“A previsión non é boa, nada apunta a un período intenso de chuvias”

O climatólogo e investigador da USC Dominic Royé asegura que o estrés hídrico continuará e que a situación xa "é preocupante"

A calor abafante da semana pasada xa quedou gravada na memoria de todos os galegos. Tan só hai un mes que é verán, pero xa forma parte da historia da meteoroloxía do país. Durante a última, intensa e prolongada onda de calor, a primeira do ano para Galicia, rompéronse récords absolutos de temperatura. E todos os expertos conveñen en que a situación “é preocupante”. Un dos que se suma a esta opinión é o climatólogo e investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Dominic Royé. “A previsión non é boa para o que queda de verán. A situación segue a ser bastante anómala e calorosa do normal, tanto na península como no resto de Europa”, asegura Royé. E, segundo as previsións, nada parece apuntar que as circunstancias actuais vaian cambiar. “Non vai haber chuvia, polo menos, nada indica que haxa un período intenso e xeneralizado. O estrés hídrico seguirá”, afirma.

Ante a posibilidade de que se volva desencadear unha situación tan extrema como a pasada vaga de calor, Royé recoñece que é algo “moi difícil de predicir”. O único que se pode analizar con contundencia é o episodio extremo que se viviu en Galicia, que non tivo precedentes. “Dende logo que as ondas de calor son o habitual no verán. Pero que duren tantos días e sexan tan intensas e prolongadas, non. Claramente pódense relacionar co cambio climático“, explica o investigador da USC. Sobre todo, atendendo ás diferenzas entre Galicia e outras zonas de España, como pode ser o Mediterráneo, onde si é habitual que as ondas de calor perduren máis no tempo. “Foi un episodio demasiado longo. De feito, nas Rías Baixas chegáronse a alcanzar as primeiras noites tórridas da historia de Galicia, con máis de 25 graos de mínima“, indica. E, ademais, recorda que este tipo de noites, con temperaturas tan elevadas, comezaron a aparecer no Mediterráneo en 2003. É dicir, nunha época moi recente.

Publicidade

Influencia da DANA

Unha das principais causas da situación tan anómala que viviu Galicia a semana pasada foi unha DANA. Segundo explica Royé, trátase dunha depresión illada en capas altas e onde se acumula o frío. Por norma xeral, este tipo de sistemas adoitan estar asociados con chuvias torrenciais. Porén, isto non foi o que ocorreu no caso de Galicia. “Estaba bastante preto da fachada atlántica e, en combinación co anticiclón e debido ao seu xiro, empuxaba masas de aire do sur. Agora, esa DANA desprazouse máis ao norte da península, empuxando e movendo ao mesmo tempo esas masas tan cálidas. Por iso Francia, Inglaterra e Alemaña rexistraron temperaturas tan altas ao principio da semana”, continúa explicando o investigador, dando conta das marcas históricas que tamén se romperon neses países europeos. “A DANA pode ser comparable co funcionamento dunha aspiradora. Tira do aire que está no sur, collendo todas as correntes e masas que hai en África, no norte, e que son moi cálidas”, engade Royé.

“Simplemente actuou como un mecanismo impulsor do fluxo de aire que viña do sur, provocando un episodio como o da semana pasada”, explica o climatólogo. Polo tanto, a calor sufocante derivouse deste fenómeno, xa histórico. Unha DANA que tamén influíu na formación da tormenta explosiva que sacudiu Galicia a noite do xoves 14 de xullo, segundo trasladaron fontes de Meteogalicia a GCiencia. E, á súa vez, provocou a intensa onda de incendios que está a asolar o Courel, Valdeorras e O Invernadeiro, cualificada xa como a peor da nosa historia, con máis de 31.000 hectáreas queimadas. Malia que o máis duro xa puido pasar, a situación que proxectan os expertos de cara ao resto do verán é de todo menos prometedora. Altas temperaturas, seca e moi pouca chuvia. Un escenario que recorda a todo menos a Galicia.

Publicidade

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro