes do planeta. Isto debería ser suficiente para lanzar unha mensaxe á poboación, aos políticos, ás empresas…”, apunta Labandeira. O experto da UVigo é contundente e insta á acción. “Temos os instrumentos e a arquitectura pero está fallando o pasar das palabras aos feitos“, recoñece o investigador. Pon o exemplo de Europa, á que cualifica como un dos territorios “máis avanzados” na loita contra o cambio climático: “Séguense dando subvencións xeneralizadas ao consumo de fósiles”.

Publicidade

Principais obxectivos

Malia as aparentes contradicións, o COP27 ten unha clara folla de ruta e deseña catro obxectivos prioritarios. O primeiro está relacionado coa mitigación. É dicir: limitar o quecemento global por debaixo dos 2ºC e manter o obxectivo do 1,5ºC, como se fixou no Acordo de París. “Estamos foi afastados destes dous limiares. Era evidente dende hai tempo pero o ano pasado, no cumio de Glasgow, as discusións centráronse bastante neste punto. Agora hai que sumar unha crise enerxética e xeopolítica en marcha, que en moitas ocasións actúa contra as políticas climáticas”, matiza Labandeira. O experto volve insistir no papel crucial que teñen os países e alude a que son eles os que establecen os seus obxectivos e explican de que maneira os van conseguir e implementar.

“Estamos foi afastados de limitar o quecemento global por debaixo de 2ºC e incluso de 1,5ºC”

XAVIER LAVANDEIRA, catedrático de Economía da UVigo

Outro dos puntos clave do COP27 é o financiamento. “Os mecanismos acordados en cumios anteriores tampouco están dando os fondos prometidos. Hai varios países, como Estados Unidos e Reino Unido, que non están achegando todo ao que se comprometeran”, indica Labandeira. A este respecto, en Exipto tamén se van abordar os mecanismos de “perda-dano”. Segundo explica o investigador da UVigo, é unha demanda dos países en vías de desenvolvemento, que están a pedir ferramentas de compensación porque non teñen os medios necesarios como para enfrontarse a estas crises climáticas, cada vez máis extremas. “O tema está incluído na axenda pero os países desenvolvidos non son moi partidarios”, engade o catedrático de Economía.

A maiores, prevese que no COP27 se deseñe un obxectivo global de adaptación aos logros conseguidos no cumio anterior, deseñando unha axenda mellorada para pasar á acción. Así mesmo, outra pata indispensable das reunións é a colaboración entre gobernos, sector privado e sociedade civil. De feito, Labandeira explica que no cumio do clima hai dúas partes ben diferenciadas: por unha banda están os países, coas súas respectivas delegacións, que discutirán sobre as regras e medidas recollidas no Acordo de París; por outra, toda unha listaxe de actividades moi variadas que están fóra desa negociación, pero na que participan empresas, oenegués… Nesta liña, o xoves 10 de novembro analizarase o papel que as novas xeracións están a ter na loita contra o cambio climático. “É un problema interxeracional polo que é fundamental que a rapazada teña representación nestes cumios”, asegura Labandeira.

“O cambio climático é un problema interxeracional e a xente nova debe ter representación nestes cumios”

XAVIER LAVANDEIRA, catedrático de Economía da UVigo

O camiño para reverter os efectos do cambio climático non é sinxelo e son moitos os expertos que ven inalcanzable a limitación do quecemento a 1,5ºC se non se toman medidas moi rápidas na redución de gases de efecto invernadoiro. Polo tanto, non haberá unha solución ata que o compromiso por parte dos países, tal e como sinala o experto da UVigo, sexa contundente. Sen ir máis lonxe, ao abeiro do COP24, o secretario xeral das Nacións Unidas, Antonio Guterres, pediu a todos os países que se establezan impostos sobre os beneficios extraordinarios obtidos polas empresas de enerxías fósiles para abordar os problemas derivados da alza dos prezos da comida e da enerxía, así como do cambio climático. A petición é moi clara: actuar rápido e actuar ben.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta vermella nas Rías Baixas polo exfuracán Kirk

O servizo de MeteoGalicia prognostica niveis de forza 10 no litoral de Pontevedra: poderían acadarse ventos de ata 140 km/h

Un proxecto liderado pola USC alimentará vehículos espaciais con enerxía láser

Un equipo do CiTIUS recibe 4,7 millóns de euros de Europa para unha tecnoloxía que tamén terá aplicacións na agricultura e na industria

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a figura e legado do Matemático Rodríguez

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicos de distintas áreas do coñecemento

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos