Coido que sempre me caractericei por medir moito as miñas declaracións en relación ao tema dos lumes e a súa xestión, intentando apoiarme en datos obxectivos e evidencias científicas. A parte máis fría e racional da miña mente sempre intenta achegar solucións e facer críticas e análises construtivas perante un problema socioloxicamente complexo, e un enorme reto social e medioambiental (véxase a última nota de prensa referente á miña carta recentemente publicada na revista Nature).

Pero é que ademais de científico, doutor en ecoloxía terrestre, autor de non sei cantas publicación en revistas internacionais, son persoa. E unha persoa sensible, defensora da natureza e a cultura do noso país. E, ademais, pai dunha nena en Galicia. O que estamos vivindo este ano é desolador, como tamén o foi en anos recentes en Portugal, Grecia, Italia; en California, Australia ou Chile. E ademais é tremendamente frustrante. E por que? Porque levamos anos alertando sobre as consecuencias do cambio climático, do abandono rural, da falta de planificación territorial. Do risco de sufrir unha vaga de lumes como a ocorrida no 2017 en Portugal, onde morreron máis de 100 persoas. E cal é a reacción dos responsables políticos e sectores socioeconómicos decisivos neste país? Hoxe é o Courel, onte foi o Xurés, e mañá? A que estamos esperando para reaccionar como sociedade perante a inacción dos diferentes gobernos que marcaron e seguen a marcar a nosa axenda?

E cal é a reacción dos responsables políticos e sectores socioeconómicos decisivos neste país? Hoxe é o Courel, onte foi o Xurés, e mañá?

Vou ser claro, a non xestión é unha decisión. É unha decisión con claras implicacións no tema que hoxe me leva a facer este escrito. A vaga de lumes que estamos a vivir é en gran medida consecuencia das decisións tomadas no eido agroforestal e territorial dos últimos 40 anos. O abandono rural en Galicia, como noutras rexións do sur de Europa, é un proceso que comeza na segunda metade do século XX. O éxodo rural levou consigo a perda das actividades agropastorais tradicionais e o seu conseguinte impacto nas nosas paisaxes. A cantidade e continuidade da carga de combustible, é dicir, da vexetación dispoñible para arder é moito maior que fai 50 anos. Está demostrado que unha política exclusivamente baseada na extinción de tódolos incendios, independentemente das condiciones e a intensidade coa que se produza, paradoxicamente favorece a acumulación de ‘combustible’, ao privar as nosos ecosistemas dun proceso ecolóxico fundamental, o fogo (efecto coñecido como ‘firefighting trap’).

Como xestionar as nosas paisaxes agroforestais sen fogo? Onde están os recursos para unha xestión a escala de paisaxe que nos permita facer fronte a esta nova xeración de incendios? Veñen para quedar. Necesitamos ser conscientes de que o cambio climático só vai favorecer as condicións para que estas ondas de incendios se repitan con máis frecuencia e virulencia. A acumulación progresiva de vexetación sen xestionar, baixo as condicións de seca e estrés hídrico á que están expostas, crea as condicións ideais para a xeración de eventos extremos ante os que as brigadas de extinción teñen pouco que facer, máis alá de arriscar as súas vidas. Pensemos tamén neles.

O cambio climático vai favorecer que as ondas de incendios se repitan con máis frecuencia e virulencia

Precisamos ser conscientes da gravidade do problema. Precisamos crear paisaxes máis resistentes e resilientes aos grandes incendios forestais, camiñar cara a territorios fire-smart. Precisamos recoñecer o papel fundamental do fogo nas nosas paisaxes, o uso ancestral que del fixeron as comunidades rurais e incorporar ese coñecemento na xestión. As nosas paisaxes precisan urxentemente dunha xestión proactiva, adaptativa, integradora que permita un desenvolvemento rural compatible —a medio e longo prazo— coa biodiversidade e os servizos ecosistémicos. Está claro que a xestión reactiva, unilateral fronte os retos do cambio global non é efectiva, nin intelixente. E a inacción, repito, tamén é unha decisión.

Para avanzar na correcta dirección é necesaria unha actitude conciliadora, integradora e unha visión holística do sistema que favoreza as sinerxías entre as diferentes políticas sectoriais para ser capaces de implementar unha xestión realmente eficaz na loita contra aos riscos sociecolóxicos asociados co cambio climático e o abandono rural no noso país.

A dia de hoxe pregúntome: cal é a paisaxe agroforestal que queremos para a Galicia das próximas décadas?


*Adrián Regos é doutor en Ecoloxía e investigador do Centro Tecnolóxico e Forestal de Cataluña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.