A homosexualidade a través do trobadorismo galego

Por Víctor López

O filósofo Michel Focault, na historia da sexualidade, falaba do século XIX como o momento no que xurdiu a identidade homosexual, aínda que na súa Historia da loucura na época clásica daba outra data anterior. O que buscaba o pensador francés era deixar claro que neste proceso social e histórico a visión da sexualidade muda ao longo dos séculos. Pero o importante é observar o que din os textos, ese si que é o reto fundamental. Foi o que Carlos Callón tratou de facer no seu libro Amigos e Sodomitas e na súa tese de doutoramento.

Publicidade

Na tese de Callón, que aínda non publicou, analiza ata 87 cantigas medievais galego-portuguesas e da conta de novos textos do trobadorismo galego que falaban de homosexualidade e lesbianismo. Nos agradecementos , Callón comezaba agradecendo a Manuel Ferreiro como sabio Sherlock Holmes do trobadorismo. Podemos dicir que tiñamos pistas, e só había que seguilas, da existencia de relacións sexuais e de afectividade intensa entre homes ou mulleres nas cantigas medievais.

“Non se tirara aínda suficientemente do fío. Había moita xente que atopaba un texto medieval e dicía que era o único caso de homosexualidade. Continuaba lendo bibliografía e atopaba outro que afirmaba que encontrara unha cantiga que fala da homosexualidade sen revés burlesco, e xa non era a mesma que anterior. Fun sumando todas e facendo un debuxo”, apunta o gañador do premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, que asegura que ás veces téndese a ler homofobia en textos que non son homofóbicos, ou téndese a esaxerar a homofobia en documentos que non son homofóbicos, ou a non reparar na posibilidade dunha hipótese homosexual que non sempre se pecha con total certeza, “igual que sucede con moitas das interpretacións das cantigas medievais”.

“Non se tirara aínda suficientemente do fío. Había moita xente que atopaba un texto medieval e dicía que era o único caso de homosexualidade”

Carlos Callón, investigador

Manuscritos mudados

Este é un exemplo de texto de diferentes lecturas: Don Tirso Peres quería hoje eu ser guardado do trebello seu. Nesta cantiga houbo quen mudou e onde puña ser guardado cambiou a ser guardada, porque non podía ser que fose un home quen se queixase dun mal amante. Cando se mudou o manuscrito nas edicións contemporáneas, entendeuse que era unha muller queixándose dun home, interpretouse que falaba dun mal amante. Ao comprobar que realmente pon guardado, entón a interpretación que algúns investigadores fan é de que se trata dunha sátira homofóbica.

“Pero en ningún momento neses versos afirma que vexa mal que se deiten dous homes. Nin que haxa que castigar a eses homes. O que di é que un home se queixa dun mal amante, de que Tirso Peres poida ir enriba del unha noite máis, querendo expresar: déixame en paz unha noite porque trebellas moi mal. Por iso é fundamental ler nos textos o que eles din”, sinala o investigador ribeirense.

Maioritariamente é nas sátiras onde se aborda máis esta diversidade sexual, e nas que se atopan recollidas as significantes homosexuais, pero estas non son homofóbicas. As sátiras permiten ter unha visión máis aproximada da realidade do día a día, mentres que nas cantigas de amigo e amor téndese a idealizar o amor desde o lado masculino ou feminino. As sátiras galego-portuguesas medievais poden chegar a tratar temas obscenos, sacrílegos, escatolóxicos… “Pero a pesar diso son cantigas moi ben elaboradas e cunha arte poética marabillosa. Estaban tan orgullosos delas, aínda dicindo as maiores barbaridades, que ían asinadas, e daba igual que fosen reis, importantes señores feudais ou nobres. Isto permítenos ver tamén unha realidade amatoria máis diversa. Mesmo nas cantigas de amor que se ríen dunha persoa que morre por amor. Non é estraño que neste contexto atopemos cantigas que nos falan da diversidade”, incide o filólogo galego.

“Os autores das cantigas estaban tan orgullosos que, aínda dicindo barbaridades, ían asinadas, xa fose por reis, señores feudais ou nobres”

Amar a dúas mulleres

Atopamos, por exemplo, un trobador que ama a dúas mulleres, sabe que están emparentadas, e se laia diso. Ou outras onde nos falan de situacións lésbicas como esta: “Mari’Mateu, Mari’Mateu, tan desejosa ch’es de cono com’eu!”. “Cousa máis directa que isto é imposible, polo que é lóxico que ese rexistro adoite estar no ámbito satírico. O curioso é que a crítica contemporánea chegou a dubidar de se era ou non lésbica. Non é entendible que haxa críticos serios que din que MariMateu podía ser bisexual, porque lles custa asumir que a diversidade sexual existiu sempre, e ollo, tamén nas cantigas amatorias”.

Bernal de Bonaval é un dos autores máis célebres dos nosos códices, é unha das figuras que destaca nas invectivas que se recollen contra el. Da súa autoría coñecemos cantigas de amor, de amigo, tamén algunha tenzón. Pero o curioso son as composicións satíricas que falan del como un home que gusta doutros homes, e mesmo dunha forma moi intensa, incluso de promiscuidade, e nalgunhas cantigas interpretable como de afeminamento. “Non hai que esquecer que o que coñecemos das cantigas é pouco. Que o espectáculo trobadoresco foi moito maior, o que nos chegou a nós e só a punta do iceberg. Non conservamos testemuñas fundamentais. De boa parte da nobreza galega non conservamos nada, e hai etapas das que non chegou ningún documento. Por iso hai que tratar de reconstruír biografías como as de Bernal de Bonaval ou Pero da Ponte, para chegar a conclusións como que Bernal de Bonaval non era heterosexual, cando menos no que hoxe entendemos como tal”.

“Hai que reconstruír biografías como as de Bernal de Bonaval ou Pero da Ponte para chegar a conclusións como que Bernal non era heterosexual, cando menos no que hoxe entendemos como tal”

Outros autores que tratan o tema son João de Menezes, Fernão da Silveira, Rodrigo de Castro ou Pedro da Silva. Fernão da Silveira, por exemplo, compuxo unha sátira sobre as relacións dunha dama con Guiomar de Castro e Joana de Sousa nun triángulo amoroso. Tamén en Santiago, Carlos Callón fala do amor de dúas mulleres, Sancha e María. O Concello de Santiago decidiu colocar unha placa na rúa da Moeda Vella, lugar no que se sabe que elas moraban segundo conta a cantiga de Johan Vasquiz de Talaveira, quen fala dun casal de mulleres e no que se indica o nome e a rúa onde vivían, pero sen tratar de condenalas.

O nacemento do prexuízo homófobo

O medievalista John Boswell, que colaborou na fundación do Research Fund for Lesbian and Gai Studies da Universidade de Yale e estudou as unións entre persoas do mesmo sexo na Europa pre-moderna, destapou algúns casos de manipulación das fontes, como o cambio no Ars amatoria de Ovidio da frase “o amor dun home atráeme menos” por “o amor dun home non me atrae en absoluto”. O prexuízo homófobo naceu entre os séculos XI e XIII, consolidándose entre o XIV e o XV.

Aínda que non existe unanimidade na explicación deste cambio, Callón apunta ao absolutismo e á súa ríxida xerarquización social, que conlevaba unhas estritas normas de conduta sexual. A investigación da historia da muller constatou tamén o aumento do control sexual e da condición subalterna das mulleres nos últimos séculos da Idade Media. Co aumento do poder da monarquía pasouse a un aumento da represión e a intolerancia. Aqueles grupos sociais que se podían atopar nunha situación que non era de poder, pasaron tamén a ser perseguidos. Vaise reconfigurar o discurso e tamén o pasado.

Foi Boswell quen, no seu libro Cristianismo, Tolerancia Social e Homosexualidade. Os gais en Europa occidental desde o comezo da Era Cristiá ata o século XIV, advertiu de que a Igrexa católica non comezara a condenar aos homosexuais polo menos ata a partir do século XII.

“Nos mil primeiros anos de historia do Cristianismo non hai pecado de sodomía. Nin por homes que se namoraban de homes, nin por mulleres de mulleres. Reeláborase mesmo o pasado. E atopamos pasaxes da Biblia, como o da falta de hospitalidade de Sodoma, que se acaba entendendo como unha condena da homosexualidade, a partir da interpretación realizada polo teólogo Pedro Damián. Se les esa pasaxe sen eses óculos previos, verás que é difícil de entender”, argumenta Callón, que resalta que xa na Idade Moderna, coa caza de bruxas, aumenta cun novo expoñente, que xa na época contemporánea dá outra volta de torca, coa nova conceptualización de heterosexualidade e homosexualidade.

Unha falsa Idade Media

A idea de que a Baixa Idade Media era unha sociedade moito máis pechada do que en realidade era é algo que, por unha parte, desde o ámbito académico tendeuse a repetir, e por outra, tamén na cultura popular creouse unha falsa Idade Media, como a que se ve en series de televisión actuais, como Xogo de Tronos ou A Casa do Dragón.

“É interesante sinalar como, para imaxinar esa Idade Media, colocaron un pecado de sodomía que non aparecía nos libros. É buscar sempre a representación desta época como a idade das tebras. De súpeto, atopas a literatura galego-portuguesa medieval e ves que non hai nada diso. Levamos anos e séculos escoitando unha cousa diferente e hai a quen lle costa ler o que os textos nos din. O debate debemos realizalo sempre baseándonos nos documentos e non nos preconceptos históricos”, conclúe Carlos Callón.


Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


BRR1. Un reino agochado
BRR2.Vellos líderes de tribo
BRR3. Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller
BBR5. Galicia, primeira revolución europea
BRR6. Eran os mosteiros os paraísos fiscais da época?
BRR7. Da vella Gallaecia á nova Galicia
BRR8. Galicia e Portugal, unha historia común
BRR9. Fortificacións en réplica
BRR10. A lírica trovadoresca galega
BRR11. De cando se escibía só en galego
BRR12. Doma e castración do galego.
BRR13. A inventio da tumba do Apostolo
BRR14. A diversidade sexual na Idade Media

O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022